O papel dos bosques autóctonos e dos montes e a súa correcta xestión é fundamental para afrontar o cambio climático.
O cambio climático e os bosques están intimamente ligados. Por unha banda, os cambios que se producen no clima mundial están a afectar aos bosques debido a que as temperaturas medias anuais son máis elevadas, á modificación das pautas pluviais e á presenza cada vez máis frecuente de fenómenos climáticos extremos.
Ao mesmo tempo, os bosques e a madeira que producen atrapan e almacenan bióxido de carbono, co cal contribúen considerablemente a mitigar o cambio climático.
No reverso da medalla sucede que a destrución, explotación excesiva ou incendio dos bosques pode producir bióxido de carbono, gas responsable do efecto invernadoiro.
A FAO advertiu que é necesario tomar medidas agora para facer fronte a esta complexa serie de interrelacións dunha forma integral.
«Sen dúbida é necesario frear a deforestación e ampliar a superficie boscosa” sinala Wulf Killmann, Secretario do Grupo Interdepartamental de Traballo da FAO sobre Cambio Climático. “Pero tamén é necesario substituír os combustibles fósiles con biocombustibles elaborados con madeira de bosques xestionados de forma responsable, a fin de reducir as emisións de carbono. Hai que utilizar ademais máis madeira para producir produtos duradeiros capaces de manter o carbono fóra da atmosfera durante períodos máis longos de tempo.»
Os bosques e os montes atrapan un billón de toneladas de carbono.
Os combustibles fósiles liberan bióxido de carbono ao queimarse e incrementan a presenza deste gas na atmosfera que, á súa vez, contribúe ao quecemento do planeta e o cambio climático.
As árbores e os bosques axudan a mitigar estes cambios ao absorber o bióxido de carbono da atmosfera e convertelo, a través da fotosíntesis, en carbono que «almacenan» en forma de madeira e vexetación. Este proceso denomínase «fixación do carbono».
Nas árbores o carbono supón en xeral ao redor do 20 por cento do seu peso. Ademais das árbores mesmos, o conxunto da biomasa forestal tamén funciona como «sumidoiro de carbono». Por exemplo, a materia orgánica do chan dos bosques -como o humus producido pola descomposición da materia vexetal morta- tamén actúan como depósito de carbono.
En consecuencia, os bosques almacenan enormes cantidades de carbono. En total, os bosques do planeta e os seus chans actualmente almacenan máis dun billón de toneladas de carbono, o dobre da cantidade que flota libre na atmosfera, indican os estudos da FAO.
A destrución dos bosques, por outra banda, libera na atmosfera uns seis mil millóns de toneladas de bióxido de carbono ao ano, e para o equilibrio deste elemento, así como para a conservación do medio ambiente, é importante evitar que escape este carbono almacenado, explica a FAO.
Aproveitar os bosques para combater o cambio climático
Unha correcta xestión pode axudar a combater o cambio climático mediante repoboación forestal (plantar novas árbores) e reforestación (volver plantar zonas deforestadas), ademais de evitar a talla dos bosques.
A FAO e outros grupos de expertos estimaron que a retención mundial de carbono producida pola diminución da deforestación, o aumento da repoboación forestal e un maior número de proxectos agroforestais e plantacións poderían compensar un 15 por cento das emisións de carbono producidas polos combustibles fósiles nos próximos 50 anos.
A madeira que se obtén tamén funciona como sumidoiro de carbono. A madeira utilizada para construción ou para facer mobles almacena con eficacia o carbono durante séculos. A fabricación de materiais de construción como os plásticos, o aluminio ou o cemento, polo común require grandes cantidades de combustibles fósiles. Substituílos con madeira ofrece, por tanto, grandes beneficios en materia de redución das emisións de carbono.
Así mesmo, o uso de madeira como combustible no canto de petróleo, carbón e gas natural, pode en realidade mitigar o cambio climático. Aínda que a combustión de madeira e biomasa libera bióxido de carbono na atmosfera, se eses combustibles proceden dun bosque cuxa xestión é sustentable, esas emisións de carbono pódense compensar a través de plantar novas árbores.
En efecto, cunha xestión adecuada os bosques poden fornecer bioenerxía case sen emitir gases de efecto invernadoiro á atmosfera.
Os bosques sofren fenómenos meteorolóxicos extremos e máis incendios.
Unha consecuencia do cambio climático para os bosques é o aumento de fenómenos meteorolóxicos extremos, que poden causar unha importante perda de árbores. Á parte destes efectos directos, as inundacións e as tormentas tamén poden modificar as correntes de auga das que dependen as árbores e danar a saúde dos bosques.
Un clima modificado tamén permite o ingreso de especies exóticas e nocivas que invaden os ecosistemas afectados. Os cambios na temperatura e o réxime de choivas poden propiciar pragas de insectos, tanto nos bosques boreales como nas plantacións forestais en rexións tépedas e tropicais, con consecuencias devastadoras.
O aumento das temperaturas agrava os incendios forestais.
Estes cambios previstos nas especies arbóreas, na composición dos bosques e o volume e presenza das poboacións de insectos, repercutirán tamén na dinámica dos incendios forestais.
Aínda que os incendios forestais case sempre son producidos polo home, a súa frecuencia cada vez maior pode obedecer ao aumento das temperaturas e á modificación dos ventos debidos ao cambio climático.
Nalgunhas rexións a seca parece claramente asociada á frecuencia e intensidade dos incendios. Os incendios en Galicia e Portugal son unha lacra e a preocupación de primeira orde en tempos de seca e de risco de incendio alto.
Axudar aos bosques para adaptarse.
«As autoridades forestais deberían avaliar a vulnerabilidade dos seus bosques e examinar se as especies de árbores están a reaccionar ante os fenómenos meteorolóxicos extremos», sinala Dieter Schoene, experto forestal e en cambio climático, da FAO.
«Os responsables da xestión forestal necesitan comezar a contemplar medidas capaces de axudar aos bosques para afrontar e adaptarse ao cambio climático, ou estes bosques non subsistirán a longo prazo», afirma.