Fragmento da revista «Historia de Corcoesto, nº 2».
A minería romana está presente na configuración dos montes de Corcoesto.
Gran corta nos depósitos mineiros e gabia.
Detalle da corta e gabia de Monte Pedroso, Corcoesto. Hoxe en día as explotacións forestais dominan a paisaxe.
En Corcoesto constátase o emprego de varias técnicas mineiras: as grandes cortas, as gabias superficiais de dous ou catro metros de profundidade e as minas de galería, pero para todas elas foi imprescindible o uso da auga para lavar a grava e o posterior bateo.
En Corcoesto excavaron canles. Os depósitos de aluviais son frecuentes nalgunhas áreas do monte, onde se aprecian as areas, os limos e os cantos rodados.
Canle do Picoto, Corcoesto.
Unha vez descuberta e valorada a riqueza do xacemento mineiro a través de prospeccións, a primeira fase de explotación consistía en abater e desfacer o conglomerado aurífero. As técnicas empregadas variaron en función das características do conglomerado:
– Cando este non posuía moita potencia ou só era necesario extraer unha capa do mesmo, bastaba con utilizar a auga como axente erosivo por gravidade.
Cando se contaba cunha pendente considerable, a auga arroxábase desde os depósitos para que fose arrastrando o conglomerado aurífero, coma se dunha cárcava ou gabia artificial se tratase.
– Noutros casos, os niveis máis ricos en ouro explotáronse selectivamente, facendo sucesivos surcos converxentes por onde se arroxaba a auga para arrastrar todo o conglomerado.
Os cantos rodados arrastrados pola minería romana configuran hoxe en día os valados dos montes e das explotacións forestais.
A minería é a actividade económica da Antigüidade que mellor quedou fosilizada na paisaxe, como unha auténtica máquina do tempo que nos transporta e achega ao esforzo de miles de habitantes locais, que cavaron na dura roca ou lavaron toneladas de terra. Aínda que eran fundamentalmente campesiños, dedicaban parte de ano a traballar nas explotacións auríferas, como parte das súas obrigacións tributarias con Roma. Iso é o que fai tan especiais estes restos arqueolóxicos.
Explotación forestal de piñeiro nos montes de Corcoesto.
Acceso a fincas forestais delimitado por dúas mouteiras.
