O MUNDO chámase carballo
O MUNDO chámase carballo.
Podía ser
abedueira, chopo,
capudre, castiñeiro,
sobreira, virgondoiro,
teixo sombrío ou freixo de tríplice raíz.
Pero non,
o mundo chámase carballo
desde que o mundo é mundo.
Deitouse o avó
dos avós dos avós
á sombra do carballo,
e adormeceu, e o soño
naceulle dunha landra
coma cerebro, fixo
dúas follas minúsculas
e unha raíz que axiña
se dividiu buscando
sales, metais, materias
orgánicas escuras,
colleu pulo, estrincouse
sobre a terra, tirou
da seiva cara arriba,
xemou en tres, en catro, en cinco gallas,
abriuse lento coma un mundo,
formou roda, os paxaros
aniñaron nas fronzas,
e o peto carpenteiro
carpentaba buratos.
Darío Xohán Cabana.