Ao longo do século XVI pódese constatar que a Corcoesto chegaba xente foránea a Galicia. Un dos motivos era a fama do ouro na zona, de aí os bateiros do río Lourido e das berias do Anllóns, que eran buscadores de ouro, pero tamen tiña a súa xustificación na lonxanía de Galicia cos centros de persecución relixiosa españois de xudeos e conversos, polo que favorecía que moitos deles buscaran refuxio nas vilas galegas sobre todo do interior.
Dábase a paradoxa de que a medida que triunfaba a Contrarreforma en España, a Galicia e as súas vilas do interior chegaban cada vez máis xudeos e moriscos desterrados. Constatados estes feitos o poder real seguía a súa política de domar aquela terra de Galicia, iniciada polos reis católicos, Isabel e Fernando, segundo consta na documentación da época.
Desta época é precisamente a auxe vivida pola aldea de Aldemunde, hoxe en ruinas, entre o concello de Cabana e Coristanco. Aldemunde era unha aldea na que incluso se celebraba mercado semanal. O seu propio nome indica que é unha aldea do mundo, composta por mestizaxes e xentes de diversos lugares. De feito nas ruinas que existen, pódese apreciar o detalle en oxiva das fiestras, que lembra a arquitectura morisca.
E é neste ambiente propiciado pola Contrarreforma e a guerra de Flandes, cando as costas galegas convírtense en lugar de paso das grandes rotas oceánicas e o teatro preferido polas correrías dos piratas e corsarios protestantes, que vían nestes asaltos unha forma de castigar as persecucións relixiosas levadas a cabo en España polo Tribunal do Santo Oficio. Ben coñecidas son as aventuras desta época do pirata inglés Francisco Drake e o flamenco Luis de Nasssau, que compartían a opinión de que o punto débil do Imperio español eran as súas costas e comunicacións marítimas, e así dispuxéronse a probar esta afirmación con feitos. De aí os asaltos as poboacións costeiras, poñendo de manifesto a incapacidade do rei español de protexer as súas costas e os seus habitantes, en sinal de castigo por intentar frear o protestantismo en Europa.
É neste esceario cando o Tribunal da Inquisición traslada o culto de Santa Mariña desde a praia de Santa Mariña de Niñóns, en plena zona costeira, no concello de Ponteceso, a unha zona do interior, á actual Santa Mariña do Remuiño en Corcoesto, precisamente para deixalo a salvo dos asaltos dos piratas protestantes. Do mesmo xeito rexorde en Corcoesto a importancia do Tribunal do Santo Oficio para gardar o culto católico dos inimigos e preservar a fe.

O nome do Inquisidor responsable da aplicación do Santo Oficio en Corcoesto no ano 1670 era Miguel Collazo de Soto, dependente da Xurisdicción do Señorío da Penela, e home de María Rodríguez Sobrino.
Miguel era fillo de labradores honrados e limpos que moraran na freguesía de San Pedro de Corcoesto (segundo consta nun expediente de 1670). Saíu de Galicia para buscar fortuna e achouna en Madrid, na Corte. Unha vez fixo fortuna buscou respaldo social solicitando ingresar no Santo Oficio, solicitude que foi aprobada grazas ao expediente arriba citado. De volta a Galicia conseguiu o Regidorato de Santiago e construíu unha nova mansión onde radicaba o solar nativo que herdara dos seus pais e outra en Baldomir. Foi pai de Mª Josefa Collazo de Soto e Rodríguez Sobrino quen casou con Diego Antonio de Ribera Taybo e Fernández Varela, Rexidor perpetuo de Santiago e dono da Casa de Baldomir (Guísamo).
Este Miguel era un home ben peculiar, e así o demostra o feito de que en posesión do seu posto de secretario do segredo do Santo Oficio non tiña reparos en litigar pola vía civil contra todo aquel que lle adebedara cartos. Así aparece no Arquivo no ano 1676, como demandante contra Alberto Fernández de Arroa, por unha débeda de 600 ducados de vélaro.
Sen embargo, no ano 1734 foi acusado polo propio Tribunal do Santo Oficio por revelar segredos, tal e como se recolle no Tomo II (A.H.N., Ing., Libro 686: desde o 5 de outubro de 1720 ata o 28 de xullo de 1762).
Os funcionarios inquisitoriais, antes de ser nomeados, eran sometidos a un riguroso estudo da súa xenealoxía e de pureza de sangue.
O Santo Oficio, como unha institución de elite, aproveitou e incorporou nas súas filas aos membros das estruturas de poder local para estender o seu prestixio e o seu poder. A existencia da forza inquisitorial adoitou lembrarse mediante a presenza destes funcionarios, acicalados coas roupas, insignias distintivas do Santo Oficio e co privilexio de portar armas. Vivir amparados baixo esta tutela garantiulles dita protección, polo que empregaban este poder para evadir calquera outra obriga.
Con esta forma de proceder e coa seguridade de sortear calquera vicisitude debido ao seu foro, os familiares, ao mesmo que os comisarios, os notarios e os alguaciles maiores, a miúdo foron acusados de utilizar a súa influencia para lucrarse en negocios pouco honestos, abusar da súa autoridade, utilizar a violencia,… Como consecuencia, a Inquisición reduciu os nomeamentos nas provincias onde os índices de delitos condenados eran menos altos e a súa presenza non fóra tan necesaria.
No lugar de Montefurado, existe o microtopónimo A Torre, en referencia a unha torre medieval fortificada destruida durante a segunda revolta irmandiña. O escudo da Inquisición na fachada lateral da casa que arestora alí se ubica, indica a presencia do Santo Oficio en Corcoesto.
O escudo da Inquisición represéntase por unha cruz rodeada por unha espada, en alusión á persecución dos herexes e a rama de olivo en sinal de reconciliación cos arrepentidos.

Noraboa polo artigo, certamente boísimo
Me gustaLe gusta a 1 persona