
O Plan forestal de Galicia é o instrumento básico para o deseño e a execución da política forestal galega, no cal se avalía a situación do monte galego e no que se establecen as directrices e os programas de actuación da política forestal de Galicia, así como os mecanismos de seguimento e avaliación necesarios para o seu cumprimento.
O Plan forestal de Galicia é o instrumento básico de planificación forestal e terá a consideración de programa coordinado de actuación, ao abeiro do disposto nos artigos 16 e seguintes da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.
A aprobación e, se é o caso, a modificación do Plan forestal de Galicia corresponderán ao Consello de Xunta mediante decreto, por proposta da consellaría competente en materia forestal, oído o Consello Forestal de Galicia, e axustaranse ao procedemento previsto no artigo 21 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.
Na elaboración do plan, co fin de propiciar a maior participación social, serán consultados, por medio dos seus órganos de representación, os propietarios forestais, particulares e montes veciñais, as entidades locais, o sector empresarial e os demais axentes sociais e institucionais interesados. Para estes efectos, establecerase un trámite de información pública conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
A revisión do plan fundamentarase no diagnóstico derivado da análise do inventario forestal de Galicia e doutros estudos que se consideren necesarios e implicará o cambio ou o axuste xeneralizado das medidas establecidas no plan así como dos seus obxectivos. O procedemento de revisión será o mesmo que o de elaboración.
As alteracións que non afecten as características esenciais do plan nin os seus obxectivos consideraranse simples modificacións puntuais e poderán ser realizadas directamente pola consellaría competente en materia forestal, que dará conta da súa execución ao Consello da Xunta, oído o Consello Forestal de Galicia.
Nos prazos que fixe o propio plan, deberá avaliarse o seu grao de execución e, de se considerar pertinente, tramitar as oportunas modificacións.
Eficacia vinculante do Plan forestal de Galicia
O Plan forestal de Galicia terá carácter vinculante en materia forestal e determinará o marco en que se elaborarán os plans de ordenación dos recursos forestais, e será indicativo para a elaboración dos instrumentos de ordenación e de xestión forestal e definirá as liñas de actuación das distintas administración públicas no ámbito desta lei.
Plans de ordenación dos recursos forestais
A Administración forestal elaborará os plans de ordenación dos recursos forestais como instrumentos de planificación forestal, que afectarán preferentemente cada distrito forestal, como territorios de condicións xeográficas, socioeconómicas, ecolóxicas, culturais ou paisaxísticas homoxéneas e que terán carácter obrigatorio e executivo nas materias reguladas nesta lei, nos termos establecidos en cada plan. Así mesmo, terán carácter indicativo respecto de calquera outra actuación, plan ou programa sectorial, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria cuarta.
O contido destes plans deberá coordinarse cos correspondentes plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito establecidos na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.