A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio someteu a consulta pública o documento ambiental estratéxico do proxecto do futuro Plan xeral de ordenación municipal do concello de Cabana de Bergantiños (A Coruña), expediente 2016AAE1956 Código 1873/2016, cuxo promotor é o concello.
Consideramos que o citado documento vulnera o artigo 45 da Constitución española, xera inseguridade xurídica, malestar e unha alarma innecesaria entre a poboación e a cidadanía afectada, ao incorrer no despropósito de continuar mencionando, pese ao paso do tempo e a estar finiquitado, unha vez máis o proxecto mineiro de Corcoesto.
No documento do proxecto denominado “MEMORIA INFORMATIVA” faixe referencia ao seguinte:
Páxinas 14, 16, 17 e 61 da Memoria Informativa do proxecto do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Cabana de Bergantiños (A Coruña)
O proxecto do futuro Plan xeral fai varias referencias á explotación mineira de Corcoesto e prevé a existencia dun proxecto mineiro. Ao respecto, o concello de Cabana de Bergantiños (A Coruña), non debera insistir nunha cuestión que cando máis fica obsoleta e desfasada no tempo, posto que nin sequera existe dereito mineiro algún sobre a zona.
Polo tanto a referencia anterior relativa a que: “Nesta unidade débese ter en conta o posible impacto económico e paisaxístico dos proxectos ou iniciativas que se poidan levar a cabo na antiga explotación mineira da zona”, carece de xustificación algunha arestora e en relación ao futuro.
Por Resolución administrativa de 7 de agosto de 2015 da Consellería de Industria da Xunta de Galicia, declarouse a caducidade dos dereitos mineiros de Corcoesto, resolución que é firme.
A maior abondamento, a Sentenza do Pleno do Tribunal Constitucional 33/2016, de 18 de febreiro, confirma a legalidade da actuación administrativa, e por tanto a CADUCIDADE DOS DEREITOS MINEIROS de Corcoesto.
Polo tanto, a realidade existente arestora en Corcoesto é que na zona afectada polo proxecto coexisten dúas clasificacións dos solos: solo rústico de protección forestal e solo rústico de protección paisaxística.
Calquer outra intención por parte do promotor do proxecto é allea á realidade da parroquia de Corcoesto.
O val fluvial do Lourido conta con parcelas de alto valor forestal e producción madereira. Existen parcelas con explotacións forestais que producen baixo sistemas de certificación forestal FSC.
Neste espazo concurren pois dúas categorías de solo rústico de especial protección:
- a) Solo rústico de protección forestal, constituído polos terreos de alta produtividade forestal que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia forestal.
- b) Solo rústico de protección paisaxística, constituído polos terreos considerados como áreas de especial interese paisaxístico de conformidade coa lexislación de protección da paisaxe de Galicia e como espazos de interese paisaxístico no Plan de ordenación do litoral.
Ambas categorías, no presente caso, son compatibles e complementarias. Por elo, ao abeiro do artigo 34.4 da LEI 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, cando un terreo, como é a área do val fluvial do Lourido, polas súas características, poida corresponder a varias categorías de solo rústico, aplicaranse os distintos réximes de forma complementaria.
O Val fluvial do río Lourido, ubicado nas parroquias de Cereo e Valenza (municipio de Coristanco) e Corcoesto (municipio de Cabana de Bergantiños) constitúe a Área de Especial Interés Paisaxístico- Río Lourido AEIP 09_02. A mesma foi declarada como tal polo Catálogo das Paisaxes, formando parte da Gran Área Paisaxística IX. Chairas e Fosas Occidentais (DECRETO 119/2016, de 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das Paisaxes de Galicia).
Non obstante, tal área paisaxística tampouco aparece recollida no documento do PXOM en tramitación.
O val forma parte das doce Grandes Áreas Paisaxísticas: a GAP “Chairas e Fosas Occidentais”. Figura referenciado como AEIP_09_02 Río Lourido.
Os seus valores naturais veñen dados por:
- Área de conservación do LIC río Anllóns.
- Área potencial de Escribenta das canaveiras.
- ZEC río Anllóns.
- ZEPVN río Anllóns.
- Zona 3 Plan xestión do Lobo.
O Catálogo das Paisaxes amplía o recoñecemento como Lugar de especial interés paisaxístico (LEIP) á Carballeira de Sta. Mariña do Remuiño, en Corcoesto, municipio de Cabana de Bergantiños.
Por elo, rexeitamos as referencias que no citado documento se realizan ao cancelado proxecto mineiro de Corcoesto.