Ana Miranda Paz, en representación da asociación Petón do Lobo, debatirá na eurocámara o próximo martes, 24 de xaneiro, tres peticións para rexeitar as 7 Julias que continuan vixentes sobre a zona do cancelado proxecto mineiro de Corcoesto. As peticións serán debatidas a partir das 16 horas e son as seguintes:
- Petición 768/2012, proxecto mineiro de Corcoesto.
- Petición 976/2013, proxecto mineiro de Corcoesto.
- Petición 1/2016, proxecto mineiro de Skouries, Halkidiki, Grecia.
A terceira petición está relacionada co proxecto mineiro de Halkidiki, en Grecia, de tramitación coetánea co de Corcoesto, e que arestora está a producir a maior catástrofe ambiental deste país ao arrasar centos de hectáreas de bosque primitivo con protección prioritaria no ámbito europeo. Esta petición conta co apoio do eurodeputado grego Nicolaus Chountis e o seu grupo parlamentario.
Corcoesto mostra así a súa solidaridade para coa rexión grega afectada pola deforestación ilegal que se está a realizar a consecuencia das actividades extractivas a ceo aberto nunha paraxe de alto valor ecolóxico e ambiental.
A retransmisión en línea dos traballos da Comisión europarlamentaria pódense seguir no seguinte enlace:
http://www.europarl.europa.eu/activities/committees/homeCom.do?language=ES&body=PETI
En relación á petición 768/2012 no seu día pedírase o rexeitamento do proxecto mineiro de Corcoesto en base á deficiente avaliación do documento ambiental, unha declaración institucional ao respecto e que se mantivera aberta a petición por se acaso a Xunta decidía autorizar definitivamente o proxecto. A petición fora aprobada pola eurocámara.
A Xunta de Galicia rexeitou finalmente o proxecto mineiro e declarou a caducidade de 3 dos dereitos mineiros Emilita, Ciudad de Landró e Ciudad de Masma, que formaban parte da área territorial na que se ía desenvolver o proxecto. A día de hoxe, a Xunta de Galicia mantén en vigor 7 dereitos mineiros (as 7 Julias), que tamen formaban parte do referido proxecto, e que non están caducados, pese a coñecer perfectamente as características da entorna humanizada afectada polos mesmos.
Un comentario sobre “Corcoesto volve ao Parlamento europeo o vindeiro martes, día 24 de xaneiro, da man de Ana Miranda Paz e a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo.”