Diversas ameazas cérnense en torno aos espazos naturais: eólicos, hidroeléctricas, liñas de alta tensión, minas a ceo aberto, infraestruturas viarias, incendios, seca, cambio climático, erosión, monocultivos forestais, caza, contaminación por diversas causas, desaparición do patrimonio cultural,…etc. Por se fora isto pouco, nas mans da cidadanía está frear o cambio climático e o quecemento global, ameazas irreversibles e globais para o planeta.
O fenómeno tamen afecta ao val fluvial do río Lourido, reserva fluvial e área de especial interés paisaxístico da comarca de Bergantiños, e que será o marco particular para a análise destas ameazas globais sobre un territorio concreto e a pequena escala.

O río Lourido é un afluente tributario do Anllóns que nace en fonte Cardeira e vai recollendo ao longo do seu percorrido as augas do rego Batán e doutros regos e fontes que nacen no val, entre as parroquias de Valenza, Cereo e Corcoesto. Únese ao Batán abaixo do regueiro de Cercarido, na parroquia de Cereo para desembocar no río Anllóns, preto do muíño do Xuareiro.
Desde fonte Cardeira a paisaxe amosa os muíños eólicos do cume do monte de Perrol e a liña de alta tensión de Cudeiro, que o atravesa desde Silvarredonda a Cereo, quebrando a calidade paisaxística das cuncas visuais e fragmentando un espazo de alto valor ambiental.
Cada vez chove con menos frecuencia e a seca afecta ao caudal do Lourido, ao igual que ao de todos os ríos, regueiras, regueiros, regos e regatos de Galicia. Antes cada verán e agora con maior frecuencia, a empresa concesionaria da central hidroeléctrica da paraxe de Sta. Mariña do Remuíño, opera no cauce do Anllóns para limpalo, acumular máis auga na presa e conseguir que o salto produza máis forza e enerxía.
Nas épocas de alto risco de incendio a veciñanza establece o que lle chaman as “patrullas veciñais disuasorias e de prevención”, para coidar dun espazo único e de alto valor ambiental, que forma parte da identidade e da memoria.
Os incendios esgotan a biodiversidade e afectan gravemente aos ecosistemas, causando a erosión dos chans e eliminando a súa funcionalidade. Temos así chans ermos e esmorecidos en boa parte de Galicia afectada pola baga de incendios, que xa abandonaron a súa estacionalidade para convertirse nun problema permanente.
Este espazo tampouco é alleo aos monocultivos forestais de eucalipto, que intentan incluso chegar aos bordes do río, e ameazar ás masas de vexetación de ribeira de bidueiros e salgueiros.
Cada vez é máis frecuente que apareza unha nova pista aberta en calquer lado do val, sen importar a fragmentación dos ecosistemas. Os espazos mudan e van incorporando novas infraestruturas que constituen ameazas antrópicas consecuencia da produción, distribución, transporte e consumo de bens e servizos.
Co tempo van desaparecendo os camiños históricos, porque mudan as necesidades da poboación, pero non se conserva o patrimonio cultural, histórico e artístico, sexa materia ou inmaterial. Os valos das fincas desaparecen porque os camiños teñen que adaptarse ás novos medios de transporte. Na memoria colectiva quedan así os rueiros, congostras, camiños, carreiros, pistas, corredoiras..etc.
Xa case ninguén recorda o camiño histórico que atravesaba o val fluvial no século XVIII, que baixaba desde Cereo polo regueiro de Cercarido, pasaba por arriba de Sta. Mariña do Remuíño, de lado do solano e vendabal para chegar a Fonterremula, cruzar os montes dos Picotos ata a poza negra do Anllóns, onde estaba o paso para continuar cara a Ponte-ceso.
Na memoria, e aínda físicamente sobre o lugar está o Batán do Lourido, preto de Baralláns, e os muíños de Baralláns, da Canle, do Mineiro e do Prillán. O mesmo ocorre coas pontellas de Baralláns, do Prillán e as dúas do rego Batán, principal vía de comunicación entre os veciños de Corcoesto, Lestón e Valenza.
Pouca xente lembra ao lobo no lugar de Petón do Lobo, nen as feiras da antiga aldea abandonada de Aldemunde, entre Lestón e Baralláns. Tan só fican as ruínas, testemuñas silenciosas dun pasado de feiras de gando buliciosas e xentes diversas do mundo.
Xa ninguén lembra as pesqueiras do río Anllóns e o espazo da lamprieira, onde aínda fican restos das pedras que conducían as troitas e as lampreas ás canles de pesca. Os pesticidas, plaguicidas, abonos, fertilizantes, puríns… esgotan e ameazan á fauna dos ríos.
Unha pesqueira é unha construción, feita nun río, aproveitando un lugar natural, de tal forma que en base a un muro ou varios, derívase a auga para un portillo estreito, no que se axusta unha rede especial para pescar principalmente lamprea pero tamén o salmón, o sable e outros peixes. Na súa construcción tiveron moito que ver xente que entendía as correntes dos ríos e eran grandes canteiros.
Así no río Anllóns, ao seu paso por Corcoesto, temos o lugar da Vitureira ou da Lamprieira, en clara alusión ás pesqueiras onde se colocaban os vituróns ou vutrón, é dicir, as redes que se axustan entre os poios para pescar as lampreas.
O lugar da Lamprieira, preto do lugar de Xabarín ou Xabariño, en Corcoesto, fai alusión precisamente ao lugar do río onde se colocaban as lamprieiras, é dicir as redes para a captura de lamprea.
De igual xeito o topónimo da Vitureira, fai tamen relación aos vituróns ou vutróns para pescar salmón, anguías e lampreas.
A construcción das presas e das centrais hidroeléctricas, as chamadas “Fábricas da luz” deixaron na memoria as pesqueiras do río Anllóns.
A vida nos ríos galegos e a abundancia piscícola era tan relevante que no lugar de Teixedo, en Corcoesto, chegouse a instalar a finais do século XVIII un secadoiro de salmón. A elo ben puido contribuir a proximidade do río Cardezo, tributario do río Anllóns, e a Regueira, onde desemboca o rego de Sta. Margarida de Baneira.
Quen diría que no ano 1714 as pesqueiras ou gargas do río Cardezo cultivaban ostras de auga doce. A ostra perlífera de auga doce é un animal filtrador que se alimenta de partículas transportadas polas correntes. Para soportar o frío, require un substrato de area ou de grava, o que lle permite introducirse nel, ás veces durante varios anos. Por tanto, é moi sensible á sedimentación dos ríos que constitúen o seu hábitat: a diminución do caudal, a colmatación dos fondos, conduce á súa desaparición sistemática, aínda que ás veces obsérvanse desprazamentos voluntarios dos adultos (menores niveis de auga ou aumento de turbidez). A súa presenza é pois un excelente bioindicador da calidade dos ríos.
A contaminación fluvial e en xeral de todos os recursos hídricos debera ser a maior preocupación da cidadanía, porque incide directamente na saúde humana e dos ecosistemas.
Por outra banda, xa non hai xabaríns no lugar de Xabarido. A caza afecta á biosfera porque interrompe o ciclo natural en especies particulares de animais, como o xabarín e o coello, e isto trae consecuencias para o resto dos animais, plantas e árbores que dependen das especies máis cazadas. Directamente afecta a todo o medio natural e ao declive dos grandes depredadores como o lobo, animal clave no equilibrio dos ecosistemas.
Pero aínda existe algunha esperanza. Aínda quedan ruscos ou xilbarbas en Sta. Mariña do Remuíño, Corcoesto. A xilbarba é un pequeno arbusto propio dos lugares onde hai carballeiras. Medra nos valados de Sta. Mariña. Este outono e inverno medraron entre os loureiros da Santa. Había anos que non se albiscaba este arbusto pola entorna. Ten propiedades mediciñais moi importantes e variadas.
Alguén coñece os fentos do lugar da Regueira, en Corcoesto? Son fentos enormes e entre eles está o fento real. O seu tamaño é un indicador da biocalidade deste espazo, que alberga unha vexetación riparia en bó estado de conservación e un conxunto etnográfico e patrimonial conformado por doce muíños.
Mudan os tempos, mais non debera isto representar unha ameaza para a biodiversidade e o patrimonio natural e patrimonial. Nas mans de todas e de todos está en coidar os espazos naturais e preservar e mellorar os seus valores ambientais, naturais, ecolóxicos, estéticos, paisaxístos…etc. Exercer unha cidadanía resposanble implica o seu coidado e preservación. Da saúde dos ecosistemas depende a nosa propia saúde.