Galería

No Día Internacional dos Bosques, lembramos ás carballeiras e montes de Corcoesto no ano 1767.

hdr
Bosque autóctono galego.

 

As carballeiras ou  “deesas” (dehesas) de Corcoesto no ano 1767.

A dehesa é un ecosistema de creación humana, un tipo de bosque formado por aciñeiras, carballos, sobreiras ou outras especies, con estrato inferior de pasteiros ou matogueiras, onde a actividade do ser humano foi intensa, e xeralmente están destinados ao mantemento do gando, á actividade cinexética e ao aproveitamento doutros produtos forestais (leñas, cortiza, cogomelos etc.). É un exemplo típico de sistema agrosilvopastoral e típico da zona occidental da península ibérica.

O termo dehesa vén do latín defesa (defensa), pois os primeiros poboadores na reconquista facían valados para protexer os rabaños aloxados nelas. O termo “deesa” empregábase para designar ás actuáis carballeiras.

En Corcoesto no ano 1767 aparecen documentadas tres carballeiras ou dehesas “deesas” importantes: dúas delas en Sta. Mariña do Remuíño e a de Sta. Margarida de Baneira.

No século XVIII as carballeiras identifícanse nos documentos oficiais co termo “deesa”.

En relación á paraxe de Sta. Mariña existía o bosque ubicado “a solano” e o bosque ubicado por enriba do “pozo do Remoyño”, en alusión ao remuíño que forma o río Anllóns ao entrar encaixado nun dos meandros do cauce, ao seu paso por Corcoesto.

Naquela época non existía moito bosque, posto que o destino das terras era principalmente o seu uso para a alimentación humana e do gando. Así eran moi frecuentes as estibadas nos montes, para as colleitas específicas dos cereais de inverno, isto é, millo e centeo. As estibadas podían ser individuais ou colectivas. Estas últimas eran as máis frecuentes nos montes abertos. Así en Corcoesto destacaban as estibadas que a veciñanza de Corcoesto realizaba nos montes comúns do lugar da Lamprieira, chamado así porque estaba preto da canle do río Anllóns, onde se ubicaban as pesqueiras de lamprea.

Así en relación á paraxe de Sta. Mariña no ano 1767 constátase que: “…todo aquel sittio esttá poblado de robles excepto por la parte del bendaval, que confina con la zerradura de la Agra de Sta. Mariña”, “El monte de la Lampriheira y el robledo que le circunda está junto al canal donde se cogen las lampreas”, “La robleda del resío de Sta. Mariña, al igual que el santuario de la gloriosa santa, la administra el párroco de esta feligresía yn solidum, con prohibición attodo género de personas”.

Naquel momento da historia a paraxe de Sta. Mariña do Remuíño era propiedade de Joseph Antonio Bermúdez de Castro, dono das torres e pazo de A Penela, se ben o caseiro do lugar era Domingo Antonio Amado Figueiroa, quen asinara un contrato de foro co dono do lugar uns catro anos antes aproximadamente. Con anterioridade os caseiros do lugar era a familia Grille. O novo caseiro consideraba que os montes da Lamprieira, onde os veciños de Corcoesto facían as estibadas, pertencían ao señor de A Penela, e por tanto eran terreos incluídos no contrato de foro, polo que pretendía cobrarlles un quinto da colleita á veciñanza que os cultivaba.

Preto de Sta. Mariña era propietario de montes o licenciado don Diego Labandeira, alto grao da Real Audiencia do Reino.

Ademais dos caseiros como Domingo Amado e Manuel de Lema, que era caseiro de Francisco Romero y Arijón, tamen existían os colonos como Domingo Torrado y Varela, veciño do lugar e couto da Boutureira, da feligresía de San Xián de Langueirón, pertencente á xurisdicción de A Penela. Este labraba unha porción de terreno no lugar de O Resío, como colono de Francisco Romero y Arijón, polo que lle pagaba a cantidade de vélaro correspondente.

Os montes de Corcoesto eran pois mixtos. Comunais tamen eran os montes de Cudeiro, Ínsua Boa e Agras de Corcoesto. Os montes de Arnados eran un couto (cotto) «en larguera», que labraba a veciñanza de Corcoesto.

Os montes de Teixedo ao igual que a carballeira de Sta. Margarida de Baneira eran propiedade da casa da Penela.

Os montes da Lamprieira e o seu resío (parte orientada á riberia do río Anllóns) quedaban libres de señorío, ao igual que o río, que era libre e franco para a pesca.

Os montes da Lamprieira eran montes comúns, sen dominio algún. Estes quedaban libres de señorío ata o río Anllóns para a pesca. No século XVII un pleito establecera que estos montes non podían quedar cerrados nen suxeitos a ningún señorío. Antes deste preito, o señorío da casa e torres de a Penela percibía o quinto do froito da xurisdicción, abadía e luctuosas por sinalamento de vasalaxe. O pleito fora entre os donos da casa de Nebra (da parroquia de Sta. María de Nebra, concello de Porto do Son) e os donos da Penela. Os donos da casa de Nebra eran os donos do couto do Anllóns, e das súas canles, estanques, baluartes e moendas. A veciñanza tratara de defender os montes comúns da Lamprieira nese xuízo. Gañado o mesmo, os montes ficaran libres e o río quedara libre para pescar, bañarse e para as moendas. Quedaba pois a veciñanza na «posesión pública, continuada y notoria de los montes de la Lampriera».

Veciñanza como Jacinto de Lema, Alonso Sánchez, Joseph e Antonio Roxo, Gregorio Baneira, Francisco Souttullo, Benitto Souttullo, Domingo Antonio Moreira, Juan do Matto, realizaban estibadas nos montes da Lamprieira. Aproveitaban a leña para queimar, estrume para abono de terras, tala de leña, estibas… A veciñanza da feligresía de Langueirón só podía aproveitar dos montes da Lamprieira en tempo de verán, porque en inverno non lles ían os carros polo Resío Grande que ía a Ponte-zeso.

IMG_20160817_192202
Carballeira de Sta. Mariña do Remuíño, Corcoesto.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s