O 7 de setembro de 2017, a compañeira Lola Schutz, da asociación ambiental Contramínate defendía en Bruselas, ante a Comisión de Peticións do Parlamento europeo, unha petición conxunta de sete colectivos da Costa da Morte, sobre o tratado de libre comercio e o controvertido sistema de arbitraxe entre EEUU e a UE.

O Parlamento Europeo discutiu sobre a creación dunha nova corte para a arbitraxe con investidores que avanza na liña dos polémicos ISDS: máis capacidade das multinacionais para intervir e sortear políticas públicas.
O Tribunal Multilateral de Investimentos non elimina as suspicacias ante estes sistemas de arbitraxe, polémicos en canto permite atacar políticas públicas vitais, sortear decisións democráticas e reclamar compensacións multimillonarias. Algunhas das leis para frear o cambio climático, erradicar as desigualdades ou protexer a saúde pública poderían levar disputas de investidores contra os Estados. O funcionamento dos polémicos ISDS xa deu mostras da capacidade das multinacionais de torpedear políticas públicas: a multinacional sueca Vattenfall reclama de Alemaña un pago de 5.000 millóns de euros por saír da enerxía nuclear. Ecuador foi obrigada a pagar 2.300 millóns de euros a unha petroleira por rescindir un contrato que a petroleira incumprira.
O litixio de Mineira de Corcoesto contra a Xunta de Galicia xa custou 600.000 euros públicos
No outono de 2016 a propia Consellería de Economía viuse na obriga de “realizar un depósito inicial de 150.000 dolares” na Corte de Arbitraxe da Haia no marco da demanda internacional. Eses cartos foron transferidos dende a partida destinada en orixe a financiar o ticket eléctrico.. A factura da demanda de Corcoesto suma alomenos 589.316 euros.
