Convocatoria do chamamento á cidadanía e aos demáis colectivos da comarca de Bergantiños para coñecer a fondo a chamada «Lei de Depredación de Galiza»
O sábado día 7 de outubro ás 19 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, nove colectivos da comarca de Bergantiños explicarán a fondo a proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresarias de Galicia, arestora en tramitación no Parlamento galego.
O borrador da lei que está arestora a ser tramitado no Parlamento galego e que pode consultarse na web:
http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/ContenidoGal/ParticipacionCidada/DiscusionDetalle.aspx?ID=723, conta cada vez con máis rexeitamento social debido a que establece unha serie de mecanismos que favorecen o acaparamento de terras por parte das grandes corporacións e grupos empresariais e fomenta o mecanismo da expropiación forzosa a favor destas, en detrimento dos dereitos da cidadanía, do dereito á propiedade, do territorio e do medio ambiente.
A chamada “turboexpropiación” e a expropiación forzosa saen moi reforzadas xa que logo será a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia a que decida a utilidade pública ou interés social do proxecto empresarial e incluso terá capacidade para declarar a prevalencia de utilidades no caso de existir varias. O proceso expropiatorio irá paralelo á tramitación administrativa e o promotor xa presentará coa solicitude a relación de bens e dereitos afectados que pensa expropiar a cada persoa propietaria.

A cuestión non é baladí para a Costa da Morte e a comarca de Bergantiños en particular, á vista de que os proxectos eólicos que arestora se están a tramitar, como son o de Laxe e Cabana, xeran ofertas económicas para as persoas propietarias que xiran ao redor dos 0,80 e os 1,75 céntimos de euro por m2, cando a propia Universidade de Santiago de Compostela nun informe1 do ano 2009 xa tasaba como mímino o valor do terreo rústico con aptitude eólica nos 31 €/m2, media que xa daquela estaban a cobrar persoas propietarias de Ourense e Pontevedra. A este valor habería que engadir hoxe en día outros como o factor paisaxístico, o factor ambiental, o de localización2, o de especial aptitude eólica, a taxa de capitalización, o premio de afección e todos aqueles outros valores que a Lei de Montes atribúe aos mesmos, incluído o valor de ocio e de recreo…etc3, prezos que están aínda moi lonxe de percibirse hoxe en día na Costa da Morte.
Isto demostra que a Costa da Morte polas súas peculiares características relacionadas co envellecemento das xentes do rural, a escaseza de rendas e coincidindo co declive do rural galego, sae particularmente prexudicada dos procesos de negociación ou expropiatorios, ao que hai que engadir as artimañas das grandes empresas para conseguir terras a prezos de saldo ante a pasividade da propia Xunta de Galicia e a escasa formación da cidadanía e dos técnicos a hora de cumplimentar as follas de aprecio dunha expropiación forzosa.
Colectivos como a Asoc. Petón do Lobo, a Asoc. Contramínate de Laxe e Ouriol do Anllóns xa teñen denunciado ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria o desequilibrio económico que este tipo de relacións de poder das grandes corporacións está a deixar no rural da comarca, en comparación cos millóns de euros que as compañías conseguen de beneficios durante a explotación dos parques eólicos. En particular no referente aos parques eólicos de Mouriños, en Cabana de Bergantiños e de Pena Forcada –Catasol II en Laxe, cuxa utilidade pública non existe, a Xunta de Galicia debéraos rexeitar de xeito contundente polo desequilibrio económico que xera a relación empresa-propietario, xa que existen indicios de que as negociacións puideran realizarse no marco de cláusulas abusivas ou leoninas que poderían prexudicar gravemente ás persoas propietarias ao marxe xa doutros valores económicos, sociais, ambientais e paisaxísticos afectados.

Esta proposición de lei, que se tramita (sen causa algunha que o xustifique) pola vía de urxencia, podería ser chamada máis xustamente “Lei de depredación da Galiza”, ou “Lei de indefensión ambiental”, xa que o que fai é poñer o noso territorio en bandexa ás empresas mineiras e eólicas, eliminando garantías ambientais e reducindo prazos nas tramitacións.
É un chover sobre mollado, pois reduce prazos que xa de por si eran claramente insuficientes para termos unha mínima garantía de participación pública; e permite saltar trámites ambientais que xa eran de seu flexibles de máis.
Na práctica vén a reducir as ferramentas de defensa das comunidades afectadas ou os valores naturais fronte ás empresas, deixando ver ás claras de que parte se sitúa a administración en potenciais conflitos de interese.
Por iso, porque é importante que a xente dispoña de información os colectivos Asoc. Petón do Lobo, Plataforma pola defensa da terra de Coristanco, a Asoc. ambiental Contramínate de Laxe, a Asoc. de Veciños de Cereo, a Asoc. veciñal, cultural e deportiva “Lourido” de Valenza, a Asoc. galega Cova Crea, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, a Asoc. de amig@s das árbores “Ouriol do Anllóns” e Contraminacción convidan a toda a cidadanía e demáis colectivos da comarca e da Costa da Morte a asistir o día 7 ao Pazo da Cultura para coñecer máis a fondo unha proposición de lei que supón un cambio radical con respecto á normativa actual máis garantista.

Parte destas asociacións ademáis xa solicitaron unha entrevista co Presidente da Xunta de Galicia e co Conselleiro de Industria, Francisco Conde para tratar estes temas que tanto preocupan á cidadanía e que a día de hoxe aínda non ten data.
Paralelamente o colectivo Contraminacción a través do change.org está a recoller sinaturas e está prevista unha concentración o vindeiro día 6 de outubro ás portas do Parlamento de Galicia, xa no marco de actuacións previstas pola Plataforma de colectivos Contraminacción.
https://www.change.org/p/paremos-a-leidepredaciongaliza-do-pp-antes-do-17-de-outubro
—–
1 Informe “Valor del suelo rústico para aprovechamientos energéticos en Galicia”, Departamento de Economía Aplicada Escola Politéctina Superior de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela. Ano 2009.
“Por lo que se propone, con carácter de mínimo, para el suelo rústico con aptitud para instalaciones de energía cólica el valor unitario de TREINTA EUROS Y SETENTA Y SIETE CÉNTIMOS POR METRO CUADRADO (30,77€/m2).
“Todo ello sin perjuicio de agregar otros elementos, tales como valor de las cosechas y producciones, obras, mejoras y otros existentes sobre el terreno, premios de afección y rápida ocupación en caso de expropiación forzosa, daños y perjuicios causados, etc.”
Páx. 14 do informe.
2 Véxase o artigo 36 “Valoración do chan rural” do Real Decreto Lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Chan e Rehabilitación Urbana, que di:
“Cando o chan sexa rural para os efectos desta lei e de conformidade co disposto na Disposición adicional sétima:
a) Os terreos taxaranse mediante a capitalización da renda anual real ou potencial, a que sexa superior, da explotación segundo o seu estado no momento ao que deba entenderse referida a valoración.
A renda potencial calcularase atendendo ao rendemento do uso, gozar ou explotación de que sexan susceptibles os terreos conforme á lexislación que lles sexa aplicable, utilizando os medios técnicos normais para a súa produción. Incluirá, no seu caso, como ingresos as subvencións que, con carácter estable, outórguense aos cultivos e aproveitamentos considerados para o seu cálculo e descontaranse os custos necesarios para a explotación considerada.
O valor do chan rural así obtido poderá ser corrixido á alza en función de factores obxectivos de localización, como a accesibilidade a núcleos de poboación ou a centros de actividade económica ou a localización en contornas de singular valor ambiental ou paisaxístico, cuxa aplicación e ponderación haberá de ser xustificada no correspondente expediente de valoración, todo iso nos termos que regulamentariamente se establezan.
b) As edificacións, construcións e instalacións, cando deban valorarse con independencia do chan, taxaranse polo método de custo de reposición segundo o seu estado e antigüidade no momento ao que deba entenderse referida a valoración.
c) As plantacións e os sementados preexistentes, así como as indemnizacións por razón de arrendamentos rústicos ou outros dereitos, taxaranse con arranxo aos criterios das Leis de Expropiación Forzosa e de Arrendamentos Rústicos”.
3 LEI 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Artigo 5. Función social dos montes
- Os terreos forestais galegos constitúen un recurso estratéxico que deberá contribuír ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia, xerando rendas e emprego na Comunidade Autónoma mediante un aproveitamento sustentable dos seus recursos e servizos.
- Os montes desenvolven unha función social relevante, nos termos do artigo 4 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.
- A consellaría competente en materia forestal promoverá a dispoñibilidade de montes ou terreos forestais para fins sociais, educativos, ambientais e recreativos, compatibilizados coa súa potencialidade e utilización forestal.