A Oficina do Valedor do Pobo pon en coñecemento, a petición as entidades Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns e Cova Crea, as numerosas obxeccións efectuadas polo organismo da Xunta a este proxecto de Gas Natural Fenosa na Costa da Morte, que confirman as alegacións presentadas pola Asociación Salvemos Cabana ao plan eólico da compañía.

Así, entre outros factores, o Servizo de Conservación da Natureza incide na “limitación nos estudos de fauna efectuados no estudo ambiental presentado en relación coa detección de especies protexidas” coma o alcaraván común (Burhinus oedicnemus), o morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros), o morcego de ferradura grande (Rhinolophus ferrumequinum), a gataformela (Circus cyaneus), a tartaraña (Circus pygargus) e a escribenta das canaveiras (Emberiza scheniclus lusitanica).
Ademais, este departamento estima que “para efectuar unha adecuada avaliación” das repercusións do proxecto, este tamén debe dar resposta á “posible presenza” de hábitats de interese comunitario afectados e de especies protexidas, ata un total de 6 na categoría de “en perigo de extinción” e 4 como “vulnerables” no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas e 11 en perigo de extinción e 20 vulnerables segundo o catálogo galego.
O Servizo da Conservación da Natureza tamén destaca a “ausencia de análise de avaliación” no estudo ambiental presentado debido á proximidade dunha Zona Especial de Conservación (ZEC) e unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), e tamén aos seus valores asociados “entre os que destacan as rutas e desprazamentos de fauna“.
Doutra banda, fai referencia á “ausencia de fiabilidade” do texto presentado “no que respecta ao estudo de colisións das aves e morcegos contra os aeroxeradores“, e á “falta de argumentos en relación a unha afirmación de gran calado recollida no estudo ambiental, relativa a que o ruído producido polos aeroxeradores -de 110 decibelios segundo o proxecto da empresa-, non terá ningunha incidencia na fauna, nin na súa distribución nin no seu comportamento“.
O organismo da Xunta destaca, finalmente, que “a normativa de protección e conservación das especies vai encamiñada a evitar a xeración de impactos para os hábitats e as especies ameazadas, destacando que esta premisa entra en conflito directo co recollido no estudo ambiental“.
UN PROXECTO AMBIENTALMENTE INVIABLE
Para as asociacións Salvemos Cabana, Petón do Lobo, Ouriol do Anllóns, e Cova Crea, que veñen de unir as súas forzas para loitar contra os proxectos de Gas Natural Fenosa na Costa da Morte, isto demostra que, do mesmo xeito que o proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II en Laxe, o Mouriños, entre Cabana de Bergantiños e Zas é ambientalmente inviable e, de autorizalo, o Executivo galego arríscase a arruinar para sempre unha zona que destaca polos seus elevados valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais.