A recollida dos dereitos mineiros solicitados por Mineira de Corcoesto, S.L, filial da canadiana Edgewater no Plan urbanístico municipal do concello de Cabana de Bergantiños, aprobado inicialmente por Acordo do Pleno do 22 de marzo de 2018, volve a xerar malestar entre a veciñanza das parroquias afectadas.
A parroquia de Corcoesto volve a ser a máis afectada ao quedar incluída case na súa totalidade nos dereitos mineiros Julia 2, Julia 3, Julia 4, Julia 5 e Julia 6. Outras parroquias como Riobó e Anós tamen resultarían afectadas polo dereito mineiro Covadonga e Cánduas polo dereito mineiro Grafo. A problemática é máis que preocupante se temos en conta que os dereitos mineiros chamados “As Julias” afectan na súa totalidade ás casas e ás granxas, é dicir, a núcleos de poboación habitados.

Trátase de dereitos mineiros da Sección C solicitados, a meirande parte deles, en decembro de 2011 pola matriz da empresa canadiana Edgewater e denegados por silencio administrativo da Xunta de Galicia. Non obstante, chama moito a atención que dereitos mineiros caducados como Emilita, Ciudad del Masma e Ciudad de Landró figuren, aínda que caducados, na planificación urbanística municipal.
Isto ocorre cos dereitos da filial canadiana, posto que outros dereitos de empresas locais, tamén caducados como o dereito mineiro Regalados xa non figura. Sen embargo, sí aparece outro dereito caducado xa no ano 2005, como o dereito mineiro Grafo a nome doutro empresario local; e non aparece, sen embargo, o dereito mineiro en vigor que sí afectaría de forma moi importante á parroquia de Cánduas como é o permiso Jorge Reyes.
É significativa a relevancia que sen embargo o concello lle presta aos dereitos mineiros, incluso os xa caducados de Edgewater, é dicir, ata o punto de primar a caducidade destes sobre o dereito mineiro Baralláns (titularidade da empresa ourensá Pizarras San Gil), sen caducar, e que sen embargo, non figura na planificación urbanística municipal. Tamen é relevante que os dereitos mineiros popularmente coñecidos como “As Julias” afecten a áreas especialmente importantes desde o punto de vista paisaxístico e natural como o val fluvial do río Lourido ou ao LIC Río Anllóns.
Do anterior dedúcese a intencionalidade clara do plan urbanístico municipal, arestora a exposición pública ata o 17 de xuño, e é que hai dereitos que, aínda que caducados, seguen a despertar interés municipal e outros que, aínda que vixentes non hai rastro deles en toda a cartografía do planeamento urbanístico.
Esta intencionalidade espúrea é precisamente a que incrementa o malestar entre a veciñanza afectada, posto que se está a xerar inseguridade xurídica ao mesmo tempo que desde a Alcaldía se pon a minería metálica (recursos da Sección C) e outros intereses, por enriba das casas da veciñanza, dos núcleos afectados e dos seus medios de vida.
Desde Corcoesto espérase que o propio Alcalde acuda en persoa á reunión que ten previsto realizar na parroquia para a explicación do Plan urbanístico en tramitación, o vindeiro día 2 de maio, e explique cara a cara coa veciñanza, esta aposta pola minería de ouro por enriba dos intereses veciñais.
