INSTRUCIÓN 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas impostas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
(DOG nº 87, de 7 de maio de 2018).
Ámbito de aplicación:
O ámbito de aplicación desta instrución abrangue as actuacións administrativas que teñan como obxecto garantir o cumprimento das seguintes obrigas legais:
a) Obriga de xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, de ser o caso, a retirada de especies arbóreas, antes de que remate o mes de maio de cada ano, excepto nos supostos en que, pola extensión ou especial dificultade dos labores de xestión de biomasa ou retirada de especies, sexa precisa a elaboración dunha planificación anual das actuacións, consonte o artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
b) Obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nunha faixa perimetral de 50 metros arredor das novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais e as vivendas vinculadas a estas, así como as novas urbanizacións e edificacións que afecten zonas de monte ou de influencia forestal, non teñan continuidade inmediata coa trama urbana e que sexan estremeiras con monte ou con zonas de influencia forestal, consonte o artigo 23 da Lei 3/2007, do 9 de abril.
c) Obriga de xestión da biomasa, retirada de especies arbóreas prohibidas e mantemento do terreo en condicións axeitadas para previr a aparición ou propagación do lume, así como os posibles prexuízos para as explotacións estremeiras, nos predios con vocación agraria situados en solo rústico, contiguos ou non, que poidan supoñer risco de incendios forestais ou sexan habitualmente obxecto de incendios co conseguinte perigo para as áreas habitadas próximas a esas zonas, sempre que se manteña o seu estado de abandono, con carácter previo á tramitación do procedemento de declaración de perímetro abandonado, consonte o artigo 34 quater da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.
d) Obriga de retirada das repoboacións forestais ilegais, cando a repoboación se tivese efectuado en solos en que estea prohibido, con especies prohibidas ou incumprindo as condicións que regula o artigo 67 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou cando a repoboación se tivese efectuado sen cumprir a exixencia de autorización do artigo 67.5, sempre que a repoboación non sexa autorizable, consonte o artigo 67 bis daquela.
e) Obriga de adecuación das masas arboradas e das novas plantacións ás distancias mínimas establecidas polo anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, e pola Lei 3/2007, do 9 de abril, consonte o artigo 68 bis da primeira.
Distancias a respetar polas novas repoboacións forestais segundo a normativa de montes: véxase o enlace seguinte.
