A pesar da importancia do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL) como instrumento de xestión do territorio galego, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia, que dirixe Inés Santé, ven a minimizar a súa importancia ao informar favorablemente os proxectos eólicos de Cabana e Laxe.
As contradicións entre o informado polo IET e o POL son tan evidentes, que segundo o POL non habería posibilidade algunha de parques eólicos en ambos concellos.
De aí que asociacións da Costa da Morte soliciten a NULIDADE DE PLENO DEREITO das actuacións administrativas referidas aos proxectos eólicos de Mouriños e Pena Forcada – Catasol II, as infraestruturas asociadas e a súas liñas de evacuación, en tanto en canto, todos os expedientes referidos vulneran de forma manifesta o POL. Tanto os documentos ambientais como os distintos informes que obran nos expedientes relacionados co proxecto de Cabana e Laxe obvian a normativa establecida na normativa da Paisaxe de Galicia, e en particular, o Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia. Este é un instrumento de ordenación territorial que ten por obxecto, de conformidade co artigo 2º da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, establecer os criterios, principios e normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral baseada en criterios de perdurabilidade e sustentabilidade, así como a normativa necesaria para garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras”.
Por exemplo, o estudo de impacto e integración paisaxística que obra no expediente do parque eólico Pena Forcada – Catasol II de Laxe, non tivo en conta a descrición da paisaxe que recolle o propio POL e que se vería afectada gravemente e de xeito moi significativo polo proxecto eólico. Así segundo a literalidade do POL, descríbese a paisaxe do val de Traba e Soesto como:
“Paisaxe diversa de gran valor paisaxístico no que destaca o contraste entre a praia de area branca que deixa paso detrás da súa duna a unha extensa chaira litoral conformada por un impresionante mosaico de finas de cultivo perfectamente configuradas de grande intensidade cromática. Unha gran variedade de formas naturais constitúen este espazo, desde os areais costeiros, á lagoa costeira, pasando polas marismas, os vales fluviais ou as ladeiras montañosas; formas segundo as que a unidade foi recoñecida como ZEPVN LIC e Zona de Especial Protección para as Aves de Costa da Morte. Sobre esta base inicial viñéronse desenvolvendo distintos tipos de aproveitamentos e ocupacións antrópicas, cada unha das cales foi deixando a súa pegada e realizando a súa achega á paisaxe. A gran diversidade é pois, un dos valores primordiais desta zona, realzada ademais por quedar englobada nunha única conca visual. Os puntos de observación propostos organizáronse de tal maneira que ofrezan unha visión xeral de toda a área. Por iso elixíronse preferentemente puntos elevados dos montes das inmediacións, tendo en conta ademais, a significación de lugares tan estratéxicos desde o punto de vista do acervo municipal, como a praia de Traba ou o alto do Aplazadoiro”.
Toda a área afectada polo proxecto eólico Pena Forcada – Catasol II e a súa liña de evacuación e infraestruturas asociadas está dentro da contorna de protección de ESPAZO DE INTERÉS PAISAXÍSTICO. Por outra banda, o monte Chan, sede dos eólicos está baixo a protección de ESPAZO DE PROTECCIÓN DE LADEIRA.
O mesmo ocorre no caso do proxecto eólico de Mouriños, a escasos metros do de Laxe, no municipio limítrofe de Cabana onde a liña de evacuación atravesaría áreas protexidas paisaxísticamente.
De aí que as asociacións bergantiñás como Petón do Lobo ou Oriol do Anllóns, lancen a voz de alarma, porque minimizar a importancia do POL conleva xa non o menoscabo definitivo das Paisaxes, senón que aboca aos proxectos eólicos á nulidade de pleno dereito ao non recollerse na documentación ambiental a relevancia paisaxística destas áreas.
De aprobarse definitivamente os proxectos ou no caso de chegar a executarse, como é o caso do parque eólico de Laxe, máis avanzado na tramitación administrativa, a directora do IET ou o persoal técnico responsable deste organismo poderían haber incorrido en prevaricación omisiva ao menospreciar a relevancia xurídica do POL.
