Segundo a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, «a finalidade da estratexia é a creación dunha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos. Trátase en definitiva de levar a cabo unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental para asegurar a provisión de servizos de regulación (biodiversidade, adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire, control de inundacións e erosión, etc.), servizos de abastecemento (produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía, etc.) e servizos culturais (ocio, benestar, saúde, paisaxe, etc.).
Estas redes estratexicamente planificadas de espazos verdes poden proporcionar múltiples beneficios a través do soporte dunha economía verde, a mellora da calidade de vida, a protección da biodiversidade e o incremento da capacidade dos ecosistemas para proporcionar servizos como a redución do risco de desastres naturais, a purificación da auga, a calidade do aire, os espazos de ocio e a adaptación e mitigación do cambio climático».
Coa finalidade de elaborar a estratexia de infraestrutura verde de Galicia (EIVG), o Instituto de Estudos do Territorio convoca a unha consulta pública dixital.
A través da Consulta Pública Dixital poderán xeolocalizar nun mapa todos aqueles lugares que proporcionan servizos ambientais e que, desde o seu coñecemento e criterio, deberían ser tidos en conta na EIVG. Ademais, tamén poderán sinalar todos aqueles lugares que consideren que teñen un impacto medioambiental negativo e que, polo tanto, deberían ser atendidos na EIVG. Todas as achegas que realicen resultarán imprescindibles para a axeitada definición desta estratexia a desenvolver nos próximos anos en Galicia.
O cuestionario está aberto á participación de calquera asociación, empresa, persoa a título particular, etc., que teñan interese en ser parte da elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia, polo que se agradece a máxima difusión desta información e da ligazón que dá acceso a esta Consulta Pública Dixital (recoméndase acceder a este cuestionario a través dun ordenador):
https://emapic.es/estratexiaverde