No día de hoxe a asociación Petón do Lobo pedíalle á Consellería de Medio Rural que procedese á solta de Torymus sinensis, o parásito capaz de impedir o crecemento da praga da vesta do castiñeiro, que xa afecta a un bó número de castiñeiros e soutos na comarca de Bergantiños, ao igual que no resto de Galicia.

Dryocosmus kuriphilus é un insecto himenóptero, como as abellas e as avespas, orixinario de China, denominado avespa chinesa do castiñeiro (en italiano, vespa ciñese del castagno) ou tamén avespa das bugallas do castiñeiro (en portugués, vespa das galhas do castanheiro).
A avespa chinesa do castiñeiro é considerada a praga máis importante das principais especies de castiñeiro en todo o mundo, pois parasita o castiñeiro europeo (C. sativa), o castiñeiro americano (Castanea dentata), o castiñeiro xaponés (Castanea crenata), o castiñeiro chinés (Castanea mollissima) e os seus híbridos interespecíficos. Provoca perdas de entre o 50 e 100% da produción de castañas e debilita as poboacións e cultivos desta especie, que tanta importancia ten na paisaxe galega e na economía rural de moitas localidades do centro e da montaña oriental galega. A rapidez da súa difusión e o enorme impacto nas árbores fai necesaria a toma de medidas de protección por parte dos propietarios dos soutos e dos viveiristas que ven ameazadas as súas producións e as súas plantacións.
O control biolóxico mediante a solta de Torymus sinensis
Trátase da realización dun control biolóxico mediante T. sinensis, o único parasitoide (organismo que parasita outros impedíndolle que chegue á fase de multiplicación) de D. kuriphilus específico e monófago coñecido. O control biolóxico mediante T. sinensis é a única medida eficaz que permite manter as poboacións da avespa por baixo do limiar de danos.
En moitos países óptase por esta vía de control, descartando a loita química polos seus custos económicos, ambientais e a baixa efectividade e aplicabilidade. É a única vía de control eficaz nos soutos. A introducción dunha especie exótica leva consigo riscos para a biodiversidade e os hábitats presentes; neste caso os principais son a posibilidade de hibridación con outros Torymus autóctonos e o emprego doutros hospedeiros. A non introdución pode supoñer maiores riscos para a biodiversidade e para os hábitats, modificando a composición de especies ou a súa capacidade de carga.
A Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coa Estación Fitopatolóxica de Areeiro, solicitou ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a importación do parasitoide Torymus sinensis para a realización de ensaios de loita biolóxica tanto en laboratorio como en campo. Trátase de obter uns resultados a partir dos cales o Ministerio poida valorar se é posible autorizar o uso e comercialización deste organismo como medio de control biolóxico.
Fonte: “Medidas contra a vespa chinesa do castiñeiro”, Xunta de Galicia. Ano 2015.
