Galería

A primeira revisión do Plan forestal de Galicia ou o eufemismo do capitalismo verde (ou antieconomía)

Que ninguén se engane: o monte galego pasará a ser un enfermo comatoso mantido á forza de atención asistida. O monte galego avanza cara as inmensas prantacións mono-específicas que quebran co ciclo cerrado da materia orgánica, que favorecen ás grandes empresas e ao capitalismo neoliberal e empobrece ao propietario- produtor forestal.

A materia orgánica formada nas follas, nas pólas das árbores… cando morre e cae ao chan descomponse e forma nutriente natural (o humus) que é perfectamente asimilable polo sistema radicular e fotosintético da planta. De forma que a materia orgánica descomponse e recomponse constantemente segundo un ciclo pechado. O Capitalismo Verde é un eufemismo, pois ve á natureza como un stock de recursos extraíbles ilimitadamente, para ser explotados para propósitos humanos e iso á conta dunha profunda degradación de multitude de ecosistemas. A perda da biodiversidade e das funcións ambientais dos montes están en curso de extinción. Tamén é un eufemismo e unha actitude hipócrita pensar que coa economía verde se vaia a preservar a función hidrolóxica dos solos, senón todo o contrario.

1.jpg
Prantación de eucalipto

O 5 de xullo publicábase no DOG a ORDE do 28 de xuño de 2018, pola que se aproba inicialmente a primeira revisión do Plan forestal de Galicia e se abre o trámite de información pública.

Así ata o 5 de outubro e durante un prazo de 3 meses, contados desde a anterior publicación, sométese a información pública a primeira revisión do Plan forestal de Galicia aprobado inicialmente con todos os documentos que o integran, incluído o estudo ambien­tal estratéxico.

Segundo a Consellería de Medio rural a 1ª Revisión do Plan Forestal de Galicia debe “proxectar un novo modelo de monte como escenario desexable que procure unha distribución adecuada do espazo forestal galego para garantir a súa sustentabilidade, entendida como a persistencia sostida do monte e dos valores e recursos forestais que alberga ao longo do tempo”.

O certo é que trátase dun documento confuso, con intencionalidade claro está, que no fondo busca incrementar a productividade das plantacións de piñeiros e eucaliptos no territorio galego e fomentar a agrupación de parcelas para que estas sexan máis grandes e así facilitar a súa explotación.

Sendo o anterior o obxectivo fundamental, sen embargo, fala de “conservación e desenvolvemento sustentable dos espazos e recursos forestais” para optimizar os múltiples bens e servizos, matizando os intereses económicos (en primeiro lugar), e despois os ambientais e sociais.

Faise especial fincapé no monte galego como monte produtor, deixando en segundo plano o monte protector e recreativo, e sobre todo a protección da biodiversidade e do medio ambiente:

  • “O monte galego é sobre todo un monte produtor”
  • “Convén resaltar que o monte produtor galego poboado con especies de crecemento rápido pódese considerar unha auténtica máquina de absorber carbono e almacenar enerxía”.
  • “Por tanto, o monte galego ademais dunha despensa de madeira e outros recursos forestais non madeireiros (pastos, caza, cortizas, resinas, cogomelos, castañas e outros froitos e plantas silvestres) é unha reserva de biodiversidade que alberga hábitats de flora e fauna silvestres e tamén un almacén de carbono e unha fonte de enerxía renovable (biomasa forestal) alternativa a combustibles fósiles, desempeñando un rol fundamental nun contexto actual de previsible cambio climático”.

 A incoherencia do documento é manifesta e palmaria, e por suposto, unha vez máis non encaixa en absoluto coa realidade do monte galego e co que debera ser. Como van a garantir as plantacións e os monocultivos forestais a biodiversidade? Onde queda o bosque primitivo galego?

E por enriba, fala de “economía verde”, de “economía circular e enerxías renovables” para rematar dicindo que O monte galego proporciona produtos verdes”. Está claro que a revisión do Plan forestal se fai pensando nas plantas de biomasa e nas celulosas.

Pero o problema non remata aquí. Por enriba, esta produción masiva de plantacións forestais e monocultivos para biomasa e celulosa, han de supor “unha marca de calidade rexistrada que garanta a súa calidade, responsabilidade e eficiencia; para iso, deberá promoverse o establecemento de selos de calidade para os produtos madeireiros e non madeireiros”.

Está a Xunta de Galicia a burlarse dos produtores forestais? Sin dúbida, sí. Que certificación e que calidade se precisa para queimar os produtos forestais ou para vendérllelos a Ence? Que pretenden con isto? Pois abaratar os prezos para os produtores, sobre todo aqueles que non teñan esa marca de calidade rexistrada ou a madeira certificada.

Pero o conto non acaba aquí: por enriba teñen a desfachatez de falar do sector forestal galego como “un sector estratéxico para Galicia”. Para Galicia ou para as plantas de biomasa, Ence e/ou similar?

E continúan a falar de que a revisión do plan forestal se realiza con un “enfoque estratéxico multifuncional, eficiente e de calidade”. Onde está o enfoque multifuncional?

Quen pensa que pode haber algunha multifuncionalidade no fomento das plantacións de piñeiros e eucaliptos, e en xeral dos monocultivos forestais?

O único obxectivo real desta revisión é incrementar a produción rápida e masiva de plantacións de piñeiro e eucalipto, incrementar a superficie das parcelas forestais para facilitar a extracción da madeira e abaratar os custos para os compradores de madeira deste país.

Logo enmascaran esta realidade falando de “economía verde de futuro”, para conseguir os seguintes obxectivos:

 Promocionar o desenvolvemento duna cultura forestal asociativa para optimizar a xestión e produtividade do monte galego e a comercialización de produtos forestais.

 Favorecer a mobilización de recursos forestais e posta en valor do monte galego, así como a concentración e dinamización da propiedade forestal.

 Incrementar a produción de produtos de calidade derivados da madeira e asegurar o abastecemento da industria forestal de Galicia.

Pero ademáis o documento é tan sumamente prexudicial para o propietario/ productor forestal que incluso se aproveitan del para que a madeira así producida, en réxime de monocultivo, leve un selo de xestión forestal sustentable, é dicir, que incluso a madeira que vaia para queimar ou para celulosa, non pode ser de calquer xeito, senón que ten que ser de calidade.

É tan terrible a estratexia da Xunta de Galicia para co produtor/propietario forestal que o panomara de futuro é aterrador: producir moito, rápido, con selo de xestión forestal e por enriba, “agrúpanse vostedes para quen compre a madeira non lle saia tan cara a súa extracción do monte”.

Para conseguir o anterior obxectivo, a Consellería de Medio rural establece o que lle chama “status de silvicultor activo”. Este status plasmaríase tanto nos propietarios individuais, como na propiedade colectiva ou agrupada (comunidades de montes, montes veciñais en man común, montes abertais, sociedades de propietarios forestais). Establecerase un rexistro oficial do silvicultor/a activo/a con inscrición de carácter voluntario.

O recoñecemento do silvicultor/a activo/a estará vinculado, polo menos, á existencia dun documento de xestión aprobado, implementado cun selo de xestión forestal sustentable segundo a lexislación forestal vixente.

Para o acceso do propietario forestal á inscrición no Rexistro oficial de silvicultor/a activo/a en montes e parcelas xestionadas de Galicia, deberá existir un compromiso asinado xunto coas ferramentas de xestión forestal sustentable necesarias que garantan a vinculación do mesmo con a xestión activa do terreo, isto implica a existencia dun instrumento de xestión e estar adherido a un sistema de certificación forestal sustentable.

O status de silvicultor/a activo/a facilitará o acceso prioritario ás axudas vinculadas ao cumprimento dos instrumentos de planificación forestal (IPF), existindo o compromiso por escrito durante todo o período do Plan de Desenvolvemento Rural e disporá dun calendario prefixado de aplicación axustado ao plan silvícola da masa, para poder realizar as operacións forestais especificadas nos instrumentos de planificación forestal (IPF).

Ademais estudarase a creación dun escenario fiscal propicio para fomentar o desenvolvemento da actividade silvícola, procurando incentivos e beneficios preferentes mediante axudas, subvencións, exencións fiscais, microcréditos,….., para favorecer que os propietarios privados invistan nos seus montes para a súa posta en valor e produción.

As plantacións de eucaliptos considéranse, en xeral, unha ameaza ecolóxica de primeira orde, que deseca acuíferos, acidifica o chan, favorece os incendios forestais e albergan unha reducida complexidade florística asociada a unha baixa riqueza faunística. Estudos de avaliación realizados en plantacións monoespecíficas desta especie en Euskadi, Portugal ou Francia revelan impactos negativos sobre a avifauna, réptiles e invertebrados. Moitas especies de anfibios son forestais, dependentes de bosques en bo estado e dos medios acuáticos asociados. Estes animais teñen a dubidosa honra de ser o grupo de vertebrados máis ameazado do mundo.

En comparación coa vexetación autóctona, as plantacións forestais, especialmente as de coníferas, incrementan significativamente a transferencia de substancias acidificadoras do aire ao substrato, especialmente ao seu compoñente acuosa.

O Comité Científico de Flora e Fauna Silvestre do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente ditaminou por unanimidade que o eucalipto é unha planta invasora e recomenda, por tanto, a súa inclusión no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras, ademais de expor a súa erradicación: «Recoméndase extremar a precaución con novas introducións e plantacións, un seguimento local e levar a cabo medidas de erradicación antes de que se produza a invasión sempre que se observe naturalización de calquera especie de Eucalyptus no noso territorio».

O Comité Científico considera que o eucalipto provoca o empobrecimiento da cadea trófica pola dificultade da descomposición das súas follas, que inhibe a incorporación de materia orgánica ao chan e a mineralización do nitróxeno, que altera as propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiológicas do chan ou que diminúe o balance hídrico na terra. Tamén estima que as plantacións de eucalipto dificultan a xerminación e o crecemento doutras especies, que provocan a perda de biodiversidade tanto vexetal como animal, alimentando por iso o risco de instalación doutras invasoras. Ademais, di que son difíciles de erradicar porque o seu control supón un alto custo económico.

Este novo Plan forestal é a fin do pequeno propietario/ produtor de madeira, e con elo, a fin do rural vivo.

2.jpg
Carballeira

 

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s