Se na comarca de Bergantiños existe un lugar, e hai moitos, especialmente máxico é a entorna que rodea a lagoa de Alcaián e a Braña Rubia. Tanto a toponimia como a microtoponimia xa son indiciarias dunha serie de elementos que nos trasladan á maxia das tribos gaélicas como pode ser a Pedra das Sete Fontes, en alusión á pedra do destino ou a pedra onde se coroaban as raíñas gaélicas. Pero tamén hai referencias á presencia de mámoas como a Medoña. As Pedras do Encanto e as Pedras Negras, Pedra Branca, a Pedra da Uz, Pedras Aradas, Pedra Longa, Pedra Silvosa, Capela, O Marquiño…etc.

Como exemplo de brañas altas, a lagoa de Alcaián e a Braña Rubia viven rodeadas de regos (rego da Braña Rubia, rego da Ponte, rego de Seavia, rego de Liñares, rego de Berdía, rego de Rabós…), regatos, ríos (río do Sol), lagoas, fontes (fonte Migueliña, fonte Espiña, Chousa das Fontes, Chousa Fontesa,….). Os gaviáns e os miñatos sobrevoan as brañas e as lagoas. A auga é o elemento que dá a vida a un mundo de especies e endemismos exclusivos de Galicia como é a variada comunidade de herpetos: o lagarto arnal, o das silvas, a víbora galega, a lagartixa galega, a sabanduxa, a rá de San Antón….etc.
Pero se hai uns animais que destacan é o lobo e o raposo, presentes incluso na toponimia. Así temos o Campo do Lobo, Monte do Lobo, Fonte do Lobo, Raposeiras, Raposeira Grande, Raposeira do Medio, Raposeira de arriba, pero tamén a Serpe…etc.
E toda a entorna destaca ademáis pola súa especial aptitude agraria e forestal.

Mais nun lugar como este tampouco podían faltar os castelos, e así temos o Castelo de Diante, o Castelo, Castelo de Atrás; e por suposto, as covas, como a Covenla do Quinto, Tenza da Cova, un Castro, portos (Porto do Liño, que cruza o rego de Amboade, Porto Bustelo), referencias a elementos relixiosos como o Cotón do Frade, Chousa da Cruz, Capelas ou Chousa do Crego, e por suposto o Camiño Real que trascorre en parte pola CP-2904 (máis ou menos paralelo ao rego de Seavia), e en parte polo camiño Riba da Agra, tomando o enlace onde a Canceliña das Fontiñas, tras abandonar o lugar de Rodeiro, paralelo ao Regueiro, e en dirección ao lugar de Campelo e a braña de Alcaián.
A Resolución do 8 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sometía a información pública a modificación da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que implica, referida ao proxecto do parque eólico Campelo, promovido por Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U., nos concellos de Coristanco e Santa Comba (expediente IN661A 16/2011).
O concepto de utilidade pública sería o criterio lexitimador xeneral da actuación da Administración pública, tal e como se deduce polo menos do artigo 103.1 da Constitución de 1978: a Administración pública serve con obxectividade aos intereses xerais, comúns, da cidadanía. Desta maneira a cláusula de utilidade pública ou xeneral faría referencia non tanto á lexitimación en si da Administración como organización, como poder público, senón ao fin perseguido mediante o exercicio de certa potestade administrativa que sería a obtención, satisfacción, logro ou consecución dun beneficio ou dunha vantaxe non privada, senón común, xeral, é dicir, afectante a todas as persoas administradas.
Sen embargo, no caso que se pretende neste expediente a utilidade pública aparece matizada e incluso difuminada pola existencia de intereses prevalentes superiores, que desvirtúan a pretendida utilidade pública. Así o interés paisaxístico, ambiental e cultural da entorna da Braña Rubia e a lagoa de Alcaián cuestiona esa utilidade pública, que só beneficia a empresa promotora.

Como se pode apreciar o parque eólico afectaría de cheo á lagoa de Alcaián e Braña Rubia e ubícase a escasos metros de núcleos habitados.
Entre os principais impactos significativos atópanse:
- O PROXECTO EÓLICO ESTÁ A MENOS DE 500 METROS DE NÚCLEOS HABITADOS.
- O PROXECTO EÓLICO SUPÓN UNHA IMPORTANTE AFECCIÓN Á LAGOA DE ALCAIÁN E BRAÑA RUBIA
- O PROXECTO EÓLICO IMPLICA UNHA AFECCIÓN SIGNIFICATIVA PARA O PATRIMONIO CULTURAL DA ÁREA DE UBICACIÓN: Lagoa de Alcaián, Pedra das Sete Fontes, Pedras do Encanto, camiño real, mámoas, Pedra Medoña, Pedras Negras, Pedras Aradas, O Marquiño…etc.
- O PROXECTO EÓLICO TEN UN IMPACTO SIGNIFICATIVO SOBRE A PAISAXE. A lagoa de Alcaián e a súa entorna foi declarada Área de Especial Interés Paisaxístico. A paisaxe é un valor a protexer que cuestiona a utilidade pública dun proxecto eólico que a todas luces ten unha inadecuada ubicación.
- INADECUADA UBICACIÓN DO PROXECTO DO PARQUE EÓLICO “CAMPELO”
- A necesidade de actualizar o documento ambiental do proxecto eólico.
O DECRETO 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia contempla a lagoa de Alcaián e a súa entorna como Área de Especial Interés Paisaxístico.
O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe e, no seu capítulo III, establece os instrumentos para conseguilo. Entre eles, os catálogos da paisaxe, definidos no seu artigo 9 como os documentos de referencia que, apoiándose nas distintas áreas xeográficas, morfolóxicas, urbanas e litorais existentes no territorio galego, deberán delimitar, con base nos diferentes estudos e traballos existentes na materia, as grandes áreas paisaxísticas de Galicia, identificando os diversos tipos de paisaxe existentes en cada unha delas e as súas características diferenciais.
Por tanto, cumpre que na documentación ambiental conste a debida valoración da paisaxe e os elementos naturais, ambientais e paisaxísticos.
Franco Maside, R. M. (2001): La vía Per Loca Marítima: un estudio sobre vías romanas en la mitad noroccidental de Galicia, defende a ubicación do camiño real na área de afección do proxecto eólico, e que chegaría á ponte romana “Ponte Lubiáns”.
- Inadecuada localización do proxecto eólico
Sobre a idoneidade da localización elixida, debido á especial protección paisaxística e natural do espazo, pedimos que se reconsidere a aptitude da zona para albergar un parque eólico. Lembramos que o Congreso Mundial da Natureza insta o Goberno de España a non situar parques eólicos ao redor dos espazos protexidos.
A lagoa de Alcaián está considerada como «unha das brañas máis emblemáticas de Galicia».
- A necesidade de someter a avaliación conxunta e sinérxica dos impactos e efectos significativos deste proxecto, o proxecto do parque eólico Bustelo, e outros que existen na entorna.
Nas proximidades á área de actuación deste proxecto eólico, existen outros xa instalados e están a espera os proxecto eólicos de Bustelo e Toural.
Por tanto cómpre a necesidade de contemplar a figura do parque eólico desde unha perspectiva unitaria, como un único proxecto industrial da promotora, e que o documento ambiental integre a valoración dos efectos combinados imputables ao proxecto pero tamén os correspondentes a outros proxectos próximos non considerados no proxecto anterior.
Por todo iso crese conveniente realizar un novo estudo da idoneidade das zonas propostas a través dun procedemento de Avaliación Ambiental adecuado e actualizado aos proxectos finais, así como á lexislación vixente na actualidade que axude a determinar a localización e deseño dos proxectos expostos, tendo en conta a evidencia das características, debido a que se trata de ámbitos moi sensibles, dun altísimo valor ambiental nos que se debe medir de forma acertada a súa capacidade de carga de usos, de forma que estes adáptense ao medio de forma equilibrada e non se pretenda implantar un uso que provoque unha transformación radical dos elementos ambientais que conformaron estas contornas. A Xurisprudencia do Tribunal Supremo vén declarando que a significación xurídica dos parques eólicos está precisamente no seu carácter unitario, na necesidade de ter en conta todos os elementos que precise o parque para funcionar así como a súa incidencia no resto dos existentes; o cal desemboca na esixencia de que os proxectos para autorizacións de parques tramítense considerándoos no seu conxunto, tanto no referente a aspectos técnicos como ambientais. É o propio Tribunal de Xustiza da Unión Europea o que marca aos Estados membros a imposibilidade de que leven a cabo nas súas normativas unha interpretación restritiva dos proxectos e as súas instalacións. De feito, o fraccionamiento das instalacións está prohibido no ámbito comunitario.
