Por fin coñecemeos os datos reais do custe de explotación do parque eólico Pena Forcada -Catasol II de Laxe, que afecta aos municipios de Laxe, Cabana e Zas. Na «Memoria de incidencia en el ámbito industrial, social y territorial para solicitud de declaración de proyecto de especial interés», a empresa recoñece que aboará 0 euros en concepto de canon eólico.
A empresa enerxética aboará 31.000 euros anuais, a repartir entre os tres concellos, como consecuencia do pagamento de impostos e taxas. 275.373 euros serán repartidos entre os tres concellos polas taxas das licencias de construción.
A inversión realizada pola empresa no alugamento e expropiacións ascende a 384.000 euros, o que acada unha media de 1.411 euros de beneficio por propiedade por 25 anos de ocupación ou 4,6 euros/ano de beneficio por propiedade, o que resulta unha cantidade irrisoria e incluso unha burla, se temos en conta os beneficios que factura ao ano o sector eólico, por enriba dos 600 millóns de euros anuais.
Ademais do anterior, a empresa construirá 2 km de viales do parque eólico que require o transporte dos aeroxeneradores. O parque será controlado en remoto desde o Centro de Control de GNFR (ubicado en Velle, Ourense), as 24 h do día, os 365 días do ano.
Naturgy tamén amosa as súas expectativas de seguir afondando nos recursos naturais de Galicia, aire, auga e o recurso forestal, para avanzar na optimización dos seus beneficios.
A veciñanza de Laxe, Cabana e Zas apenas se beneficia das instalacións do parque e da súa liña de evacuación.
*Os datos están sacados da “Memoria de incidencia en el ámbito industrial, social y territorial para solicitud de declaración de proyecto de especial interés”.