O 5 de xuño de 2018, o Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces dirixía unha comunicación a unha asociación ambiental de Galicia, que previamente lle solicitara información sobre as labores mineiras abandonadas na Comunidade.

Nesa comunicación reprochaba á asociación que o formato elexido pola mesma, a copia dixital, ralentizara de maneira considerable o traballo da Administración.
Así indicáballe textualmente que:
“…para atender á súa solicitude no formato “esixido” por esa asociación foi necesario escanear unhas 11.000 páxinas.
Sen prexuízo das actuacións propias doutros departamentos (arquivo, servizos informáticos, etc), foi precisa a dedicación de modo intensivo dun dos tres efectivos (todos pertencentes á escala facultativa de enxeñeiros de minas) dos que se compón o Servizo de Xestión Mineira ás tarefas inherentes ao proceso de transposición e habilitación da información solicitada en formato dixital durante máis de dous meses.
En determinados períodos foi precisa a dedicación de dous efectivos e, para certas actuacións, resultou imprescindible facer uso de instalacións técnicas doutros departamentos administrativos ou recorrer a servizos de empresas externas.
En síntese, o escaneado e preparación da documentación por vostedes solicitada en formato dixital afectou ao desenvolvemento das funcións específicas da Aministración mineira, entre as que se inclúen algunhas tan relevantes como as relacionadas coa vixilancia e control da actividade mineira, e supuxo a paralización ou ralentización de trámites e procedementos (particularmente, tramitación de expedientes sancionadores e tramitación de axudas e subvencións), coa conseguinte afectación á eficacia e eficiencia do traballo administrativo así como aos dereitos dos restantes administrados e aos intereses públicos”.

Noutro parágrafo da comunicación supoñía a actuación coordinada habitual de dúas asociacións solicitantes de información semellante. Así indicaba que: “Os resultados desta comparecencia da asociación X son coñecidos por esa asociación I, non só como é de supoñer pola actuación coordinada habitual, senón porque no seu escrito recibido o 9-3-2018 poñen de manifesto o coñecemento de formatos e contidos da documentación, pese a non ter comparecido para a súa consulta”.
Noutro parágrafo o Director Xeral referíase a unha terceira asociación “vinculada” á solicitante, tamén moi activa no tocante á solicitude de información.
“Cómpre salientar, aínda que esa asociación (incluíndo a asociación vinculada Z) está relacionada con múltiples solicitudes de información presentadas nos últimos tempos, boa parte delas solicitudes masivas ou xenéricas de información que esixen copia dixital de documentación non dixitalizada e que, cada unha delas e moito máis no seu conxunto, resultan difíciles ou imposibles de atender sen perturbar o normal funcionamento administrativo”.

Noutro parágrafo xa se lle indicaba á asociación solicitante que, a transparencia da Dirección Xeral de Minas ao facilitar o acceso á información, non sentaría precedente na administración.
“Pola súa parte, dende a Administración, dando continuidade á súa actuación de máxima transparencia que se evidencia na posta á disposición da información adoptáronse todas as medidas técnicas posibles para dispor da documentación en formato dixital e, en útlimo termo, nunha decisión que non vai a sentar precedente e para o cal se deixa constancia da actitude da asociación e do carácter desproporcionado e deliberado das súas esixencias, realízase a transposición de formato da información mediante o seu escaneado íntegro”.
O certo é que a asociación solicitante, en ningún momento foi consciente do transtorno que a súa solicitude causara na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, ata que o Sr. Tahoces llelo comunicou no seu escrito de xuño deste ano, tras preto de dous anos de insistir unha e outra vez na súa petición.
Por outra banda, se a solicitude se fixo en formato dixital foi polo elevado importe da taxa a pagar que suporía obter toda a información en formato papel.
Ademais, unha vez no século XXI, o normal sería que o departamento que dirixe o Conselleiro Francisco Conde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, tivera todo o seu arquivo dixitalizado, polo que non se entende tampouco o transtorno causado pola solicitude en cuestión. Máis ben o transtorno semella producido polo desleixo da Dirección Xeral, ao non ter a documentación debidamente arquivada e ordeada en formato dixital.
A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente establece no seu artigo 11 que:
“1. Cando se solicite que a información ambiental sexa fornecida nunha forma ou formato determinados, a autoridade pública competente para resolver deberá satisfacer a solicitude a menos que concorra calquera das circunstancias que se indican a continuación:
a) Que a información xa fose difundida, de conformidade co disposto no Capítulo I deste Título, noutra forma ou formato ao que o solicitante poida acceder facilmente. Neste caso, a autoridade pública competente informará o solicitante de onde pode acceder á devandita información ou se lle remitirá no formato dispoñible.
b) Que a autoridade pública considere razoable poñer a disposición do solicitante a información noutra forma ou formato e xustifíqueo adecuadamente.
A estes efectos, as autoridades públicas procurarán conservar a información ambiental que obre na súa poder, ou no doutros suxeitos no seu nome, en formas ou formatos de fácil reprodución e acceso mediante telecomunicacións informáticas ou por outros medios electrónicos.
Cando a autoridade pública resolva non facilitar a información, parcial ou totalmente, na forma ou formato solicitados, deberá comunicar ao solicitante os motivos da negativa no prazo máximo dun mes desde a recepción da solicitude no rexistro da autoridade pública competente para resolver, facéndolle saber a forma ou formatos en que, no seu caso, poderíase facilitar a información solicitada e indicando os recursos que procedan contra esta negativa nos termos previstos no artigo 20”.
Polo tanto, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tería a obriga de procurar conservar a información ambiental que obre no seu poder, ou no doutros suxeitos no seu nome, en formas ou formatos de fácil reproducción e acceso mediante telecomunicacións informáticas ou por outros medios electrónicos.
