O Plan básico autonómico é un instrumento de planeamento urbanístico que ten por obxecto delimitar, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as afeccións derivadas da lexislación sectorial e identificar os asentamentos de poboación existentes; así mesmo, establece unha regulación de carácter xeral dos diferentes usos do solo e da edificación.
As determinacións que se conteñen no Plan básico autonómico son as seguintes:
a) Relación cos instrumentos de ordenación do territorio.
b) Determinación das afeccións derivadas das lexislacións sectoriais sobre o territorio.
c) Identificación dos asentamentos de poboación existentes.
d) Regulación dos usos do solo e da edificación.
O plan reflicte os ámbitos de afección que, sobre o territorio, establece a normativa sectorial de aplicación con incidencia no planeamento urbanístico. Porén, non clasifica nin categoriza o solo para os efectos urbanísticos.
Teñen a consideración de afeccións, aquelas que derivan da normativa sectorial en materia de augas, costas, espazos naturais, montes, portos, aeroportos, ferrocarrís, estradas, da política enerxética, das telecomunicacións, de conservación da natureza, da paisaxe, do patrimonio e de cantas poidan ter incidencia sobre o territorio, de conformidade co sinalado no artigo 92.1 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro.
As afeccións sectoriais incluídas no Plan básico autonómico teñen carácter declarativo,
sen eficacia normativa, prevalecendo, en caso de discrepancia, o previsto na correspondente normativa sectorial, estatal ou autonómica, das que aquelas derivan.
A cartografía do Plan Básico deberá ser obxecto de oportuna actualización mediante a publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia con indicación dos cambios operados e cunha periodicidade mínima anual, en atención á natureza de documento dinámico da que participa o Plan básico autonómico.

No que atinxe aos asentamentos de poboación, o Plan básico autonómico identifica os asentamentos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia. O plan clasifica os diferentes asentamentos de poboación de acordo co sistema de asentamentos establecido nas directrices de ordenación do territorio de Galicia, diferenciando os asentamentos do sistema de grandes cidades, os do sistema urbano intermedio, os nodos para o equilibrio do territorio, os núcleos principais dos restantes concellos e parroquias rurais e outros asentamentos.
Esta identificación servirá de base para a delimitación e categorización dos núcleos rurais e dos terreos que sexan clasificados como solo urbano consolidado polos plans básicos municipais. Así mesmo, incorpora directamente a identificación dos asentamentos xa delimitados polos instrumentos de planeamento vixentes.
Finalmente, establece as disposicións xerais sobre os diferentes usos do solo e da edificación que resultan de aplicación común ás súas ordenanzas tipo particulares, que serán incorporadas nos plans básicos municipais en función das características propias de cada concello e das clases e categorías de solo. Así mesmo, estas ordenanzas tamén poderán ser utilizadas de xeito orientativo, como base ou referencia na elaboración dos plans xerais de ordenación municipal, cando se considere oportuno.
No que atinxe ao alcance das determinacións do Plan básico autonómico, este instrumento será de aplicación nos concellos que carezan de plan xeral de ordenación municipal e terá carácter complementario do planeamento municipal naqueles concellos que dispoñan del. En virtude deste carácter complementario, as determinacións do Plan básico autonómico serán de aplicación para suplir as posibles indeterminacións e lagoas do planeamento municipal vixente. Ademais, as ordenanzas tipo do plan poderán ser utilizadas como base ou referencia na elaboración dos plans xerais de ordenación municipal cando se considere oportuno.
O contido íntegro do Plan básico autonómico está dispoñible nas seguintes direccións electrónicas:
Descargas: http://mapas.xunta.gal/visores/descargas-pba/
Visor: http://mapas.xunta.gal/visores/pba/
