Antonio Rodríguez de Ardeleiros, era o párroco de Corcoesto no ano 1873, cando se pintou o retablo da capela de Sta. Mariña do Remuíño. A obra foille encargada ao pintor santiagués Xosé Garabal, famoso pintor galego de finais do século XIX.
Xosé María Garabal Louzao naceu en Santiago no ano 1835 e finaría no ano 1907. Foi pintor da Casa Real co rei Afonso XII e agasallado por este con unha pensión vitalicia de mil pesetas mensuais. Foi galardoado polos seus cadros “Celebridades Compostelás” na Exposición Rexional de Santiago de 1876, sendo considerada por algúns autores como o primeiro cadro realista- figurativo da pintura galega.
O retablo da capela de Sta. Mariña está decorado con diversos motivos florais realistas nunha rica combinación entre o verde da natureza e o marrón da terra. Co paso do tempo, as pinturas necesitan con urxencia seren restauradas, para evitar a súa desaparición.

