No día de hoxe, o DOG publica a Resolución do 18 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.
A resolución indica que se recolleu e analizou suficiente información sobre o uso do territorio de exemplares das especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e, máis en concreto, da aguia real (Aquila chrysaetos L.), que fan preciso actualizar a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.
Por outra banda, a aprobación mediante decreto de dous plans de xestión de especies de aves ameazadas en Galicia (o plan de recuperación da escribenta das canaveiras, e o plan de conservación da píllara das dunas) facía preciso que se incorporaran os ámbitos de aplicación destes plans nas zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
As ditas zonas de protección, recollidas no anexo I da presente resolución, inclúen:
a) As zonas de especial protección para as aves (ZEPA) designadas de acordo cos artigos 44 e 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade. En caso de calquera discrepancia entre a cartografía da presente resolución e a dos límites das ZEPA aprobadas, prevalecerán os límites establecidos na declaración destas zonas de especial protección para as aves.
b) As áreas de presenza e prioritarias de conservación dos plans de recuperación e conservación aprobados pola Comunidade Autónoma de Galicia para as especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas (escribenta das canaveiras, Emberiza schoeniclus lusitanica, e píllara das dunas, Charadrius alexandrinus L.). Con todo, en caso de aprobación de novos plans de xestión de especies de aves ameazadas en Galicia, nas áreas de presenza e prioritarias de conservación definidas neses plans serán de aplicación as medidas de protección contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión establecidas no Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, desde a súa entrada en vigor, sen prexuízo da posterior modificación da cartografía da presente resolución.
c) As áreas prioritarias de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local daquelas especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, cando as ditas áreas non se atopen xa comprendidas nas correspondentes aos tipos anteriores.
Pódese acceder a unha versión en soporte dixital das zonas de protección a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio para visualizar e poñer á disposición do público xeral aquela información xeográfica relacionada coa conservación do patrimonio natural (https://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/).
ANEXO II
Abetouro (Botaurus stellaris)
Garza pequena (Ixobrychus minutus)
Cerceta (Anas crecca)
Millafre real (Milvus milvus)
Voitre branco (Neophron pernocpterus)
Gatafornela (Circus cyaneus)
Tartaraña cincenta (Circus pygargus)
Aguia real (Aquila chrysaetos)
Aguia perdigueira (Hieraeetus fasciatus)
Aguia peixeira (Pandion haliaetus)
Pita do monte (Tetrao urogallus cantabricus)
Charrela (Perdix perdix hispaniensis)
Sisón (Tetrax tetrax)
Gabita (Haematopus ostralegus)
Pernalonga (Himantopus himantopus)
Alcaraván (Burhinus oedicnemus)
Avefría (Vanellus vanellus)
Agacha (Gallinago gallinago)
Arcea (Scolopax rusticola)
Mazarico real (Numenius arquata)
Bufo real (Bubo bubo)
Papoazul (Luscinia svecica)