No DOG do día de hoxe, sométese a información pública, por un prazo de 20 días hábiles, o anteproxecto de Lei de ordenación do territorio de Galicia.
Durante o citado prazo, poderase consultar o texto do anteproxecto de lei no seguinte enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia: http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions/
As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:
– Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: sxurbanismo@xunta.gal.
– Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo das administracións públicas.
O artigo 45 e seguintes do texto refírese aos proxectos de interese autonómico
Os proxectos de interese autonómico son os instrumentos de intervención directa na ordenación do territorio da Comunidade , que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución inmediata das seguintes actuacións, sempre que trascendan do ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou as súas singulares características e non podan desenvolverse de acordo coas previsións do planeamento urbanístico:
a) implantación de dotacións urbanísticas (equipamentos e infraestruturas)
b) creación de solo destinado a vivendas protexidas
c) creación de solo destinado á realización de actividades económicas
De acordo co establecido no apartado anterior considéranse:
a) Dotacións urbanísticas: son o conxunto de instalacións e servizos destinados á satisfacción das necesidades dos cidadáns. Poden ser de uso e titularidade públicos ou privados e comprenden: as infraestruturas de transporte e comunicación.; as redes de servizos de telecomunicacións, de execución da política enerxética, de subministro de enerxía eléctrica e de gas, de abastecemento de auga e de evacuación de augas residuais e depuración, de tratamento e eliminación de residuos e as instalacións destinadas á loita contra a contaminación e a protección da natureza, e os grandes equipamentos de uso sanitario-asistencial, educativo, cultural, deportivo, administrativo-institucional e de servizos públicos, de acordo ao establecido nos artigos 65, 71 e 72 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia.
b) O solo destinado a vivendas protexidas, constituído polos ámbitos que sexan obxecto de actuacións de transformación urbanística promovidas e desenvoltas pola consellaría competente en materia de vivenda a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo e as sociedades públicas con destino maioritario á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública, pola necesidade demostrada de forte demanda social.
c) O solo destinado á realización de actividades económicas, constituído polos ámbitos que sexan obxecto de actuacións de transformación urbanística, con destino á creación de solos para o desenvolvemento de actividades industriais ou terciarias, que teñan por obxecto a produción, distribución ou comercialización de bens e servizos, incluída a urbanización complementaria que precisen.
En función da súa natureza e obxecto, diferéncianse os seguintes tipos:
a) Proxectos de interese autonómico previstos, que teñen por obxecto planificar a execución de actuacións contempladas nun plan sectorial vixente.
b) Proxectos de interese autonómico non previstos, que teñen por obxecto planificar a execución de actuacións non contempladas en ningún plan sectorial.
Neste caso, o proxecto deberá axustarse aos criterios e obxectivos xerais que establezan as directrices de ordenación do territorio e deberá ser congruente e axustarse ao contido dos instrumentos de ordenación do territorio vixentes cos que puidera concorrer polo ámbito territorial ou polo contido do proxecto.
Unha vez aprobado un plan sectorial concreto, non poderán desenvolverse proxectos de interese autonómico non previstos que regulen a implantación de actuacións diferentes das contempladas no dito plan sectorial, debendo procederse no seu caso á súa modificación.
Os proxectos de interese autonómico poderán ser promovidos e desenvolvidos por iniciativa pública ou privada.
No caso de proxectos de iniciativa particular, o promotor deberá acreditar a aceptación polas persoas propietarias que representen máis do 50% da superficie total do ámbito de actuación do proxecto.
Os proxectos de interese autonómico definirán os criterios de deseño, as características funcionais e a localización, que garantan a accesibilidade e a sustentabilidade ambiental das actuacións obxecto do proxecto.
Asemade, garantirán a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúan o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes sen menoscabo da funcionalidade dos existentes mediante a realización de cantas obras sexan precisas, a súa adaptación ao entorno no que se empracen e a súa articulación coas determinacións do planeamento urbanístico e territorial vixente.
Todas as obras, servizos públicos, infraestruturas e instalacións previstas no proxecto se axustarán ás dimensións e características esixidas pola lexislación sectorial que lles sexa de aplicación.
A Declaración de interese autonómico
A aprobación dos proxectos de interese autonómico non previstos, é dicir, que non desenvolvan un plan sectorial en vigor, deberá ir precedida da formal declaración de interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto.
A tal efecto, as persoas ou entidades promotoras do proxecto poderán presentar a solicitude de declaración de interese autonómico, xunto coa proposta de actuación indicando, cando menos, os seguintes extremos:
a) Descrición do tipo de actuación que se pretende levar a cabo, de acordo co establecido no apartado 1 do artigo 45.
b) Localización xustificada e ordenación da actuación proposta.
c) Características nas que se fundamenta o interese autonómico, xustificando e motivando:
– Que teñen unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica, social ou cultural, que afecte ao ámbito de máis dun concello, sen que sexa suficiente xustificación a súa situación en terreos de varios termos municipais.
– Que as actuacións previstas posúen unha función vertebradora e estruturante do territorio; ou que serven para desenvolver, implantar ou executar políticas sectoriais autonómicas, das entidades locais ou do Estado na comunidade, ou corresponde a determinacións previstas na lexislación sectorial; ou que a declaración de interese autonómico é necesaria para garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúen o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes sen menoscabo da funcionalidade dos existentes; ou a súa adaptación ao contorno no que se empracen.
– No seu caso, a inadecuación do planeamento urbanístico vixente e a imposibilidade de desenvolver o proxecto dentro do mesmo por falta de previsión ou incompatibilidade coas súas determinacións.
d) Xustificación da súa adecuación ás directrices de ordenación do territorio e outros instrumentos de ordenación territorial vixentes no ámbito no que se desenvolva o proxecto.
e) Medios económicos que garantan a viabilidade do proxecto.
f) Aspectos ambientais a ter en conta.
Suspensión motivada do planeamento urbanístico pola formulación dun instrumento de ordenación do territorio
Acordada polo Consello da Xunta a iniciación do procedemento de elaboración de calquera instrumento de ordenación do territorio, a persoa titular da consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, de xeito motivado, poderá suspender cautelarmente os procedemento de tramitación e aprobación do planeamento urbanístico, dos instrumentos de xestión ou execución do planeamento ou de outorgamento de licenzas e títulos habilitantes para ámbitos ou para usos determinados, coa finalidade de elaborar o instrumento de que se trate.
Previa á declaración da suspensión darase audiencia ao concello ou concellos afectados por prazo dun mes. Durante a dita audiencia, os concellos deberán informar das licenzas solicitadas afectadas pola suspensión.
Cando se acorde a suspensión da ordenación, determinarase se existe algunha norma do planeamento suspendido que permaneza vixente. Tamén poderá establecerse un réxime transitorio que permita desenvolver actividades compatibles coa actuación que se pretende aprobar, en tanto non se produza a aprobación definitiva do instrumento.
Durante o procedemento de tramitación poderán modificarse os ámbitos territoriais e materiais da suspensión acordada sen que elo altere a duración máxima establecida ao efecto.
A suspensión extinguirase coa aprobación definitiva do instrumento de ordenación do territorio que motivou a súa adopción e, en todo caso, polo transcurso do prazo de dous anos a contar dende a data do acordo de suspensión, prorrogable por un ano máis.