No día de hoxe unha representación da Rede Contraminacción de Galicia estivo a falar no Parlamento europeo sobre a minaría destructiva, o extractivismo e os impactos socio –ambientais que están a xerar proxectos de megaminería contaminante que afectan a Galicia, Portugal, España, Francia, Finlandia…etc.
Así, ás 15 horas comezaba no Parlamento europeo a xornada titulada “Minerías. O novo desafío extractivista. Como os negocios mineiros poñen en perigo as cidades, o emprego e o medioambiente”, e na que participaban colectivos como Ecoloxistas en Acción de Andalucía, Coordinadora NON á Mina – Por un Mundo Rural Vivo (Salamanca), Non á mina no val do Choia (Ávila), Non á mina na serra de Xemas (Avila), Ecoloxistas en Acción de Cantabria (Cantabria), Plataforma A Raia sen mina (Cáceres), Contraminacción de Galicia…etc.

Case ao mesmo tempo o antropólogo e sindicalista Adolfo Naya, nun artigo de opinión (“Coñece ao teu inimigo”: Non á mina de Touro-O Pino) publicado nun medio dixital galego, desenmascaraba e amosaba sen reparos (aínda que con valentía, non mencionaba a todos eles), a faciana dos principais responsables do extractivismo galego.
Proxectos mineiros como o de Corcoesto, Lousame, Touro, Triacastela…., operan desde políticas e marcos xurídicos que favorecen a especulación, a depredación, a fraude e a acumulación por desposesión de inxentes cantidades de recursos naturais para favorecer a acumulación de capital a favor das multinacionais depredadoras do territorio; en detrimento das comunidades locais que os habitan e que son desposeídas, a través de marcos xurídicos agresivos e violentos, dos seus medios de vida e dos recursos naturais do seu espazo vital.
Dentro destes marcos xurídicas agresivos está o programa Horizon 2020 da Unión Europea. Horizon 2020 é o programa de investigación e innovación máis grande da UE con case 80 mil millóns de € de fondos dispoñibles durante 7 anos (2014 a 2020), ademais do investimento privado que en teoría atraerá este diñeiro. Promete máis avances, descubrimentos e novidades mundiais ao levar grandes ideas do laboratorio ao mercado.
Sen embargo ten unha cara escura; e así, entre os seus obxectivos fixámonos con preocupación no seguinte parágrafo:
Marine and maritime research for Blue Growth will be implemented through a strategic and coordinated approach across all challenges and priorities of Horizon 2020. It will aim at unlocking the potential of resources from seas, oceans and inland waters for different uses and across the range of marine and maritime industries, while protecting the environment and adapting to climate change. Blue Growth will support sustainable growth in the marine and maritime sectors, through sustainable exploitation of marine resources for healthy, productive, safe, secure and resilient seas and oceans.
Este programa de investigación mariña que apoia o chamado Crecemento Azul non é outra cousa, que invertir cartos na procura da explotación dos recursos minerais do fondo do mar. Segundo a Comisión Europea sería preciso desbloquear o potencial de recursos dos mares, océanos e augas interiores. Así o Crecemento Azul é apoiar a explotación e a depredación dos fondos mariños dunha forma ambientalmente sostible e compatible co cambio climático. E para adornar todo isto falan de tecnoloxías habilitadoras e industriais, que estarían interconectadas a través dun sistema de mercado.
Na práctica é outra opción do extractivismo, ese mecanismo tradicional de saqueo e apropiación dos recursos naturais dun territorio e promover a mercantilización de ámbitos cerrados ata agora ao mercado, como é neste caso, a explotación mineira dos fondos mariños.
Como ben dicía David Harvey: “a perversa alianza entre os poderes do Estado e os comportamentos depredadores do capital financeiro constitúe o pico e as garras dun capitalismo buitresco que exercita prácticas caníbales e desvalorizacións forzadas”. Mentras, adornan os textos xurídicos dos máis altos valores da democracia con desvergoña absoluta e arrogancia; plasmando en normas urxentes, extraordinarias, especiais ou estratéxicas, os desexos voraces do imperialismo totalmente deshumanizado, que nega os dereitos fundamentais e máis elementais inherentes á dignidade do ser humano.
En Galicia cada vez son máis frecuentes os exemplos de normas destas características: agresivas, deshumanizadas, violentas, depredadoras do territorio e dos seus recursos e restrictivas de dereitos da cidadanía. Así cómpre destacar:
- LEI 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.
- INSTRUCIÓN 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas.
- DECRETO legislativo 1/2015, de 12 de febrero, por el que se aprueba el texto refundido de las disposiciones legales de la Comunidad Autónoma de Galicia en materia de política industrial.
- DECRETO 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
- DECRETO 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia.
- ANUNCIO do 1 de outubro de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, polo que se somete a información pública o anteproxecto de Lei de ordenación do territorio de Galicia.
Por iso, e en consoancia co artigo de Adolfo Naya, é moi importante que a cidadanía saiba e coñeza quen está detrás destas normas e destas políticas depredadoras da dignidade humana.
