A Resolución do 5 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, publica o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de outubro de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Mouriños como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.
Sobran palabras para describir o que expertos califican como «un dos últimos paraísos naturais que quedan intactos na Costa da Morte». Co Pico de Sinde liderando a fermosa paisaxe e próxima ao esteiro do río Anllóns, a área afectada polo parque eólico Mouriños encerra unha biodiversidade e unha riqueza paisaxística espectacular.
A pesar das eivas constatadas inicialmente pola Xunta de Galicia, e co apoio indispensable do municipio de Cabana de Bergantiños, quen chegou a informar favorablemente en dúas ocasións a favor do proxecto eólico; finalmente este sae adiante, a pesar do gran rexeitamento social, como así se manifestou no elevado número de alegacións das que se fixo eco o Diario Oficial de Galicia do día de hoxe.
