Hai que recoñecer que o borrador da Lei de acompañamento aos orzamentos da comunidade autónoma de Galicia para o ano 2019, no tocante á tramitación do concurso de dereitos mineiros, realiza un esforzo importante por incorporar unha tramitación moderna e intenta ser alomenos, máis inclusiva e garantista que a súa predecesora. Así introduce entre os criterios de valoración as medidas inclusivas e transversais que poidan presentar os proxectos, incluida a variable de xénero.
Tamén contempla como criterio de valoración os mecanismos de solución de conflitos coas comunidades locais, o que sin dúbida é un aspecto moi novidoso; pero é suficiente? están as empresas mineiras preparadas para asumir estes retos?
Como mínimo a valoración dos proxectos presentados e que opten os dereitos mineiros terá que atender aos seguintes criterios:
a) A calidade científica e técnica do proxecto e as garantías que se ofrezan da súa viabilidade.
b) A calidade ambiental do proxecto, valorándose especificamente a restauración de zonas degradadas como consecuencia de actividades mineiras anteriores.
c) A calidade social e ética do proxecto, é dicir, a inclusión no proxecto de medidas inclusivas e transversais, de cohesión social e de respecto ao medio ambiente nas que se expresen altos estándares de responsabilidade social e ética empresarial. Entre estas medidas valorarase a incorporación da variable de xénero; a integración laboral das persoas con discapacidade; mecanismos de solución de conflitos coas comunidades locais e mecanismos de transparencia e acceso dos cidadáns á información.
d) O impacto socioeconómico do proxecto na zona de implantación da explotación e na economía galega en xeral, con base en indicadores obxectivos e comparativos coa situación actual.
e) As condicións xurídicas máis respectuosas co carácter de bens de dominio público dos xacementos de orixe natural e demais recursos xeolóxicos no ordenamento xurídico español e coa súa explotación racional.
A lei tamén contempla a posibilidade do outorgamento de dereitos mineiros sobre os terreos francos resultantes do levantamento dunha zona de reserva.

A continuación recóllese o teor literal do texto do borrador:
«CAPÍTULO IX. Economía, emprego e industria
Artigo 31. Modificación da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia
A Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O artigo 35 queda coa seguinte redacción:
“1. Para o outorgamento de dereitos mineiros sobre os terreos francos resultantes do levantamento dunha zona de reserva ou da declaración de caducidade dun permiso de exploración, dun permiso de investigación ou dunha concesión de explotación mineira, tramitarase o correspondente concurso público, regulado neste artigo e demais normativa aplicable. En todo caso, realizaranse convocatorias de concurso diferenciadas por cada provincia.
Unha vez que adquira firmeza, de ser o caso, en vía xudicial, a declaración de caducidade dun dereito mineiro, procederase a efectuar a convocatoria do concurso público ao que se refire o parágrafo anterior e publicarase no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia. No prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da última publicación, quen estea interesado no dereito caducado poderá presentar solicitudes. Se a declaración de caducidade dun dereito obxecto de concurso se debera ao incumprimento das obrigas legais ou das condicións establecidas no título de outorgamento por parte da persoa explotadora ou da persoa titular do dereito, estas non poderán participar no concurso respecto do dito dereito. Na convocatoria do concurso determinaranse os criterios de selección así como os parámetros para a súa valoración tendo en conta, en todo caso, os previstos no artigo seguinte. Estes criterios e parámetros poderán ser establecidos previamente con carácter xeral para as convocatorias de concursos referidas a un ou varios tipos de recursos mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de minas. En todo caso, na convocatoria do concurso de que se trate poderán establecerse xustificadamente modificacións dos criterios ou parámetros establecidos con carácter xeral para adaptalos ás características ou circunstancias específicas do concurso concreto. 2. Na solicitude indicarase claramente o tipo de dereito que se solicita e sobre que dereito mineiro se solicita, achegando o seguinte contido mínimo que se presentará en dous sobres pechados debidamente numerados:
- No primeiro sobre incluirase a documentación acreditativa da capacidade xurídica e de obrar da persoa solicitante e da representación, así como o resgardo da fianza provisional, que consistirá no 10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa. Incluirase, así mesmo, a documentación acreditativa de non estar incurso nas prohibicións para contratar co sector público establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público.
- O segundo sobre conterá a designación do terreo que se pretende, os documentos requiridos para as solicitudes de dereitos mineiros, a documentación adicional que proceda explicativa ou acreditativa das vantaxes da proposta e unha declaración responsable dos documentos presentados.”
Dous. O artigo 36 queda coa seguinte redacción:
Artigo 36. Valoración de ofertas e resolución de concursos de dereitos mineiros
- No caso de que non se formulen solicitudes, o órgano mineiro competente declarará de oficio o terreo como rexistrable, e publicarao no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
- No caso de que se presenten varias solicitudes sobre o mesmo dereito mineiro abrirase unha fase de concorrencia competitiva, na que se establecerá a orde de prelación para a tramitación delas, de acordo coa valoración obtida por aplicación dos criterios de selección das propostas máis vantaxosas. Entenderase por propostas máis vantaxosas as que ofrezan as mellores condicións científicas e técnicas e as maiores vantaxes económicas e sociais tendo en conta os principios de sustentabilidade, responsabilidade e seguridade, e atendendo, como mínimo, aos seguintes criterios: a) A calidade científica e técnica do proxecto e as garantías que se ofrezan da súa viabilidade. b) A calidade ambiental do proxecto, valorándose especificamente a restauración de zonas degradadas como consecuencia de actividades mineiras anteriores. c) A calidade social e ética do proxecto, é dicir, a inclusión no proxecto de medidas inclusivas e transversais, de cohesión social e de respecto ao medio ambiente nas que se expresen altos estándares de responsabilidade social e ética empresarial. Entre estas medidas valorarase a incorporación da variable de xénero; a integración laboral das persoas con discapacidade; mecanismos de solución de conflitos coas comunidades locais e mecanismos de transparencia e acceso dos cidadáns á información. d) O impacto socioeconómico do proxecto na zona de implantación da explotación e na economía galega en xeral, con base en indicadores obxectivos e comparativos coa situación actual. e) As condicións xurídicas máis respectuosas co carácter de bens de dominio público dos xacementos de orixe natural e demais recursos xeolóxicos no ordenamento xurídico español e coa súa explotación racional. 3. A apertura das ofertas verificarase en cada provincia respecto dos dereitos que se localicen nela por unha mesa constituída por: a) A persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de minas ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente ou presidenta. b) A persoa titular da xefatura do servizo competente en materia de minas da xefatura territorial correspondente ou o enxeñeiro ou enxeñeira de minas do dito servizo en quen delegue, que actuará como secretario ou secretaria da mesa. c) Un membro da escala de letrados da Xunta de Galicia. d) A persoa titular da intervención delegada da xefatura territorial correspondente da consellaría competente en materia de minas ou da delegación provincial ou persoa en quen delegue. e) Unha persoa representante da dirección xeral competente en materia de minas designada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de minas.
No caso de dereitos que se localicen en máis dunha provincia, a apertura das ofertas será verificada pola mesa correspondente á provincia onde se localice unha maior extensión do dereito. No prazo de dez días desde a finalización do prazo para a presentación de solicitudes, constituirase a mesa e procederase á apertura de sobres na orde habitual. Ao acto de constitución da mesa e á apertura de sobres poderán asistir as persoas que presentasen as solicitudes ou os seus representantes debidamente acreditados. A mesa analizará e valorará as ofertas presentadas e realizará unha proposta de resolución do concurso que incluirá, para os casos nos que se presentaran varias solicitudes respecto dun mesmo dereito, a orde de prelación das solicitudes para a súa tramitación. 4. O concurso resolverao a persoa titular da consellería competente en materia de minas no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte á última publicación da convocatoria. A resolución conterá a orde de prelación para a tramitación das solicitudes concorrentes presentadas respecto dun mesmo dereito, de acordo co establecido neste artigo, e declarará que procede a admisión a trámite das solicitudes non concorrentes. Así mesmo, declarará rexistrables os terreos obxecto do concurso respecto dos que non se presentara ou non fora admitida ningunha solicitude. Transcorrido o prazo sen que recaese e fora notificada a resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
5. De non se admitir ningunha das solicitudes presentadas, o concurso declararase deserto e os terreos non adxudicados serán declarados rexistrables pola persoa titular da consellería competente en materia de minas. Esa declaración deberase publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, coa indicación de que poderán ser solicitados logo de transcorridos oito días desde a publicación no Boletín Oficial do Estado. ”
Tres. O artigo 50 queda redactado como segue:
Artigo 50. Responsables 1. Serán suxeitos responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas que incorran nelas, e, en particular: a) A persoa explotadora efectiva do recurso mineiro e, se é o caso, a persoa titular dos dereitos de aproveitamento mineiro. b) O subcontratista do explotador efectivo. c) A dirección facultativa, no ámbito das súas respectivas funcións. d) A persoa titular ou propietaria da entidade explotadora efectiva, así como o/a administrador/a, xerente, director/a ou equivalente da dita entidade en relación coas infraccións que se cometan no desenvolvemento da actividade de investigación ou aproveitamento dos recursos xeolóxicos, cando non realizasen os actos necesarios que foran da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas infrinxidas, consentiran o incumprimento por quen deles dependan ou adoptasen acordos que fixeran posible a comisión de tales infraccións. En todo caso, nos supostos de extinción da personalidade xurídica da entidade explotadora efectiva, o procedemento sancionador dirixirase contra as persoas indicadas nesta letra nos supostos sinalados nela. 2. No caso de existir máis dunha persoa responsable da infracción, as sancións que se impoñan terán entre si carácter independente. 3. Cando en aplicación desta lei dúas ou máis persoas resulten responsables dunha infracción e non fose posible determinar o seu grao de participación, serán solidariamente responsables para os efectos das sancións que deriven. 4. En todo caso, e sen prexuízo das garantías financeiras establecidas para o efecto, no caso de extinción da personalidade xurídica da entidade explotadora, os socios, administradores e directivos da dita entidade no momento da súa extinción quedarán obrigados ao cumprimento das obrigas relativas ao proceso de restauración, peche e abandono da explotación. En consecuencia, serán suxeitos responsables das infraccións que cometan en relación co incumprimento de tales obrigas».