- Notable incremento das peticións da cidadanía galega ante o Parlamento europeo e numerosas adhesións individuais ás xa presentadas, a consecuencia do rexeitamento social ao proxecto extractivo de Touro –O Pino.
- A Comisión de Peticións está a tramitar a máis recente delas, a petición n. º 386/2018, presentada pola Plataforma veciñal MINA TOURO O PINO NON.
- O Parlamento europeo tramita outras dúas peticións, a petición n. º 1194/2017 e a n. º 174/2018, presentadas por outras entidades ambientalistas galegas.
A Plataforma veciñal de Touro –O Pino pide que se restaure o emprazamento da antiga mina ao descuberto de Touro que estivo activa entre 1973 e 1986. A necesidade da resturación xustifícase polos seus efectos adversos sobre o medio ambiente, en particular a posible contaminación das augas do río Ulla e a ría de Arousa. Alerta tamén da afección do proxecto extractivo a zonas da rede Natura 2000 no Pino.

As outras peticións fan fincapé nas características da empresa promotora, nos impactos do proxecto e na falla de información. Así Cobre San Rafael S. L, creada hai dous anos, isto é, o 13/06/2016, filial da empresa matriz Atalaia Mining e cun escaso capital social de 5.000 euros pretende extraer cobre dunha mina situada no municipio de Touro, na Coruña, que ocuparía 689 hectáreas, das cales 492 son hoxe en día masa forestal e terreo agrario.
Entre os problemas específicos que plantexan as peticións están os impactos do proxecto extractivo na base territorial das explotacións agrarias beneficiarias da PAC, a desaparición de ata 20 mananciais de auga e as reservas que abastecen polo menos a un cento de vivendas e explotacións gandeiras. Tamén preocupa moito a afección a outros mananciais próximos ás zonas previstas para depósitos de estériles e sobre todo ao río Ulla, espazo natural de Rede Natura, e que na súa desembocadura, na ría de Arousa, xera miles de postos de traballos no sector marisqueiro e acuícola.
As peticións tamén recollen o malestar e a alarma social xerada pola permanencia na zona de balsas de estériles con diques de 2.806 e 3.187 metros de lonxitude e alturas de ata 81 metros, que se encapsularían ao final da súa vida útil. No caso de fallar estes diques, o estudo de impacto ambiental recoñece que terían consecuencias moi altas en canto a perdas de vidas humanas, danos ao medio ambiente e perdas económicas. A preocupación social esténdese aos dous depósitos de residuos estériles e catro vertedoiros, que ocuparán en total case 300 hectáreas próximas ás vivendas. Ademais o depósito de estériles entre Arinteiro e Vieiro podería converterse, a falta de datos do proxecto, nunha enorme balsa de lodos de ata 50 millóns de metros cúbicos de residuos estériles de mina, con risco para a vida das persoas residentes nas poboacións próximas en caso de rotura. Neste tipo de balsas existe o risco de rotura dos diques de contención con consecuencias potencialmente moi graves con graves perdas económicas e a deterioración dos ecosistemas.
As tres peticións figuran arestora abertas á adhesión da cidadanía, que desexe presentarlles o seu apoio, a través da web da Comisión de peticións do Parlamento europeo.
