O papel da Comisión europea, como goberno da UE é o de executar as políticas aprobadas polo Consello e o Parlamento e facer cumplir a normativa europea, entre elas as numerosas Directivas que protexen os dereitos da cidadanía europea, a saúde e o medio ambiente.
Sen embargo, o seu papel na praxe é o contrario: frear a operatividade da normativa comunitaria no tocante a esta protección, contribuir por tanto a deshumanizar as políticas públicas e deixar baleiro de contido o dereito fundamental de petición da cidadanía ante o Parlamento europeo.
Dentro do marco normativo da UE existen unha serie de principios xurídicos: o principio de atribución de competencias, o principio de proporcionalidade e o principio de subsidiariedade. O máis chamativo de todos, e do que abusa a cotío a Comisión europea, é o principio de subsidiariedade.

Este principio de subsidiariedade implica que a UE só vai a actúar cando os estados nacionais non sexan capaces de facelo, demostren unha inoperatividade manifesta para facelo ou ben non acadaran suficientemente os obxectivos previstos dentro das súas competencias. Este principio pretende determinar o nivel de intervención máis adecuado nos diferentes eidos das competencias compartidas entre a UE e os países da UE. A UE só pode intervir cando a súa actuación sexa máis eficaz que a dos países da UE a escala nacional ou local. Neste caso aquí en Galicia, existen sobrados exemplos nos que a inoperatividade da Xunta de Galicia é ben clara. Falamos por exemplo, da Directiva 2006/21/CE, que esixe a rehabilitación das zonas onde se situaron as instalacións de residuos mineiros, como son os casos da mina de Touro, Lousame, Monte Neme, Santa Comba…etc; e nos que non se levou a cabo restauración algunha dos espazos mineiros degradados ao remate da explotación, nen se esixiu á concesionaria restauración algunha, por parte do órgano con competencias materiais para facelo, isto é a Dirección xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia.
O Protocolo sobre a aplicación dos principios de subsidiariedade e de proporcionalidade menciona tres criterios cuxo obxectivo é confirmar ou non a posibilidade dunha intervención a nivel da UE:
- ten a acción aspectos transnacionales que non poden ser regulados polos países da UE?
- a acción nacional ou a falta de accións contradin os requisitos do tratado?
- a acción a nivel da UE presenta vantaxes manifestas?
Así mesmo, o principio de subsidiariedade parte da idea de que é mellor para a cidadanía que os seus problemas se solucionen a nivel local, polas autoridades nacionais que están máis próximas. Con todo, o principio de subsidiariedade non significa que unha acción sempre deba adoptarse ao nivel máis próximo aos cidadáns.
Por tanto, en materia de protección do medioambiente e ante a inoperatividade flagrante e manifesta da Xunta de Galicia, é obvio que en virtude do principio de subsidiariedade a Comisión europea sí debera actuar con máis eficacia, efectividade e contundencia nestes casos. E debe actuar porque se non o fai quedaría baleiro de contido o dereito de petición consagrado nos artigos 20, 24 e 227 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE) e no artigo 44 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

Entre os instrumentos que permiten tramitar e resolver as cuestións expostas pola cidadanía nas peticións cabe citar especialmente as visitas de investigación, tal vez moi necesarias aquí en Galicia, para que a representación dá cidadanía en Europea comprobe in situ a vulneración da normativa comunitaria. Por tanto, cómpre complementar as peticións coas imprescindibles visitas de investigación para que a Comisión non poida escudarse no principio de subsidiariedade e deixar que a autoridade galega competente en materia de minas continúe a facer ou que lle veña en gana.
Vexamos algúns exemplos da actuación da Comisión europea:
- Petición n.º 0059/2017, sobre a mina de wolframio de Lousame, en Galicia
Conclusiones da Comisión europea:
En vista de lo anterior, la Comisión no puede dar curso a esta petición e invita al peticionario a hacer uso de los mecanismos de recurso previstos por la Directiva EIA en este tipo de casos.
- Petición n.º 1174/2017, sobre a mina a ceo aberto de Valdeflores, en Cáceres
Conclusiones da Comisión europea:
En las actuales circunstancias, la Comisión no tiene previsto instruir la petición más a fondo.
- Peticións n.º 0174/2017 e 0809/2017, sobre a mina de uranio de Retortillo e Villavieja, en Salamanca
Conclusiones da Comisión europea:
La Comisión está evaluando la información adicional facilitada por las autoridades españolas y, en función de las conclusiones que extraiga, decidirá cuál es la manera más apropiada de proceder en este caso.
- Petición n.º 0174/2018, sobre o proxecto minero en Touro, A Coruña
Conclusiones da Comisión europea:
En los Estados miembros recae la responsabilidad principal de transponer, aplicar y ejecutar correctamente el Derecho de la Unión y, además, la obligación de proporcionar vías de recurso suficientes para garantizar la tutela judicial efectiva en los ámbitos cubiertos por el Derecho de la Unión. Habida cuenta de los mecanismos de recurso establecidos en la Directiva EIA y la Directiva 2003/4/CE, en circunstancias como las del presente caso, la Comisión pide a los peticionarios que recurran en primer lugar a las vías de recurso disponibles a nivel nacional. Por esta razón, la Comisión no dará curso ulterior a esta petición.
O principio de subsidiariedade e o recurso aos Tribunais de cada Estado
Un argumento moi habitual nas conclusións da Comisión europea é o das vías de recurso aos Tribunais nacionais, que contempla a Directiva 2003/4/CE. Esta norma garante o dereito de acceso á información ambiental que obre en poder das autoridades públicas ou doutras entidades no seu nome, e establece as condicións básicas e as modalidades prácticas para o exercicio do mesmo. En virtude desta Directiva, toda persoa que considere que a súa solicitude de información foi ignorada, rexeitada sen fundamento (parcial ou totalmente), respondida de forma inadecuada ou tratada de maneira non conforme coas disposicións de Directiva, ten acceso a un procedemento no que os actos ou omisións da autoridade pública correspondente poden ser reconsiderados por esa ou outra autoridade pública ou recorridos administrativamente ante unha entidade independente e imparcial creada por lei. Todos estes procedementos deben ser rápidos e gratuítos ou pouco custosos. Ademais deste procedemento de recurso, o solicitante debe ter acceso a un procedemento de recurso ante un tribunal de xustiza ou outra entidade independente e imparcial creada por lei.
Un argumento moi empregado polo executivo comunitario é o recurso aos tribunais ordinarios nacionais
A Directiva EIA (Directiva 2011/92/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de decembro de 2011, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, modificada pola Directiva 2014/52/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de abril de 2014, pola que se modifica a Directiva 2011/92/UE relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio), dispón que os proxectos que poidan ter efectos significativos no medio ambiente, en virtude, entre outras cousas, da súa natureza, dimensións ou localización, deben estar suxeitos, antes de que se conceda a autorización, a unha avaliación das súas repercusións. Os proxectos extractivos como o mencionado na petición están contemplados no anexo II da Directiva EIA e, por conseguinte, as autoridades competentes deben determinar se é necesaria unha avaliación de conformidade coa Directiva. A Comisión observa que a Directiva EIA establece a posibilidade de presentar un recurso ante un tribunal de xustiza ou ante outro órgano independente e imparcial para impugnar a legalidade de fondo ou procesual das decisións emitidas no marco dun procedemento de avaliación do impacto ambiental.
Sen embargo, en España o recurso aos tribunais nacionais non é un procedemento nen rápido, nen gratuíto nen pouco custoso. Na práctica adoita requerir uns custos da defensa, da representación da parte e pode incluso chegar a ter que soportar a cidadanía os custes do proceso xudicial.
Polo tanto, chegamos a conclusión de que na meirande parte das veces, o comportamento da Comisión desvirtúa e deixa baleiro de contido o dereito fundamental de petición ante o Parlamento europeo. A cidadanía tamén é consciente destas trabas e de aí que cada vez sexan menos as peticións que se tramitan ante a institución comunitaria.
