Nesta semana coñecíamos que a eurodeputada galega Lidia Senra denunciaba na Comisión europea, o perigo que o eucalipto supoñía para especies protexidas polo Convenio de Berna, relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural de Europa.
Entre eses animais máis susceptibles á acidificación dos solos producida polos eucaliptos está a píntega común ou salamátiga. A píntega ou salamántiga común ten unha subespecie de seu en Galicia, a Salamandra salamandra gallaica.
Para evitar seren atacadas por outros animais, a súa pel contén pequenas cantidades de substancias tóxicas (pezoña).
Pero como afecta a eucaliptización a estes animais?
Os eucaliptos consomen bastante auga debido a súa elevada evapotranspiración. Ademais son moi selectivos cos nutrintes que escollen do chan. Entre eses minerais que acaparan do chan en concentracións importantes está o calcio. Isto produce un descenso importante do pH e a conseguinte acidificación dos solos. Ao quedarse o chan sen calcio, libéranse importantes concentracións de aluminio coa conseguinte toxicidade para as plantas. As plantas e os animais atópanse de súpeto, con que as condicións dos ecosistemas xa non son as adecuadas para a súa supervivencia.

Os solos ácedos crían moitos fungos que xeran un entramado de micelios ou filamentos brancos que producen a impermeabilización do solo. É o fenómeno coñecido como water repellency, que impide que a auga se filtre. Aumenta así a escorrentía superficial e a erosión laminar.
En Galicia milleiros de hectáreas de solos están perdendo as súas propiedades naturais por mor dos eucaliptos. Ademais deixan de ser espazos adecuados para o desarrollo da flora, da fauna, a auga e a súa capacidade produtiva a longo prazo.
Os produtores forestais e a industria minimizan a importancia destes impactos cando non debera ser así, porque a consecuencia é un atentado ecolóxico de primeira magnitude.
A Xunta de Galicia debera analizar as consecuencias da súa política expansionista dos eucaliptos e mudar drásticamente as políticas con respecto a estes, xa que está a ser cómplice do que podería ser un atentado ecolóxico sen precedentes na nosa historia.
