Galería

Corcoesto apodera e rinde memoria, ás súas veciñas máis relevantes ao longo da historia

Sara Andrade, a muller de Corcoesto, titiriteira e artista, detrás dun dos teatros Barrigas Verdes de primeiros do século XX

Sara foi unha muller que con dezaseis anos mudou o seu destino e o fixo dunha das maneiras máis radicais que se podían facer a primeiros do século XX. O seu futuro, ao igual que o das súas irmás, estaba vencellado á terra, a labranza, a casar e a criar fillos.

E así, sen saber moi ben como, Sara acabou titiriteira.

Aínda que cando se fala das funcións de Barriga Verde asócianse estas á familia Silvent, creadora da famosa marioneta, a verdade é que na primeira metade do século XX, as feiras de Galicia estaban cheas de barracas e títeres que representaban ou imitaban as historias deste personaxe, o Barriga Verde, moi popular, subversivo e que gañaba adeptos cada día precisamente pola burla encuberta ás autoridades nas historias que narraba.

Non se sabe cal foi o motivo polo que Sara rematou nunha barraca da feira, entre bambalinas. O certo é que un día uníuse ao mundo da farándula e visitaba con frecuencia a feira de Ponteceso, a onde de vez en cando acudía a familia a visitala. Así hai veciñanza que lembra que mentras os rapaces asistían as funcións, a familia reuníase con ela na barraca. Falaban de cousas da vida mentras cosía e amañaba as marionetas, creaba outras novas ou preparaba os relatos das funcións.

Aínda que titiriteira, vivía dunha maneira máis acomodada que os parentes da aldea. Casada e sen fillos pronto remataría en Montevideo. Continuaría no mundo do espectáculo. A súa pista perderíase nos Estados Unidos cando contaba con corenta e poucos anos.

Hai constancia documental na prensa da época sobre o pasado de Sara. Con quince anos fora vítima de acoso sexual mentras mantía o gando no monte. Tal vez este feito desencadeou as súas gañas de percorrer o mundo ou buscar unha vida diferente.

Luisa de Lanzós, a muller que se enfrontou ao mosteiro de San Martiño de Santiago, para reivindicar o lugar de Cardezo como seu, na parroquia de Corcoesto

Descendente de Afonso de Lanzós, cabaleiro fidalgo e líder da revolta irmandiña que finalmente foi detido. A súa viúva preiteou para a recuperación dos seus bens. Esas reivindicacións continuaron cos seus descendentes, entre elas a súa filla Ysauel (Isabel ou Luisa) e Inés.

Tres mulleres de Corcoesto que desafiaron o poder do clero a principios do século XX: Josefa, Dolores e Concepción

El Compostelano: diario independiente, o 11 de xaneiro de 1922 recollía na columna de detencións a seguinte información:

“Detenciones: Como presuntas autoras de pedreas contra la casa del párroco de Corcoesto (Cabana), don José Martínez Rubiño, detuvo la Guardia civil, poniéndolas a disposición del Juez de aquel distrito, a Josefa y Dolores Martínez Calvo y a Concepción Calvo Amoedo”.

Josefa, Dolores e Concepción eran tres veciñas de Corcoesto que trataron de defender o seu patrimonio e as súas terrras, ameazadas polo párroco, que aspiraba á propiedade dos bens que de forma lexítima lles correspondía ás tres mulleres.

Nunha época na que a muller non tiña voz, a represión e os abusos sobre elas dos que sí tiñan poder, manifestábase de moitas formas. Na meirande parte dos casos a única forma de defensa das mulleres era dar a voz de alarma e realizar actos, que aínda que non moi éticos, sí chamaban a atención pública sobre as inxustizas que estaban a padecer.

O párroco aspiraba ás terras que lexítimamente lles pertencían ás tres veciñas, mais estas non dubidaron de chamar a atención do público sobre o seu problema.

Foron xulgadas por undelito de anarquismo, moi habitual naquela época, pero absoltas en apelación ante a Real Audiencia, ao demostrarse a lexítima defensa coa que actuaban, fronte as ansias de poder da curia.

María do Vilar, gaitera de sona, no Corcoesto do ano 1767

María do Vilar foi gaiteira de sona. Aprendiz dun gaitero de Soandres, oficio que lle reportaba uns 125 reais. Cando non había festa traballaba na acea de Alonso de Lema, nun muíño fariñeiro de auga situado no cauce do río Anllóns.

Sen embargo, María do Vilar cando viña ás romarías de Corcoesto cobraba en especie: fabas, patacas, centeo,…

18.jpg
Porque invertir na crianza dunha muller é invertir en todo o futuro dun país

Luisa e Isabel Ramona, as irmás de Corcoesto que loitaron a finais do século XIX pola redención dos foros

Luisa e Isabel Ramona Soutullo Lema foron dúas irmás labregas que viviron na parroquia de Corcoesto a finais do século XIX.

Corría o ano 1866 e as irmás tiñan que pagar o importe das rendas forais, que alcanzaban a 19 ferrados de trigo da renda vencida o mes de agosto, a Ramón Caamaño Romero e ao seu pai Francisco Caamaño Corral, ambos os dous de San Tirso de Cospindo, no municipio de Ponteceso. Esa renda foral era a estipulada nos documentos asinados entre as partes polos bens rústicos e urbanos sitos en Corcoesto, libre de toda clase de pensións e contribucións, posta e paga na casa do Caamaño quen presentara unha demanda no xulgado do  distrito baixo a condición de desafiuzamento de todos os seus bens.

As rendas forais figuraban nun contrato asinado polo cónxuxe de Luisa, Ignacio Fernández Vázquez, que era labrador pero que marchara a Montevideo, seguindo a masiva emigración americana que se producía por aquelas datas. Ao frente das terras estaban as dúas irmás.

Pero o obxectivo das irmás non era o pago da renda senón a redención definitiva do contrato de foro e acceder á propiedade das terras que cultivaban. Conseguiron o seu obxectivo mais non de xeito fácil. Para elo tiveron que manter as terras que cultivaban a pesar das demandas xudiciais dos foristas e ata a redención definitiva do contrato foral que os unía. Os bens aforados debían retornar, co seu correspondente dominio, ó titular do directo que, en todo caso, debía pagar as melloras ou perfeitos que o dominio útil ou foreiro fixera. E neste aspecto baseábanse as irmás para facer perdurar o foro ata o momento propicio para a súa redención definitiva.

Rosa de Corcoesto: a muller que cautivou ao bardo Pondal, transgresora, emprendedora e feminista

Era unha rapaza fermosa, ou polo menos Pondal así a describe, pero moi pobre. Chegou a ter dúas fillas de solteira, o cal era un estigma naquela época para unha muller. O pai das fillas era un home rico e casado, dun lugar próximo á Regueira, e dono da casa onde vivía Rosa.

O feito de que tivese dúas fillas sen estar casada, xa era motivo de marxinación para unha muller. De feito Pondal así a trata ao referirse: “se tan doce e dadivosa, / como din que es, é certo;”.

Rosa era unha muller pobre, pero transgresora e loitadora. Tivo dúas fillas co home que ela quixo, sen casar. Rosa era unha boa coñecedora das herbas e dos seus poderes curativos e sanadores. Exercía labores de curandeira e chegou a rexentar un pequeno balneario á beira da Regueira. Alí aproveitaba as augas ferruxinosas do rego de Sta. Margarida de Baneira, especialmente eficaces para paliar estados carenciais e doenzas hepáticas. Pero tamén había á beira da casa na que vivía, unha fonte de augas sulfurosas para doenzas reumáticas moi típicas na época, onde as persoas adiñeiradas como Pondal ían tomar baños de asento. Chegou a rexentar incluso unha pequena taberna. Rosa era en definitiva unha transgresora, unha muller feminista e emprendedora.

As fillas de Rosa. Madriña Antonia

Rosa tivo dúas fillas a quen lles pagou o billete para embarcar para as Américas. Consideraba que no país non había futuro para elas. Unha delas, Isabel finou ao pouco de chegar a Veracruz, México, procedente da Habana. A outra, Antonia, tomaría os hábitos para entrar de monxa nun convento. Mais Antonia regresou ao cabo dos anos para coidar a súa nai enferma antes de morrer. Ao finar Rosa, a súa filla Antonia abandonaría a casa da Regueira para vivir nun local anexo á igrexa parroquial de Corcoesto, e desenvolver na parroquia a súa labor de axuda aos pobres e coidar o camposanto.

As avoas aínda lembran as ringleiras de rosais que adornaban a entrada á igrexa cando eran nenas. Madriña Antonia, como lle chamaba a veciñanza de Corcoesto, vivía da caridade da xente pero a súa bondade e dedicación aos pobres permaneceu na memoria colectiva. Obra súa son os dous camelios senlleiros que adornan hoxe en día a fachada barroca da igrexa de San Pedro de Corcoesto.

Manuela Cotelo, a muller que naceu en Sevilla e decidiu vivir en Corcoesto, cos seus avós

Na casa nº 6 da praza do Castelo, en Sevilla capital da provincia, nacía o día 20 de setembro de 1877, Manuela. Manuela era filla de Francisca Cotelo, solteira, natural de Corcoesto (bautizada o día 3 de outubro). Francisca trasladárase a Sevilla, acompañando ao seu irmán Manuel Cotelo Caamaño, posiblemente vencellado á igresa por razón do seu traballo.

O párroco Martín León, con licencia do Doutor Francisco Manuel Reina, cura propio das parroquias unidas de San Xoán Bautista, Vulgo da Palma e do Apóstolo San Pedro de Sevilla, bautizaba así a unha nena que anos despois viviría en Corcoesto.

Os avós maternos foron Vicente Cotelo e María Caamaño. Os padriños, Manuel Ramos e Josefa Ramos, aos que o párroco lles advertiu do parentesco espiritual e demáis obrigas que contraían co solemne acto do bautizo, do que foran testemuñas. E así consta na partida no libro corrente de bautismos da parroquia de Xoán Bautista de Sevilla, o tres de outubro de 1877.

Con tres ou catro anos Manuela trasladaríase a Corcoesto, para vivir cos avós maternos no lugar de Cures.

O 14 de xullo de 1906 casa con Ángel Vázquez Recouso, natural de Mesía. Ángel era un traballador das minas de Corcoesto, que atraído pola industria do ouro traballaría para os ingleses co seu irmá Pedro. Pedro Vázquez Recouso morrería ao pouco tempo, nun accidente laboral nas minas de Corcoesto, deixando a unha viúva, Teresa Méndez (alcumada “A Carrala”).

Pouco despois, tras a fallida industria mineira de Corcoesto, Ángel queda sin traballo e decide emigrar a América. O seu obxectivo é moi claro: non voltar nunca máis a Galicia, porque aquí o único oficio que lle esperaba era “cavar terróns”.

A pesar de que Ángel intentou unha e outra vez que Manuela o acompañase, esta decidiu quedarse e apostar por un futuro en Corcoesto, para ela e o seu fillo, José Vázquez Cotelo.

Manuela fixo unha aposta valente e fíxose cargo da vida: labradora, produtora de madeira, familia monoparental….Todo un exemplo das moitas mulleres de Galicia, que loitaron por sacar adiante as súas familias en tempos difíciles.

963
Apoderar as mulleres é propio de sociedades avanzadas, respetuosas cos dereitos humanos
100
Non se pode entender o presente, sen ter en conta o esforzo histórico, das mulleres dun país

 

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s