A asociación aproveitará a súa estadía en Bruselas, o vindeiro 20 de febreiro, para chamar a atención sobre o préstamo de 60 millóns de euros, que o Banco europeo de inversións (BEI) acaba de conceder a Greenalia Biomass Power Curtis-Teixeiro S.L.U., para a súa planta de biomasa.
Nunha operación escurantista e con moi pouca transparencia, xa denunciada ante os Tribunais europeos incluso pola Ong Clean Earth, o banco comunitario financia unha planta de biomasa que prevé un consumo anual dunhas 500.000 toneladas de biomasa ao ano. As cuestións son?
1.- de onde vai a sacar a planta de Curtis tanta biomasa?
2.- esa biomasa terá a súa orixe nas plantacións de eucaliptos?
3.- pertetuarase o modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que aposta pola produción de madera con pouco valor engadido?
Di o proxecto industrial de Greenalia que: «O consumo anual de biomasa na planta roldará as 500.000 toneladas. A materia prima asegurarase a partir de fontes certificadas de Galicia baixo os esquemas do Consello de Administración Forestal (FSC) e / ou do Programa de aprobación de certificación forestal (PEFC), é dicir, como unha mestura de 100% FSC, 100% PEFC, FSC mixta, FSC Madeira controlada ou fontes controladas PEFC. De acordo co Decreto Galego 52/2014 para a regulación do manexo forestal en Galicia, a partir de 2020, todos os propietarios ou administradores forestais formarán parte dun esquema de certificacións forestais (por exemplo, FSC/PEFC). O promotor posúe unha certificación de grupo PEFC para os bosques baixo manexo, así como para a colleita, compra / venda e transporte de madeira. Ademais, o promotor posúe unha certificación FSC para o manexo forestal e a produción de madeira. A Lei 7/2012 de Bosque de Galicia obriga á recolección dos residuos de colleita do bosque co obxectivo de reducir o uso de combustibles fósiles e evitar incendios forestais. O proxecto contribuirá a lograr este obxectivo, utilizando os residuos forestais para a produción de enerxía renovable»…

Pero este documento ten unha serie de aspectos que fai dubidar moito da súa viabilidade económica, ambiental e social; e por tanto, parécenos que esa financiación do BEI non ten sentido, en base a:
1.- A superficie forestal certificada en Galicia é irrisoria.
2.- O Decreto galego 52/2014 non obriga a todos os propietarios ou administradores forestais. Este regulamento regula os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal. A lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia establece no seu artigo 77 un conxunto de proxectos de ordenación, documentos simples ou compartidos de xestión forestal ou documentos equivalentes, como son a adhesión a referentes de boas prácticas e modelos silvícolas orientativos ou de xestión forestal, segundo a superficie da propiedade forestal (a partir normalmente de 25 hectáreas, o xestor forestal terá que establecer modelos de boas prácticas, pero non son obrigatorias as certificacións forestais (FSC, PEFC)). Dada as reducidas dimensións das parcelas forestais en Galicia, xa que a maior parte dos propietarios non supera as 2 hectáreas, nin sequera están obrigados a establecer estes modelos de boas prácticas.

Aparte que a superficie forestal certificada en Galicia é irrisoria (con apenas un 7,2%) e que os propietarios forestais en NINGUNHA maneira están legalmente obrigados en certificar as súas leiras e plantacións, a certificación forestal NON é desexable por razóns ambientais e sociais. Estes selos traballan a favor dos intereses da industria de facerse con grandes cantidades de materia prima barata e de acapararse de grandes extensións de terras. Fan publicidade baixo o lema da “certificación de bosques responsables”, pero o que na realidade máis certifican – sobre todo en Galicia – son plantacións industriais, que NON son bosques, senón monocultivos con especies exóticas e daniñas como os eucaliptos, que producen graves danos ecolóxicos (á biodiversidade, os chans, augas, incendios, clima) e sociais. Empresas como ENCE/ Norforest teñen varios miles de hectáreas de plantacións industriais de eucalipto certificadas baixo o selo do FSC, nos cales poderían estar a aplicarse grandes cantidades de herbicidas (glifosato) e insecticidas para compartir as pragas do eucalipto (eliminando todos os insectos). Tamén certifican o aproveitamento forestal rendible de bosques naturais ou semi-naturais, pero a superficie certificada en Galicia e practicamente nula, e é moi cuestionable se se debería promover a certificación do aproveitamento industrial de bosque naturais.
PEFC é un puro lavado verde creado pola industria, non ten ningunha credibilidade.
3.- Non existe en Galicia unha obrigación, nin sequera xenérica de xestionar a biomasa forestal, salvo as franxas primarias, secundarias e terciarias para previr os incendios forestais e que representan unha superficie mínima. Xestión da biomasa (labores de corta e rozas) das parcelas, con retirada do material resultante a un vertedoiro autorizado, nunha franxa de 50 metros:
a) Perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.
b) Ao redor das edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, campings, gasolineiras e parques e instalacións industriais sitas a menos de 400 metros do monte.
c) Ao redor das edificacións illadas en solo rústico sitas a máis de 400 metros do monte.
d) Retirada das especies arbóreas das parcelas que estean recollidas na DA 3ª da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que se atopen a unha distancia de 50 metros do perímetro sinalado no punto anterior.
As franxas primarias, secundarias e terciarias para previr os incendios forestais só representan una superficie mínima. Tampouco existe ningún sistema de infraestructura e de recoleción (centralizada) da biomasa desbrozada. A maior parte tritúrase in situ (sobre todo ao longo das vías), outra parte quéimase in situ (cos efectos adversos polo fume, o clima pola liberación inmediata de carbono e o perigo dos propios incendios forestais), ou déixase descompoñerse no chan (a mellor maneira porque se mantén boa parte da materia orgánica e os seus nutrientes). E outra parte aproveitan os propietarios para o seu consumo privado.
4.- O dereito á propiedade privada recollido no articulo 33 da Constitución española, confire ao propietario plena dispoñibilidade sobre a súa propiedade, que non pode modificar nin limitar ningunha lei. Por tanto non existe lei algunha que limite nin condicione a plena dispoñibilidade dos titulares sobre a propiedade forestal.
5.- Greenalia ten que terminar a construción da planta o 27 de marzo de 2020. Esta data é moi axustada desde o noso punto de vista, sobre todo tendo en conta que o polígono industrial de Curtis (2ª fase), no que está prevista a súa instalación, aínda está en fase de desenvolvemento. Se o 27 de marzo non se executou vaise a instar a caducidade das autorizacións ambientais.
6.- Existe cada vez máis oposición social á xeración de electricidade a partir da biomasa forestal, polas consecuencias nefastas que ten para a biodiversidade do monte galego e a emisión de CO2. A sociedade está cada vez máis concienciada da necesaria reducción paulativa nos plantíos de eucaliptos e forestalistas, tal e como demostrou o apoio de 42.328 galegas e galegos á iniciativa lexislativa popular na defensa do bosque autóctono promovida polos colectivos da Rede Cousa de Raíces, e que tanto o Partido popular como o PSOE desbotaron no Parlamento galego.