Por un lado a Barcia e por outro o río Anllóns, e onde o río fai un corno, aí están os Castros, en pleno Xuncal do Anllóns. Os montes veciñais Castro Grande e Castro Pequeno dominando o xuncal. A unha beira de Cabana, o Bosque, as brañas de Boedos, as Fontiñas e o Herbal de Laíño; e á outra, pola beira de Ponteceso, a Barcia.
Como tributarios do Anllóns, por un lado o río de Anos que tras discorrer ao pé da Costa de Cabana, o monte Vilariño e a Agra dos Muíños desemboca xunto ás brañas de Boedo; pola outra beira o río Cundíns desemboca xunto o lugar Alvedros e a Agra de Leas.
É un área importante en canto a bens comúns veciñais, todos eles no municipio de Ponteceso. Así temos o Boedo Grande veciñal e o Boedo Pequeno veciñal.
Curiosa tamén é a toponimia deste lugar. Nomes como Tabarcos, Barcos, Gabarcos…etc.

En fronte, preto do Corno está a Escombreira, microtopónimo que fai referencia ás labores que se realizaban ata hai pouco na parcela, por parte dalgunhas administracións locais que queimaban o lixo aquí. Ao pé dos Castros, o Porto de Lamas, un lugar seguro de paso polo medio do xuncal cara a parcela Capitana e o Agro das Antas, en dirección a Bouza Gudín.


É tremenda a riqueza arqueolóxica desta área. E á beira do xuncal mesmo, a canteira de Sta. Cristina. De súpeto a paisaxe muda bruscamente para atoparnos cos restos da actividade mineira que socaba as marxes do Anllóns. Á outra beira da estrada, a distinto nivel, a outra canteira máis grande, a de Sta. Cecilia.

Continuamos o camiño á beira do río cara a Pesqueira e o Bo Xuncal. A escasa distancia xa nos atopamos co núcleo urbano de Ponteceso. A outra beira, o dominio público marítimo terrestre que configura o LIC Río Anllóns.
A importancia dos portos ao longo do río Anllóns: PortoXuán, no lugar de Leas
Á beira de Maseiros e de Forniños, e en fronte a Reguiños, xa no lugar do Bosque, PortoXuán amósase como outro lugar de paso seguro do río.



A importancia da paisaxe na desembocadura do río Anllóns
A paisaxe é un dereito individual e colectivo de cada persoa. Pero tamén implica o deber de conservala.
Unha das características das paisaxes é a súa unicidade: cada paisaxe é única e irrepetible. Por iso manter a súa integridade e a súa autenticidade é un deber esencial das comunidades ribeiregas do río Anllóns. Da cidadanía activa e responsable depende manter a esencia desta paisaxe fluvial, que sempre acompañou ao río Anllóns e ao devir da vida vencellada ás comunidades ribeiregas.

Fotografía Aérea y Terrestre, S.L.. (1958 – )

Fotografía Aérea y Terrestre, S.L.. (1958 – )

Fotografía Aérea y Terrestre, S.L.. (1958 – )