Se ben xa se sabe que todos os regos da entorna da mina de Touro están contaminados, agora tócalle ao órgano xudicial valorar se puidera existir ou non un delito contra o medio ambiente e os recursos naturais.
Por que é tan difícil probar o delito ecolóxico?
Existe unha liña divisoria entre a infracción administrativa e o ilícito penal. A diferencia atópase na gravidade do perigo. Probar o suposto dano para o medio ambiente xa depende case que exclusivamente da proba pericial e aínda así, a proba vai a ser valorada libremente polo órgano xudicial. A acción contaminante ten que ter a suficiente entidade como para prexudicar gravemente o equilibrio natural. Ademais hai que ter en conta a importancia de non truncar o nexo de causalidade, entre a infracción da norma e as consecuencias que para os ecosistemas teñen tales incumprimentos.
Así uns regos vermellos ou cobrizos como os de Touro, nos que non existe vida aparente, a excepción deses extremófilos dos ríos Lañas, Pucheiras…etc, non sería suficiente para acreditar un dano ambiental grave. Ao fin todo depende dunha proba pericial contundente e irrefutable, que aínda así será valorada libremente. Esta proba pericial non pode deixar dúbidas no órgano xudicial, porque se así fose, remataría necesariamente nunha absolución.
E é aquí onde entra a capacidade das empresas para «eludir» o tipo penal, porque todo informe pericial presentado polas acusacións ou a Administración, vai a ser obxecto doutro (ou incluso de varios) informe pericial replicante.
Por iso é tan difícil castigar penalmente as condutas delituosas contra os recursos ecolóxicos.
Polo tanto, nunha boa parte dos casos é moi difícil acreditar ese prexuizo grave para os ecosistemas, aínda que exista. De aí que moitos dos casos rematan arquivándose polos xulgados e quédanse en simples infraccións administrativas. Ademais, polo principio de intervención mínima, o dereito penal só castiga aquelas condutas máis reprochables xuridcamente.
Por outra banda, o tipo penal do delito ecolóxico require a concurrencia dunha serie de elementos para poder acreditarse a existencia de delito:
1.º Un elemento obxectivo: a provocación ou realización directa ou indirecta, dalgunha das actividades (verteduras, extraccións ou escavacións, aterramientos, inxeccións ou depósitos…), realizadas sobre algún dos elementos do medio físico (atmosfera, chan, subsolo, ou augas terrestre, marítimas ou subterráneas…).
2.º A infracción dunha norma extrapenal protectora do medio ambiente.
3.º Creación dunha situación de perigo GRAVE para o ben xurídico protexido.
Ten que existir unha relación de causalidade: que como consecuencia da infracción penal se causen DANOS SUBSTANCIAIS á calidade das augas, do chan, animais ou prantas.
Así establece o artigo 325 do Código Penal español que:
1.- Será castigado coas penas de prisión de seis meses a dous anos, multa de dez a catorce meses e inhabilitación especial para profesión ou oficio por tempo dun a dous anos o que, contraviniendo as leis ou outras disposicións de carácter xeral protectoras do medio ambiente, provoque ou realice directa ou indirectamente emisións, verteduras, radiacións, extraccións ou escavacións, aterramientos, ruídos, vibracións, inxeccións ou depósitos, na atmosfera, o chan, o subsolo ou as augas terrestres, subterráneas ou marítimas, incluído o alta mar, con incidencia mesmo nos espazos transfronteirizos, así como as captacións de augas que, por si mesmos ou conxuntamente con outros, cause ou poida causar danos substanciais á calidade do aire, do chan ou das augas, ou a animais ou plantas.
2.- Se as anteriores condutas, por si mesmas ou conxuntamente con outras, puidesen prexudicar gravemente o equilibrio dos sistemas naturais, impoñerase unha pena de prisión de dúas a cinco anos, multa de oito a vinte e catro meses e inhabilitación especial para profesión ou oficio por tempo dun a tres anos. Se se creou un risco de grave prexuízo para a saúde das persoas, impoñerase a pena de prisión na súa metade superior, podéndose chegar ata a superior en grao.
Así pois o tipo penal de referencia constitúe, xeralmente, un suposto de perigo «concreto» (ou, polo menos, «hipotético»), no que é necesaria a creación dunha situación, debidamente probada, de risco suficientemente determinado para o equilibrio dos sistemas naturais ou, no seu caso, para a saúde das persoas (inciso último do art. 325 CP), sempre que ese risco poida ser considerado «grave».
4.º Tipo subxectivo: a existencia de dolo ou intencionalidade.
O delito esixe dolo, bastando o dolo eventual que se consuma desde o momento da produción do risco, prolongándose ata a cesación da situación, no que cabe a tentativa; a xurisprudencia adoita excluír a continuidade delituosa, na idea de que varias verteduras procedentes da mesma industria, a pesar da pluralidade, integran o mesmo delito que se refire en plural a emisións ou verteduras.
Puidera existir un delito de prevaricación ambiental en relación á Xunta de Galicia?
Trátase dunha forma especial de delito de prevaricación das Autoridades e funcionarios das Administracións Públicas con competencias ambientais. A acción típica vén integrada, non só por condutas activas (informar favorablemente ou votar a favor), senón tamén omisivas (silenciar infraccións normativas de carácter xeral con ocasión das súas inspeccións ou omitir a realización de inspeccións de carácter obrigatorio).
Isto é:
- Silenciar a infracción de Leis ou disposicións normativas de carácter xeral con motivo de inspeccións.
- Omitir a realización de inspeccións de carácter obrigatorio.