A vida da casa reitoral da parroquia de Graba (Silleda) trasncurriu paralela á do mosteiro de Aciveiro e dos monxes Bernardos, aos que pertencía como casa de penitencia destes.
No ano 1697 acredítase a existencia desta casa, nun pleito da Real Audiencia relativo á recollida da neve das neveiras dos montes de Forcarei, por parte dos veciños tanto da parroquia de Graba como de Cortegada.
A reitoría de Grava aparece mencionada como lugar de refuxio das persoas perseguidas polos franceses no ano 1809. Así neste ano e para fuxir dos invasores os monxes Bernardos de Aciveiro colleron a patroa do mosteiro, Sta. María, e refuxiáronse na casa de penitencia que tiñan en Sta. María de Grava. Moitas das casas de Aciveiro foran saqueadas e queimadas ao igual que o mosteiro.
A casa reitoral de Graba está ubicada nunha parcela de 12.173 metros cadrados e rodeada e prados, pradeiras e monte. Conserva un cabazo e varias dependencias. O máis chamativo é o escudo que aínda se conserva con data de 1547.
Outro elemento chamativo tamén é o nome da parcela “Vila Dos Vidas”. O seu estado de conservación é malo co teito parcialmente derrubado e varios anexos en estado ruinoso.
No seu escudo aparecen dúas árbores, a árbore da sabiduría, da vida sabia e a árbore da vida. Pode que de aí lle veña o nome de Vila Dos Vidas.