Galería

«A explotación (a das minas de San Fins, en Lousame) non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume», unha das afirmacións máis célebres e incribles do departamento que dirixe o Conselleiro Francisco Conde e o seu director Ángel Bernardo Tahoces. Dimisión xa!

«A explotación (a das minas de San Fins, en Lousame) non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume» ou velaquí estoutra afirmación, tamén memorable: «Non coñezo na provincia da Coruña unha medida tan drástica e profunda para a restauración como é o reprocesado e eliminación da escombreira».

Estas palabras resumen a filosofía da Dirección xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, no tocante á restauración dos espazos mineiros degradados. En concreto, esta é a resposta dun empregado público, enxeñeiro de minas do departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de enerxía e minas da Xunta de Galicia e do que se coñecía recentemente a súa imputación por parte do xulgado de Noia, en relación á autorización da posta en marcha das minas de San Fins, en Lousame, sen terse aprobado a preceptiva avaliación ambiental do proxecto.

Na contestación a unha solicitude de medidas ambientais efectuada pola asociación ambiental Petón do Lobo, funcionarios do departamento que dirixe Tahoces, referíanse ao excesivo da solicitude nos seguintes termos:

«Ao respecto do seguimento sobre o control dos vertidos na escombreira, só podemos indicar que estes non poden existir. Os proxectos aprobados non contemplan escombreira. Non contemplan a produción de escombros. Non contemplan a produción de residuos mineiros. En todo caso contemplan exclusivamente o reaproveitamento e eliminación da antiga escombreira».

Xa non é só que non existiran residuos, que é o propio de toda a actividade mineira despois de extraer o codiciado mineral, senón que no caso das minas de San Fins, os residuos incluso os eliminaban, desaparecían, como cousa de maxia. Claro que había que fiarse das palabras desta xente, todos eles empregados públicos da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, porque por ningures explicaban os impactos que a actividade mineira ía ter na área afectada (un val fluvial). Puidera ser que a normativa daquela época non esixía documento ambiental?

Continuaba o funcionario dicindo: «Carezo de datos sobre o seu deseño (balsa de decantación), pero non amosa signos de debilidade. Ao respecto da pendente dos noiros dos depósitos, afondar novamente no proceso de eliminación avanzado no que están».

«O denunciante indica ausencia de controis e falla de bombeos regulares, augas ácedas e contido en metais, observacións todas elas que lle corresponden a Augas de Galicia. No marco da normativa ambiental e de seguranza mineira, estanse a realizar os controis establecidos pola normativa de aplicación, a través fundamentalmente do Plan de Labores anual».

A política de «balóns fóra» e «o que non consta escrito non existe» predomina neste singular departamento da Xunta de Galicia.

«O denunciante solicita que para cumprir a obriga de restaurar o espazo natural se levanten diques de contención, se instalen mallas illantes no terreo, bombeos, monitoreo das balsas e o cumprimento do Plan de Restuaración. Non coñezo na provincia da Coruña ningún Plan de Resturación que contemple unha medida tan drástica e profunda para a restauración como é o reprocesado e eliminación da escombreira de explotación». Supoñemos que cando escribía isto o funcionario non se lembraba das balsas de lodos do Monte Neme, en Carballo, deixadas á man do destino.

«Temos que ter en conta tamén que o proxecto aprobado non contempla a produción de residuos mineiros. E que a planta de tratamento está deseñada en circuito pechado».

«Non entendo a función pretendida polo denunciante para os diques de contención, as mallas illantes do terreo, os bombeos. (…) Como xa se indicou a explotación non produce residuos mineiros, máis ao contrario, débese indicar que conceptualmente os consume».

Con palabras e afirmacións como estas, que negan a realidade física máis obvia, como vai a existir a restauración mineira en Galicia? Como se vai a cumprir en Galicia a normativa mineira se quen ten a obriga de facela cumprir obvia e ignora dolosamente a realidade?

Dimisión por favor. Pedimos a dimisión tanto de quen elabora, aproba e supervisa as políticas mineiras, é dicir, a dimisión do Conselleiro Francisco Conde, como de quen ten a obriga de executalas e facer que se cumpra a normativa, isto é o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. Dimisión xa para ambos os dous!

DIQUE DE CONTENCIÓN BALSAS LODOS MINERAS EN ESTADO DE DETERIORO EVIDENTE
Dique de contención dunha das balsas mineiras de San Fins, en Lousame

 

 

 

 

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s