Galería

O peche da central de carbón das Pontes será un enorme avance na loita perante a emerxencia climática

  • Se se confirma o peche das centrais de Meirama e As Pontes Galicia terá dado un primeiro paso decisivo e moi eficaz na redución de emisións causantes do cambio climático
  • Endesa debe anunciar canto antes a data de peche e responsabilizarse na xeración de alternativas de emprego sustentábel para a comarca
  • É unha irresponsabilidade que non exista aínda unha negociación entre Endesa, o Goberno do Estado, a Xunta de Galicia e os axentes sociais para acordar un calendario de peche rápido e unha transición xusta para os traballadores e traballadoras

A plataforma “Galiza, Un futuro sen carbón” celebra o anuncio do posíbel peche da central de carbón de Endesa nas Pontes, unha das 20 maiores fábricas europeas de cambio climático. O cesamento da produción eléctrica con carbón nesta central provocará unha caída drástica das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro (GEI). Endesa debe confirmar canto antes o calendario de peche definitivo, desestimar a reconversión da central de carbón nunha macroincineradora igualmente insustentábel e implicarse na xeración de alternativas de emprego sustentábel nas comarcas afectadas pola clausura da central.

O 27 de setembro foi un día histórico para a defensa do clima desde Galicia. Polas multitudinarias manifestacións con motivo da Folga Mundial polo Clima e pola decisión inesperada de Endesa de pechar axiña a central de carbón das Pontes. 2019 será seguramente o ano con menores emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros GEI en Galicia, polo menos desde 1990. O peche das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, responsables do 35% das nosas emisións (1), é a medida máis eficaz nestes intres para recortar as emisións de GEI de Galicia, moi elevadas en termos per cápita (2). Sobre todo na medida en que a súa electricidade sexa substituída polo aforro enerxético e as renovábeis e non polo gas natural.

Un peche abrupto propiciado pola irresponsabilidade de Endesa e as institucións

O negacionismo da necesidade de pechar canto antes as centrais de carbón e a ilusión na posibilidade de alongar até ben entrado este século a vida da central das Pontes, compartidos por Endesa, institucións, partidos políticos e sindicatos (3), saldouse con máis crise climática e cunha decisión súbita de peche que complica a transición xusta. Os que, desde hai 20 anos e até onte mesmo, malia as alertas climáticas, fixeron todo o posíbel para manter indefinidamente a actividade das centrais de carbón, e non quixeron nin souberon prepararse para o escenario actual, deberían facer hoxe todo o posíbel para minimizar e compensar o que de negativo teña o peche repentino da central de carbón. E comezar a tomar en serio dunha vez a loita contra a crise climática.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, culpa ao Goberno central do peche da térmica de carbón das Pontes, pero o certo é que España é o único estado de Europa occidental sen calendario oficial de peche das centrais de carbón (4). O Plan de Enerxía e Clima do Goberno de España só é superado en falta de ambición climática pola Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 da Xunta de Galicia. Como a propia ENDESA recoñece, no peche da central das Pontes resultou decisivo o aumento do prezo da tonelada de CO2 no mercado europeo de emisións. A cuxa creación en 2005 se opuxeron no seu día a Xunta e todos os partidos políticos daquela altura, precisamente polo seu temor a que prexudicase a actividade das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, que tanto teñen defendido irresponsabelmente (5).

Desde a súa mesma creación, a finais de 2018, a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” ten proposto unha negociación entre Endesa, institucións e axentes sociais para acordar un calendario de peche rápido e planificado, acompañado con medidas de transición xusta para os traballadores e traballadoras (incluídos os camioneiros) e de xeración de alternativas económicas ecoloxicamente sustentábeis nas comarcas afectadas. O marco para o facer sería un Convenio de Transición Xusta, figura prevista xa no Marco Estratéxico de Enerxía e Clima do Goberno estatal.

A alternativa non é a queima de biomasa forestal e refugallos orgánicos

Desde a plataforma opómonos á reconversión da central de carbón nunha macroincineradora de residuos orgánicos e/ou de biomasa forestal. Non sería en absoluto unha alternativa sustentábel, pois xeraría máis crise climática e contaminación atmosférica e favorecería aínda máis a eucaliptización e a perda de biodiversidade. Despois de nos querer vender unha “central eficiente e de baixas emisións”, agora queren facernos crer que a combustión a grande escala de refugallos orgánicos, se cadra en parte importados (como o carbón desde a década de 1990) sería un exemplo magnífico de economía circular, o máis recente eslogan sustentabilista. Economía circular de verdade é reciclar os refugallos orgánicos restituíndo os nutrientes aos solos.

Por outro lado, cómpre lembrar que, a carón da central de carbón das Pontes, opera desde hai mais de 10 anos unha central de ciclo combinado a gas natural, tamén propiedade de Endesa. Menos contaminante e presentada no seu día como “a alternativa” á central de carbón das Pontes, a súa produción nos últimos meses ten medrado paralelamente á caída da produción con carbón. No horizonte de 2030, ou antes se for posíbel, está central tamén debería desconectarse, no marco da descarbonización total do sector eléctrico cara a un sistema 100% renovábel.

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s