No día de hoxe a problemática das minas de San Fins, no municipio coruñés de Lousame, estivo presente na orde do día da Comisión de Peticións do Parlamento europeo en Bruselas.
Sobre as 11:30 horas debatíase de novo a petición 59/2017, relativa á falla de información, á falla de seguridade e a contaminación das presas mineiras de San Fins. A petición presentada no seu día pola asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, xa fora defendida o 11 de xullo de 2018 no seo desta Comisión, por Xosé Manuel Romarís Cercós, quen conseguira que a petición ficara aberta á espera de novos informes.
Nesta ocasión a defensa da petición foi asumida por Joám Evans Pin, quen compartiu cos presentes datos técnicos emitidos por persoal experto, sobre da contaminación dos cauces fluviais de San Fins e a falla de restauración das antigas labores mineiras.
O poñente manifestou a falla de dilixencia do departamento de minas da Xunta de Galicia, que aínda a tarde anterior remitira os informes solicitados no seu día pola Comisión europea tras o primeiro debate da petición no ano 2018, impedindo con esta actuación extemporánea que os mesmos foran examinados co debido detalle polas persoas afectadas e eurodeputadas interesadas, e co posible prexuizo derivado da indefensión provocada pola falla de información.
Joám Evans tamén chama a atención sobre as conclusións do informe tardío aportado polo departamento de minas da Xunta de Galicia, que dirixe Bernardo Tahoces. O informe sorpresivamente alude a que as presas mineiras abandonadas foron construidas con fins eléctricos e non mineiros, con unha clara intención de obviar o control da Comisión de peticións e «burlar» a transparencia, a falla de información veraz, a seguridade xurídica, o principio de igualdade e contradicción das partes nos procedementos administrativos, e en definitiva ao noso xuizo, «terxiversar con mentiras» un sistema democrático baseado no principio de legalidade e de responsabilidade dos poderes públicos. O que sería un gran motivo para pedir xa desde aquí a dimisión do responsable de minas da Xunta de Galicia.
No Inventario de Balsas mineiras encargado pola Xunta de Galicia no ano 1999 xa figuraban as balsas mineiras de San Fins. Tampouco se fixo unha avaliación medioambiental e a cidadanía nunca tivo a oportunidade de participar no procedemento de reapertura desta mina no ano 2010. Todo isto engadido á contaminación existente, á falla de restauración das actividades mineiras anteriores e á falla de supervisión das empresas mineiras responsables que non se deixa ao azar. Semella existir unha intencionalidade clara e manifesta de incumprir a normativa europea, española e galega por parte do departamento de minas da Xunta de Galicia, en favor das empresas mineiras.
No debate participaron as eurodeputadas María Soraya Rodríguez Ramos, Tatjana Zdanoka, Yana Toom, Cristina Maestres Martín de Almagro e Margrete Auken, que reprocharon á Xunta o seu desleixo en relación ás minas de San Fins. Incluso pediron a formación dunha comisión de investigación para que supervisara in situ a falla de restauración mineira e a contaminación.
Destacou a posición do ex ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, partidario de arquivar a petición.
A petición queda aberta á espera do informe da Comisión europea. Cómpre destacar o importante traballo que realizou a eurodeputada Ana Miranda e o BNG no Parlamento europeo a través do grupo Verdes-ALE para que a petición puidera ser tratada no día de hoxe.