O 21 de outubro de 2019 coñeciamos a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de suspender a executividade do acordo do Consello da Xunta de 27/06/2019, que aprobaba a modificación do proxecto do parque eólico de Oribio, en tanto no se actualizara a Declaración de impacto ambiental (DIA) aprobada no ano 2005 e se xustificara a prevalencia do uso industrial que afecta a valores ambientais, paisaxísticos, forestais e culturais.
Desde a DIA de 2005, evidentemente, cambiaron as circunstancias tecnolóxicas, enerxéticas e ambientais e aprobouse o Plan Director dá Rede Natura 2000 en Galicia que, entre outras medidas, prohibe a instalación de novos parques eólicos nos espazos da REDE (art. 23 D.37/2014); a Serra do Oribio está catalogada como ZEC Ancares-Courel, Rede Natura 2000, así como ZEPVN, con destacada riqueza en valores etnográficos e culturais, sendo unha área importante para a conservación de especies ameazadas incluídas no catálogo galego de especies vulnerables, como a Circus Pygargus e a Circus Cyaneus, cun plan de conservación pendente de aprobación, e, recentemente con presenza de oso pardo e aguia real polo que un parque eólico puidese ser incompatible coa conservación de tal riqueza natural e cultural, así como cun desenvolvemento sustentable, de chan rústico de protección de espazos naturais, forestais e patrimoniais dentro da área do BIC Camiño de Santiago, Camiño Francés (D. 227/2011) nos T.m. de Triacastela e Samos; polo que a DIA de 2005, tras 14 anos, pode resultar obsoleta, maiormente para unha modificación do proxecto, con altura de postes de 152 m2, e incrementándose nun 20% as pas, cun importante impacto que, non elimina, nin corrixe, o que se contemple no proxecto o pintado dos aeroxeradores con motivos xacobeos, ademais, o proxecto designa o Camiño Real, histórico, de comunicación da Meseta, como a vía principal de servizos do Parque Eólico, poñendo en perigo as Vendas de Retorno, de Brañas, ou Portádego do Iribio, mámoas, e demais elementos que se atopan na vía ou nas súas inmediacións e pode ser do todo punto incompatible coa exposición pública pola Xunta para declaración de reserva da Biosfera de Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e, “ Fergo Galicia Vento S.L.”. non executou o proxecto aprobado en 2009, e pretende realizar o modificado en 2019.
O alto Tribunal galego considerado o fumus boni iuris (aparencia de bo dereito) e periculum in mora, así como ponderando os intereses en conflito, acordaba así preventivamente, a suspensión interesada sen facerse especial imposición das costas procesuais, non pedidas pola incidentante.
Queda por ver como acabará este conflito ambiental ao que lle espera un longo camiño nos Tribunais, tendo en conta que o Presidente da Xunta xa indicou que ían recorrer a decisión xudicial.
Mentras tanto o Iribio queda con feridas abertas. As feridas das obras xa iniciadas por unha empresa que non esperou á firmeza do acordo da Xunta de Galicia para iniciar as mesmas, pero que case seguro loitará nos Tribunais para recuperar o diñeiro xa invertido e o lucro cesante. Isto pasa en boa medida por non existir un paquete de medidas lexislativas ante a situación de emerxencia climática que estamos a vivir, que estableza a prevalencia dos valores ambientais ante calquer actuación ou política que os poida poñer en perigo.
