O día 04/10/2019 a Subdirección xeral de Coordinación Ambiental da Xunta de Galicia remitía escrito á asociación ambiental e cultural Petón do Lobo no que indicaba, en relación ao parque eólico do Iribio:
“2. En canto ao punto 2, pódese sinalar que o 12/08/2005 a entón Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico Oribio, pronunciamento do órgano ambiental co que finaliza a tramitación ambiental do proxecto e no que se determinan as condicións que compre impoñerlle para a adecuada protección do medio ambiente. A dita DIA foi publicada polo órgano substantivo no DOG, nº 220 do 16/11/2005.
A información ambiental de dito proxecto se facilita con esta comunicación.
- No que atinxe ao punto 3, o Instituto de Estudos do Territorio non ten constancia de ningún expediente aberto, nin tampouco na Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe (anterior órgano competente en materia de paisaxe), sobre o citado parque eólico, nin tampouco de ningún informe específico en materia de paisaxe sobre este asunto.
4.En relación ao punto 5, o órgano ambiental, no que respecta á avaliación do impacto ambiental de proxectos, non emite ningunha autorización ambiental baseada nunha revisión e actualización dun documento ambiental, senón no caso que nos ocupa unha declaración de impacto ambiental cuxo documento base é o estudo de impacto ambiental”.
Polo tanto, o propio órgano ambiental recoñece por unha banda que desde que se aprobou da Declaración de impacto ambiental do proxecto eólico do Iribio, no ano 2005, non se realizou ningunha revisión nin actualización do documento ambiental ata o presente, e por outra banda recoñece que a base da DIA é o propio estudo de impacto ambiental elaborado pola empresa promotora.
Ademais tal e como indica o anterior parágrafo 3 non existe constancia de ningún expediente aberto nin informe específico en materia de paisaxe sobre o citado parque eólico.
O Convenio europeo da Paisaxe, fraguado a partir de mediados dos anos 90, elaborouse no seo do Consello de Europa e concluíuse no ano 2000 na cidade de Florencia. O propósito xeral do Convenio é animar ás autoridades públicas a adoptar políticas e medidas a escala local, rexional, nacional e internacional para protexer, planificar e xestionar as paisaxes europeas con vistas a conservar e mellorar a súa calidade e levar ao público, ás institucións e ás autoridades locais e rexionais a recoñecer o valor e a importancia da paisaxe e a tomar parte nas decisións públicas relativas ao mesmo. O Convenio recoñece todas as formas das paisaxes europeas, naturais, rurais, urbanas e periurbanas, e tanto as emblemáticas como as ordinarias. Corresponde aos compoñentes naturais, culturais e humanizados e ás súas interconexións. O Convenio considera que os valores naturais e culturais ligados á diversidade e calidade das paisaxes europeas supoñen un deber para os países europeos de traballar colectivamente na súa protección, planificación e xestión. O Convenio Europeo da Paisaxe compromete a tomar medidas xerais de recoñecemento das paisaxes; de definición e caracterización; de aplicación de políticas para a súa protección e xestión; de participación pública e de integración das paisaxes nas políticas de ordenación do territorio, así como nas políticas económicas, sociais, culturais e ambientais. Tamén sobre a sensibilización cidadá, a educación e a formación de expertos. O Convenio Europeo da Paisaxe entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, o primeiro día despois de expirar un período de tres meses tras a data na que dez Estados membros do Consello de Europa expresasen o seu consentimento de vincularse a el. España ratificou o citado Convenio o 26 de novembro de 2007 (BOE de 5/02/2008). Está en vigor no noso país desde o 1º de marzo de 2008.
Segundo o Dicionario da Real Academia, a paisaxe é a «extensión de terreo que se ve desde un sitio». Trátase dun recurso natural equiparable ás augas, a fauna e flora, ao aire ou o chan, e por iso cabe entendelo comprendido no ánimo e no texto do artigo 45 da Constitución española, segundo o cal: «1. Todos teñen dereito a gozar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo. 2. Os poderes públicos velarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente, apoiándose na indispensable solidariedade colectiva.»

En Galicia a Lei 7/2008, do 7 de xullo, regula a protección da paisaxe de Galicia. O seu artigo 11 referido a “Estudos de impacto e integración paisaxística” establece:
“1. En todos os proxectos que deban someterse ao procedemento de Declaración de impacto ambiental, segundo establécese na lexislación sectorial vixente, as entidades promotoras haberán de incorporar no estudo de impacto ambiental un estudo de impacto e integración paisaxística, documento específico no que se avaliarán os efectos e impactos que o proxecto poida provocar na paisaxe e as medidas de integración paisaxística propostas polas devanditas entidades. 2. Os estudos de impacto e integración paisaxística deberán conter: a) Unha diagnose do estado actual da paisaxe: principais compoñentes, valores paisaxísticos, visibilidade e fraxilidade da paisaxe. b) As características principais do proxecto. c) O impacto previsto do proxecto sobre os elementos que configuran a paisaxe. d) A xustificación de como se incorporaron ao proxecto os obxectivos de calidade paisaxística e as determinacións das directrices de paisaxe establecidas para a unidade de paisaxe na que se pretende executar a actuación. O contido deste apartado será preceptivo unha vez sexan aprobadas as directrices de paisaxe. e) Os criterios e medidas a adoptar para alcanzar a integración paisaxística do proxecto. 3. Corresponde á consellería competente en materia de medio ambiente emitir o informe de impacto e integración paisaxística dentro dos procedementos de declaración e avaliación do impacto ambiental, informe que resultará integrado na correspondente declaración de impacto ambiental. 4. O Consello da Xunta de Galicia determinará, vía regulamentaria, nas zonas xeográficas identificadas como «Áreas de especial interese paisaxístico», os supostos nos que se poderá esixir ás entidades promotoras, non sometidas aos procedementos de declaración e avaliación de impacto ambiental, incorporar ao proxecto un estudo de impacto e integración paisaxística, ao obxecto de considerar as repercusións que poidan ter sobre a paisaxe a execución das actuacións, obras ou actividades que se pretendan desenvolver, así como expoñer os criterios para a súa integración. Para ese efecto, na determinación destes supostos teranse en conta parámetros tales como a existencia de espazos naturais protexidos, a distancia á liña de costa, o volume de edificación, a superficie afectada polo proxecto, as afeccións aos recursos naturais e a presenza de elementos valiosos do patrimonio natural e cultural”.
Non se entende como un proxecto como o do parque eólico do Iribio, que sufriu modificacións ao longo dos anos, desde o ano 2005 e ata o ano 2019, non foi obxecto de actualización no tocante ao estudo de impacto ambiental nin no tocante ao estudo de impacto paisaxístico. Máis se cabe tendo en conta que na derradeira modificación do proxecto a altura máxima alcanzada polos aeroxeradores será de 152 m. Se ben o número de aeroxeneradores pasou de 12 a 8, non obstante, o seu tamaño aumenta considerablemente con 15 metros máis de altura. A área de varrido das súas pas aumentou un 64% a pesar de ter catro torres menos, o que supón un incremento importante da probabilidade de que as aves choquen. Nesta serra galega situada entre os Concellos lucenses de Samos e Triacastela habita o aguia real, o aguia culebrera, o bufo real, o aguilucho cenizo e pálido, o milano negro e o falcón peregrino. É unha zona de campeo do oso pardo, que do mesmo xeito que o aguia real está en perigo de extinción, e a Fundación Ouso Pardo, integrada na plataforma que abriu a batalla xudicial, teme que o parque eólico dane os traballos de recuperación destes plantígrados que se desenvolven desde hai anos en toda a cornixa cantábrica.
A resolución do Goberno galego que considera “non substancial” os cambios que sufriu o parque eólico desde que a Xunta de Fraga deulle o visto e prace atropelladamente en 2005 é clave para que se poida executar, xa que exime á promotora, Fergo Galicia Vento, de ter que someter o seu proxecto a outra avaliación ambiental. Se tivese que repetir ese trámite, a empresa nunca o superaría coa lexislación actual, xa que en Galicia está prohibido levantar aeroxeradores en Rede Natura.
As obras, que arrincaron en maio sen autorización e foron paradas pola Administración durante un tempo, xa provocaron “graves impactos”. A serra do Iribio pertence á Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Ancares-Courel e está incluída no Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño de Santiago. Os traballos afectaron ademais ao camiño real que antigamente unía Galicia coa Meseta, así como a mámoa do Fial, xa prácticamente desaparecida.
Con data 25 de agosto de 2016 publícase no DOG nº 160 o Decreto 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia. Entrada en vigor: 26/08/2016. O Catálogo das paisaxes de Galicia apróbase de conformidade coa Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia.
Áreas de especial interese paisaxístico.
A serra do Oribio ou Iribio está incluida no Catálogo das Paisaxes de Galicia, dentro das grandes áreas paisaxísticas das Serras Orientais, Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP _01_17) O Courel.
O Catálogo das paisaxes de Galicia identifica determinadas zonas xeográficas como áreas de especial interese paisaxístico, en atención aos valores naturais e culturais alí presentes. Ademais destas áreas, terán a consideración de áreas de especial interese paisaxístico, a efectos dos artigos 9.3 e 12.3 da Lei 7/2008, as seguintes:
- Os espazos de interese paisaxístico delimitados polo Plan de ordenación do litoral de Galicia, aprobado polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro. Os ámbitos que, no seu caso, os plans xerais de ordenación municipal cuxa entrada en vigor se produzan con posterioridade á do Catálogo das paisaxes clasifiquen como chan rústico de especial protección paisaxística, de conformidade co previsto no artigo 34.3 da Lei 2/2016 do chan de Galicia, previo informe favorable do organismo competente en materia de paisaxe.
- As paisaxes protexidas declaradas de conformidade co establecido na Lei 9/2001 de conservación da natureza, e o artigo 35 da Lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade.
- Os ámbitos que, no seu caso, delimiten os instrumentos de ordenación do territorio, de conformidade co previsto na Lei 10/1995 de ordenación do territorio de Galicia. No caso de que algún dos ámbitos aos que se refiren os apartados 2), 3) e 4) coincida con algunha das áreas de especial interese paisaxístico delimitadas polo Catálogo das paisaxes de Galicia, o plan urbanístico ou instrumento de ordenación do territorio, ou o estudo que realice o órgano competente en materia de espazos naturais, revisará a delimitación, coa maior concreción e detalle propios de tales documentos.
- A delimitación que finalmente establezan substituirá á recollida no Catálogo das paisaxes de Galicia, sen necesidade de tramitar un expediente de modificación do mesmo. Nestes casos, na tramitación do plan xeral de ordenación municipal ou do instrumento de ordenación do territorio, deberá obterse o informe favorable do órgano autonómico competente en materia de paisaxe.
