Por terceira vez nos últimos dous anos, a problemática sobre a controvertida mina de Touro será trasladada ás institucións europeas. Nesta ocasión, tres representantes de distintos colectivos da rede Contraminacción, entre os que se atopa a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, e as asociacións de Petón de Lobo e Cova Crea, terán ocasión de defender ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo as súas reclamacións sobre a afectación do proxecto de extracción de cobre a ceo aberto que actualmente tramita a empresa Cobre San Rafael, así como a falta de transparencia por parte da Xunta de Galicia no procedemento. Así mesmo, tamén se cuestiona a restauración do territorio afectado pola antiga explotación, pechada fai máis de trinta anos, en particular o dano causado á calidade das augas tras o seu paso pola mina. En directa relación coas políticas europeas, atópase a afectación a explotacións agrarias beneficiarias da Política Agraria Común (PAC), dado que a actividade mineira podería afectar aos acuíferos e as balsas poderían ser perigosas para explotacións leiteiras lindeiras.
Para a admisión a trámite das tres peticións, a comisión do Parlamento Europeo tivo en conta, entre outras cuestións, que a Directiva sobre residuos da minería (Directiva 2006/21/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2006, sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas e pola que se modifica a Directiva 2004/35/CE – Declaración do Parlamento Europeo, do Consello e da Comisión (DO L 102 de 11.4.2006, pp. 15-34)) establece a obriga de que as autoridades competentes garantan que os residuos de extracción se xestionen dun xeito que non supoña perigo para a saúde das persoas e sen utilizar procesos ou métodos que poidan danar o medio ambiente e, en particular, supoñer riscos para a auga, o aire, o chan, a fauna ou a flora, sen causar molestias debidas ao ruído ou os malos cheiros e sen afectar negativamente a paisaxe nin a lugares que presenten un interese especial. Doutra banda, tamén fai referencia a Comisión de Peticións áDirectiva marco sobre a auga (Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas (DO L 327 de 22.12.2000, pp. 1-73)), que esixe que as autoridades competentes, no contexto do plan hidrolóxico de conca pertinente, determinen as repercusións da actividade humana no estado das augas superficiais e das augas subterráneas, e adopten as medidas necesarias para acadar os obxectivos ambientais para todas as masas de auga.
A situación actual da mina de Touro, con constantes episodios de contaminación de augas e de ausencia de restauración ambiental do espazo degradado pola actividade dos anos 80, evidencia unha clara vulneración das directivas europeas mencionadas, así como da Directiva 2004/35/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, sobre responsabilidade ambiental en relación coa prevención e reparación de danos ambientais.
Se nin en máis de dous anos de tramitación do novo proxecto extractivo, nin en máis de trinta desde o cesamento na actividade mineira, as autoridades galegas e españolas non souberon ou non quixeron poñerlle remedio a unha situación xa insustentable de grave dano ao medio ambiente, terá que ser a Unión Europea quen tome cartas no asunto. Por este motivo, as persoas encargadas de defender mañá as peticións, insistirán en que estas permanezan abertas e que, dado que estamos ante un caso sistémico, igual que o das minas de San Finx en Lousame ou moitas outras ao longo da nosa xeografía, e que o Parlamento Europeo envíe unha «Fact Finding Visit» ou visita de investigación a Galicia, para poder inspeccionar in situ a situación de deixamento na que a nosa Administración tennos sumidos.
No caso da Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, a petición fora presentada en 2018 co apoio da eurodeputada Lida Senra. Ao non conseguir esta manter o seu escano tras as eleccións ao Parlamento Europeo da pasada primavera, foi outra eurodeputada galega, Ana Miranda, quen tomou o relevo para manter a mina de Touro no punto de mira da Eurocámara.
A intervención dos peticionarios, que representarán ás asociacións Petón do Lobo (Petición n.º 0174/2018), Cova Crea (Petición n.º 1194/2017) e Mina Touro – O Pino NON (Petición n.º 0386/2018), está programada para as 14:30 horas do martes 12 de novembro. Pode seguirse en directo a través da seguinte ligazón:
https://www.europarl.europa.eu/ep-live/es/committees/video?event=20191111-1500-COMMITTEE-PETI
As tres peticións permanecen abertas a adhesións.