- A Dirección Xeral de Minas pretende así evitar que sexa a concesionaria mineira, do Grupo Sacyr, quen se faga cargo da remoción dos residuos e restauración da zona
- A rotura da presa, a 5 km da ría de Noia, podería producir un importante impacto ambiental, segundo informou Augas de Galicia
29 de xullo de 2020.- A rede ContraMINAcción considera “esperpéntico e demostrativo da corrupción rampante” que a Xunta, nun xiro inesperado, afirme agora que as presas de residuos mineiros das minas de San Finx (en Lousame), a maior das cales pecha un val fluvial cun dique de contención de lodos de 50 metros de cumprimento e 14 metros de altura, fosen para mover un pequeño muíño negral de 10 m2 no que moían millo a veciñanza.
Así o afirma nun informe a enxeñeira técnica de minas Olga Barreiro Sevillano, funcionaria do departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, chamado a declarar ante o xuíz precisamente por deixar estas presas mineiras fóra do proxecto de restauración que aprobou en 2009 sen trámite ambiental algún. Sen embargo, as presas figuran como instalacións de residuos mineiros tanto nos plans anuais de labores presentados pola mina ata o ano 2000 como no “Inventario de Balsas e Escombreiras da Comunidade Autónoma de Galicia”, encomendado pola Xunta en 1999 trás o desastre de Aznalcóllar.
O informe no que se vincula a presa de residuos e o muíño foi encargado por “orde verbal” do Xefe Territorial da Consellería de Industria na Coruña, Isidoro Martínez Roca, co propósito de remitilo a Augas de Galicia, que xa determinara o ano pasado que se trataba de presas de residuos mineiros e pretendía obrigar á empresa ao seu desmantelamento e restauración da zona.
Segundo os colectivos integrantes de ContraMINAcción, trátase dunha tentativa desesperada de evitar tanto a responsabilidade da concesionaria mineira, unha filial de Valoriza Minería (Grupo Sacyr), como dos propios funcionarios e autoridades agora chamados a declarar por presunta falsedade en documento público, ao mentir posiblemente sobre as presas mineiras.
Aínda que é sobradamente coñecido que o maior dos depósitos mineiros fora construído pola mina en 1939 e que protagonizou o chamado “Desastre de 1960” trás a rotura das súas comportas (como recolle o documental “San Finx 1960”), a Dirección Xeral de Enerxía e Minas pretende que a demolición das presas e restauración da zona se pague con diñeiro público, e non a cargo da concesionaria mineira, que é legalmente responsábel polas presas.
Nun informe de 2017, Augas de Galicia afirmaba que no caso dunha eventual rotura da presa de maiores dimensións “o arrastre dos materiais podería producir un importante impacto ambiental” mentres que nunha visita de inspección realizada en 2019 polo hidrólogo especialista en presas mineiras Steven H. Emerman concluiuse que a mesma presa presentaba signos evidentes de licuefacción interna o que levaría más cedo ou máis tarde á súa falla crítica.