– O ex-profesor da USC elaborou informes tentando desresponsabilizar a concesionaria da mina de San Finx dos vertidos con metais pesados.
– Augas de Galicia concluíu que o estudo de Macías “carece de suficiente fundamento e xustificación”
– Contraminacción esíxelle aos colexios profesionais que se retracten do seu apoio e á USC que lle retire a condición de emérito.
11 de agosto de 2020.- Augas de Galicia vén de desbotar nun informe recente as conclusións do estudo elaborado por un equipo do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da USC liderado por Felipe Macías. En dito estudo, feito a petición da concesionaria da mina de San Finx, Valoriza Minería, o equipo de Macías conxecturaba a existencia de elevadas concentracións naturais de cadmio no entorno da mina de Lousame (A Coruña). Segundo Macías, este fondo natural sería o responsable das altas concentracións presentes no río en vez das verteduras ilegais procedentes da mina.
Ante a dúbidas suscitadas polas conxecturas de Macías e as propias alegacións presentadas por colectivos da rede ContraMINAcción apoiándose nun informe do experto de prestixio intenacional Steven H. Emmerman, Augas de Galicia someteu o estudo de Macías a unha revisión por parte dun equipo da Universidade da Coruña liderado polo Catedrático da Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, Javier Samper. A UdC, a través dun detallado informe de 238 páxinas, considerou que as explicacións de Macías “carece de suficiente fundamento e xustificación”; advertindo de numerosas fallas, tanto metodolóxicas como aritméticas. As conclusións foron confirmadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Augas de Galicia ten constancia das verteduras mineiras ao río San Fins, a 7 km dos bancos marisqueiros da Ría de Noia e Muros, e que proceden da mina, con rexistros constantes de altas concentracións de cadmio mesmo a 4,4 km da mina. A pesar disto e dos procesos xudiciais en curso relacionados coas minas de San Fins, nunca se sancionou ao concesionario mineiro polas verteduras, manténdose artificialmente aberto desde hai 5 anos un expediente de autorización de verteduras inzado de irregularidades.

Piden á USC que se desvincule de Macías
Non é a primeira vez que o ex-profesor da Universidade de Santiago de Compostela informa ou lidera a redación de controvertidos informes en procesos relacionados cos impactos ambientais de determinadas actividades, habitualmente a petición das empresas responsábeis deses impactos. Noutros traballos, Felipe Macías xa tentara favorecer proxectos mineiros como o de Touro, onde chegara a propor a creación dun parque temático sobre organismos extremófilos para o estudo da vida extraterrestre como excusa para eximir a concesionaria da restauración dos cauces contaminados.
A ‘credibilidade’ dos traballos de Macías valeulle o Premio Dioxina por parte de ADEGA en 2019, pola súa “defensa de proxectos tan delirantes e agresivos como a Mina de Touro”, en cuxo entramado empresarial participa directamente o ex-profesor a través dunha empresa de tecnosoles, ou os parques eólicos na Serra do Xistral, a piscifactoría de Touriñán, a balsa mineira das Pontes ou a eucaliptización do País.
Os conflitos de interese do ex-profesor á hora de informar determinados proxectos usando as siglas da Universidade de Santiago, así como a falta de rigor dos estudos e informes, confirmada no caso de San Fins por outro equipo da Universidade da Coruña e xa evidenciada anteriormente polo Dr. Steven H. Emmerman, fíxeron que desde ContraMINAcción se reitere a petición á USC para que lle retire o título de emérito logo de investigar unha situación que afecta gravemente a reputación de toda a Universidade.
ContraMINAcción esixe a rectificación dos Colexios profesionais
En xuño de 2019 catro Colexios profesionais (Xeólogos de España, de Químicos de Galicia, de Enxeñeiros de Minas do Noroeste e de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia) emitiron un comunicado de aplauso a Felipe Macías pola súa actuación en San Finx e Touro con duras críticas que pretendían desprestixiar publicamente o traballo do Dr. Steven H. Emerman na súa calidade de consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas.
Naquela altura, o comunicado indicaba que “se ha permitido poner en duda el trabajo y profesionalidad del catedrático” [Macías] e “despreciar y desprestigiar sin mayor argumento científico o técnico, ni currículo que avale su opinión”. Emerman cuestionara as conxecturas de Felipe Macías evidenciando extensos plaxios, absoluta falta de rigor metodolóxico e procedimental e manipulacións groseiras nun dos informes de Macías sobre San Finx, co fin manifesto de eximir a concesionaria mineira do cumprimento dos limites legais para contaminantes perigosos, alegando un ficticio fondo natural de metais.
Unha vez que tanto o prestixioso equipo da Universidade da Coruña como Augas de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica desbotaran as conxecturas do equipo de Macías, ContraMINAcción esíxelles aos catro colexios profesionais que, “por principios deontolóxicos e pola reputación dos propios colexios que poderían estar a ser usados para intereses espúreos”, retiren os seus comunicados anteriores e informen de forma fehaciente dos resultados da avaliación feita sobre o estudo liderado por Macías.”
Contraminacción lembra o vergoñento feito de que un membro da directiva do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste estea a ser investivago por presunta falsidade documental en relación ás Minas de San Finx; e que o xeólogo da mina de Touro e co-promotor do comunidado sexa o delegado en Galicia do Colexio de Xeólogos. ContraMINAcción esixe aos Colexios profesionais que na súa calidade de corporacións de dereito público inicien de inmediato un procedemento interno de deslinde de responsabilidades respecto aos posibles conflitos de intereses existente nos seus órganos de dirección.