A asociación considera arriscado nas presentes circunstancias sanitarias permitir a realización de actividades como «Noite de estrelas», que os días 12, 13 e 14 de agosto pretende levar a 300 persoas ao interior do valado do centro arqueolóxico.
Petón do Lobo apela á responsabilidade das autoridades provinciais ante o significativo empeoramento da situación na Área Sanitaria da Coruña e Cee, á que pertence Cabana de Bergantiños, pois segundo fontes do Servicio Galego de Saúde (SERGAS) dos 110 novos casos detectados en Galicia nas últimas horas 61 o foron na provincia coruñesa, con tan só catro altas, o que fai que o número de enfermos pase de 406 a 463. Ademáis, hai que reseñar o incremento na hospitalización e un novo falecemento, que deixa a cífra total de vítimas en Galicia en 622 persoas.
Cos datos na man, e dacordo á media móvil a sete días, o feito é que o coronavirus está crecendo diariamente de media máis dun 16% na área sanitaria, con valores que se achegan perigosamente ás etapas previas do confinamento. Hai que sinalar tamén que un dos brotes activos estase a producir no concello de Vimianzo, moi próximo a Cabana e tamén á propia parroquia de Borneiro, lugar onde se atopa o dolmen.
Por este motivo, e mentres a Xunta está a impoñer restricións cada vez máis severas chegando a contemplar cribados aleatorios PCR entre os menores de 40 anos e outras limitacións, con centros de día e residencias pechadas non se entende cómo se pode contemplar a realización dunha actividade con centros de persoas na área arqueolóxica do Dolmen de Dombate, razón pola que a entidade ven de solicitar á Deputación da Coruña a suspensión temporal de actividades en tanto non se normalice a situación sanitaria a nivel galego provocada pola COVID-19.
Doutra banda, Petón do Lobo desexa recordar que o control sobre as actuacións do poder político, ao igual que fan outras asociacións legalmente constituídas, é unha obriga por parte da cidadanía e que a crítica fundamentada, ao igual que a liberdade de expresión, é lexítima, razón pola que seguirá vixilante en materia de bo goberno, transparencia e acceso á información pública como leva a facer estes últimos anos.

2 comentarios sobre “Petón do Lobo recomenda á Deputación da Coruña a suspensión temporal de actividades no Dolmen de Dombate pola crise do coronavirus”