«Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa» é un poemario que resultou do proxecto de poesía participativa impulsado pola asociación ambiental e cultural Petón do Lobo a nivel Galicia, no primeiro semestre deste ano. A temática, centrada na posta en valor das paisaxes, pretende acumular e reflictir as experiencias, vivenzas e sensacións que as persoas creadoras participantes consideraron transmitir en máis dun cento de poesías que configuran o libro. A Paisaxe, como Ben Común e Dereito individual e colectivo, é a temática que aborda este poemario desde múltiples puntos de vista.
A Paisaxe é froito da percepción específica de cada ser humano. E doutra banda, tamén é un ben común, en tanto que todos os seres poden percibilo e por tanto, lelo, entendelo e asumilo de formas distintas. A Paisaxe é un ben común que non exclúe a ningúen.
A Paisaxe, tal e como demostra o poemario, é multifacética e polisémica. Pode haber moitas paisaxes e outras tantas percepcións e interpretacións feitas por calquer ser humano que o perciba. A pesar diso, non existe outro constructo intelectual con esas características e potencialidades capaces de combinar o obxectivo co subxectivo e o tanxible co intanxible.
Ademais diso, a paisaxe alberga outros valores que teñen efectos no ser humano que o percibe. Por exemplo, a paisaxe pódenos chegar a prover dun certo grao de benestar e coadxuva á obtención de mellores condicións de saúde. Estes efectos da paisaxe derívanse da interacción entre as características biofísicas deste e os procesos perceptivos das persoas espectadoras.
A Paisaxe ostenta a categoría de utilitas publica, esa utilidade pública que acubilla tanto valores estéticos como éticos, que dalgunha forma, atesouran o dereito á vida, xa que a defensa e protección da paisaxe significa a salvagarda do medio ambiente e da natureza, para as xeracións presentes e futuras, pero tamén, a protección duns marcos socioculturais determinados ancorados na historia.
«Desde a parroquia veciña de Langueirón, a nosa socia Tamara envíanos unha fermosa poesía con unha imaxe do vello muíño da Vitureira, á beira do río Anllóns.
Na volta do río
Tempos esquecidos.
Muíños fariñeiros desfeitos
entre os talos sarmentosos das hedras tersas que ruben polos troncos.
Nova vida desde a vida vella.
Medran hedras nas pedras dos meus lugares.
Toxos, fentos, xestas e silvas…
Cachotes de pedras amoreadas,
agora donceis das hedras que medran na beira do río…
Hedras que enraman e van dependurando aquí e acolá
anacos da memoria.
Correolas da carraxe que xera o esquecemento…
de muíños que xa non cantan.
E esmorecen, esquecidos, na volta do río.
Cando só canta o río
ese melancólico monólogo
que di o que cala en balde.
Hedras que agachan ruínas,
dos ollos das que buscan
nos escombros do pasado.
E o tempo pasa
reflectindo noites e arrastrando días…,
coma se nada.


«Desde Carballo, a nosa socia Paula María, envíanos esta fermosa poesía moi acorde coa seca que estamos a vivir arestora.
Por que non canta o río?
Auga, onde vas?
Auga do río, onde descansas?
(Pido permiso á Terra para que brote Auga.
Pido perdón por todo o mal que che fixemos…)
E todo xa é nada
porque o río decidiu morrer.
Porque as cinzas cubriron o leito.
E non dixo nada.
Porque matámolo.
Porque enchémolo de entullo,
porque magoámolo,
porque lle roubamos a auga,
porque o ferimos de morte,
porque o abandonamos…
E ti que decidiches
cravar as raíces na terra e
arrincar do interior a forza que che dá
para agromar e arrolarte ao vento,
e demostrar,
que sen a terra non se vive,
sen o aire non se respira,
sen auga mórrese.
E loitar cada día..
para vivir nun país sen auga.
Buscar en cada río,
noutrora o país dos mil ríos,
a auga que te alimenta.
E sentir que non hai auga.
E os salgueiriños e as abelairiñas dixeron: non.
E as xuncas dixeron: non.
E búscote na ribeira do río,
búscote na fonte vella,
búscote na borrasca cargada de choiva e frío
e non te atopo.
Onde estás Auga?
Por que non canta o río?
Por que non ri a fonte?
Onde fuxiches?

«O noso amigo e socio Xosé, envíanos este poema desde Bustelo, un lugar da parroquia de Valenza (Coristanco), afectado por proxectos eólicos.
Ousadía
Mandas con arrogancia na montaña,
posúes con orgullo o vento,
tes a ousadía de criar castelos no ceo.
Mais ….arrincaremos eses delirios con forza das túas entrañas,
e plantarémolos na túa testa,
para que nela vexas medrar dólares e afogues
no abafo da abundancia
e morras de tristeza,
na secura do deserto
porque… o aire é noso,
a montaña é nosa,
o ceo é noso.
Noso é.
De ninguén máis.

«Desde o Val Miñor, o noso socio Brais e a súa familia envíannos esta poesía adicada ao monte Perrol, tras visitalo a pasada fin de semana. O amor polas nosas paisaxes….
Monte Perrol
Porque en ti está a orixe,
porque loitas pola vida e queres atrapar o sol coas espirais dos teus cornos.
Porque restauras as almas co silencio do teu cumio.
Espazo sagrado que rexenera vidas humanas
baleiras, insignificantes…mortas.
A beleza das túas paisaxes envólvenos intensamente.
Constelación con un corno en espiral…, que dominas os ceos…, ariete…
Porque representas a orixe metafísica do mundo coas espirais da túa
Cabeza Carneiro.
Impulso cara a vida, eterno empezar e eterno renacer da vida,
dá luz.
Pedra Alba, Perrolúa…
Bautismo de Luz e Sabedoría…
Talismán que custodias as mámoas dos nosos ancestros.
Símbolo da forza que che dá a túa natureza pétrea,
mais coa necesidade da humildade pasas despercibida.
Liderazgo, poder e capacidade de actuación frente a adversidade,
Resiliencia… e sacrificio.
Fertilidade e procreación.
Chörten; aire e saber dos actos.
O sol e a lúa que te rematan evocan o éter e a sabedoría da lei natural.
Con impulso atravesas as tebras e abres as murallas.
Fillas do Sol que loitan contra as tebras.
Incluso a fortaleza ás veces precisa ser humilde…
Aos teus pés Vista Alegre e o val de Bello.
En fronte o Alto do Resío…
A túa beira, Aldemunde e o val do Lourido…
O reencontro contigo é algo moi ancestral, que o ser humano esqueciu…
Algo poderoso…
E alí onde queira que as túas rocas emerxan, máis aló do murmurio e os ecos do silencio, tan só brillan os escintileos do firmamento, as constelacións…,
o Infinito.

«Desde Xaviña, en Coristanco, Carme envíanos este regalo de poesía….
Quero ser…
Quero ser esa flor,
amarela,
chea de cor,
que rabuña o ceo,
e lle dá sabor.
Dourada ten a tarde o sorriso.
Quero ser..
a vida que dá
sen querer
nada a cambio.
Quero ser esa flor…
que ilumina ese campo,
que dá beleza e esperta dor,
quero ser esa flor.
Esa flor que madrugou esta primavera…
e que o vento aínda non esfollou.
Quero ser esa flor …

O amigo Francisco enviounos desde Arteixo unha poesía que xa forma parte do Poemario “Amar as Paisaxes”, unha proposta de poesía participativa”, no que colaboran coas súas achegas máis dun cento de persoas de toda Galicia.
O piñeiral maior
O piñeiral maior
murmuroume un conto
de espolio da terra.
O piñeiral maior contoume un conto
de depredadores
que compadrean:
para esgotar a auga,
contaminar o chan,
roubar o vento
e comprar dignidades e honras.
«porque as dignidades hai tempo que están de saldo…».
O piñeiral maior
atesoura vellas historias malas
de odio á terra, que causan pavor..
O piñeiral maior
adormece no vento a
espera dun tempo mellor.
O piñeiral maior…
(Poema incluido na obra: Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa, editado e publicado pola asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Depósito Legal: C 974-2020).

E non podía fallar unha lembranza ao río Lourido, o gran afluente do río Anllóns, ao seu paso por terras de Cabana, Coristanco e Ponteceso….
O río Lourido
É o que ten nacer en terra de lobos,
camiñar devagar no roteiro dos corvos
que buscan o leste cando o ocaso,
desde a fonte Cardeira ata o Anllóns;
lembrar outros tempos e historias vellas,
acoller outros regos e fontes novas
de amoríos, pan de millo e moendas,
feiras, bois e minas,
troitas, lampreas e anguías,
arsénico, ingleses, canadianos,
sol, frío, xeadas, cambio climático;
deixando atrás os eólicos do Perrol que asoballan o val,
maldicir as liñas de alta tensión e
correr á sombra dos eucaliptais,
noutrora carballeiras e soutos;
e xuntarse co Batán, para
coñecer o río que vén das terras altas do Xalo
e peneirar o seu, no arsénico do Anllóns, e contarse
historias esquecidas de tempos mellores, no que a algarabía dos rapaces
facíaos sorrir espuma nas beiras das lampreeiras e das fragas.
Deixar atrás a cova crea, a orixe, o graal da vida
e o Cudeiro, dos dólmenes célticos de Pondal.
E esperar ó Anllóns que vén canso
desde o campo de tiro de Soandres,
co chumbo das balas, puríns e glifosato,
microplásticos e lixo…,
coa sabor áceda das follas do eucalipto…
e ver como o salmón esgotado non é capaz de subir o río…,
polas centrais hidroeléctricas…
E afogar a esperanza na auga que queda…

«O amigo Xosé envíanos desde Tella (Ponteceso) unha poesía que xa forma parte do Poemario “Amar as Paisaxes”, unha proposta de poesía participativa”, no que colaboran coas súas achegas máis dun cento de persoas de toda Galicia».
Anduriña
Polos carreiros prateados do vento
vin unha anduriña chegar,
facer un niño no colo do vento
e volver a marchar…
(Poema incluido na obra: Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa, editado e publicado pola asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Depósito Legal: C 974-2020).
«A nosa socia e compañeira M.D.C. de Corcoesto, enviounos unha poesía que xa forma parte do Poemario “Amar as Paisaxes”, unha proposta de poesía participativa”, no que colaboran coas súas achegas máis dun cento de persoas de toda Galicia».
Santa Mariña do Remuíño
Murmurios do vento,
repiquetear da auga,
desde a volta do río
vin a capela branca…
Camiños estreitos
arrodeados de fentos,
bolboretas brancas
que bailan no vento.
Foi no mes de xullo.
Foi no mes de setembro
onde vin o rabo dourado
do lagarto da Santa.
Murmurios do vento,
repiquetear da auga,
onde eu bebín
na fonte da Santa.
(Poema incluido na obra: Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa, editado e publicado pola asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Depósito Legal: C 974-2020).

E aquí temos a poesía que nos enviou Begoña Fernández desde Ordes e que xa forma parte do Poemario “Amar as Paisaxes, unha proposta de poesía participativa”, no que colaboran coas súas achegas máis dun cento de persoas de toda Galicia.
Negra tes a alma!
E deixaches
que o vento arrolase no seu berce
o último bosque
do Atlántico.
E deixaches
que chorase todo un río
cando souben
que cortaras os carballos
que plantara.
E deixaches que medrasen
eucaliptos na túa alma,
e nos prados.
E deixaches
que Ence camiñase
polas pistas de abril
sen compaña,
e fixese e desfixese ó seu antollo
na matogueira e no bosque,
no curro e na cortiña,
na eira vella e na nova,
ata ficar todo cheo de eucaliptos.
Negra tes a alma!
(Poema incluido na obra: Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa, editado e publicado pola asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Depósito Legal: C 974-2020).
O amigo Serafín enviounos desde Carballo unha poesía que xa forma parte do Poemario “Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa”, no que colaboran coas súas achegas máis dun cento de persoas de toda Galicia.
Unha pinga de resío
Unha pinga de resío
caeu na herba verde,
escorregou polo talo
e acabou no río.
Unha pinga de resío
caeume no chapeu,
escorregou ata o meu corazón
e morreu co frío.
Unha pinga de resío …
(Poema incluido na obra: Amar as Paisaxes, proposta de poesía participativa, editado e publicado pola asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Depósito Legal: C 974-2020).