Galería

A ousadía dos predadores ou como distraer as normas ambientais para salvar un proxecto mineiro en Beariz (Ourense)

Recurso Minerales de Galicia, S.A. (en adiante RMG) prevé executar a explotación do xacemento mineiro de “Coto Tocayo”  e obter a concesión de explotación derivada do permiso de investigación “Alberta 1ª Fracción nº. 4966.1”, no termo municipal de Beariz, na provincia de Ourense.

O plan que presenta a  mercantil promotora chama a atención polos seguintes aspectos:

1º.- Decide comezar pola parte do xacemento denominada “Coto Tocayo”, pola existencia de reservas probadas (segundo a promotora) de pegmatita con mineral de litio e outros minerais de interés, como a moscovita e feldespatos de uso na industria da cerámica.

“Coto Tocayo” é unha área do dereito mineiro Alberta 1ª que abrangue 60 cuadrículas mineiras e que constitue, segundo a mercantil promotora, a primeira fase do proxecto mineiro que prevén desarrollar secuencialmente. Non obstante, RMG solicita a concesión de explotación da totalidade do dereito mineiro conformado por 123 cuadrículas mineiras, limitándose a presentar un documento de avaliación só referido a primera parte, isto é, a “Coto Tocayo”.

Por iso estamos ante un  macroproxecto mineiro que a mercantil promotora opta por presentar fragmentado e prevé executalo paulatinamente.

Así desarrollan o macroproxecto mineiro fragmentado e o executan aos poucos, para que as resolucións administrativas vaian a pouquiño. Se o presentasen todo de golpe, sería imposible que lles desen unha declaración de impacto ambiental.

2º.- Ademais do interés industrial dos mineirais citados, outro aspecto chave polo que a promotora decide comezar por “Coto Tocayo” é  (e cítase literalmente o proxecto da promotora):

“También se ha tenido en cuenta que presenta las condiciones más idóneas desde el punto de vista técnico y medioambiental (que favorecen la tramitación administrativa). Dado que en este caso no es necesario que el proyecto se someta al proceso de Evaluación Ambiental, ni ordinaria ni simplificada, por no darse las condiciones requeridas en la Ley 21/2013, de 9 de diciembre, de evaluación ambiental”.

3º.- O proxecto prevé desenvolverse nunha zona que está condicionada pola presenza da serra do Cando e a serra do Candán ao leste, nun val encaixado entre ambas as dúas elevacións e onde hai pequenos cursos fluviais. Nesta área as precipitacións son abondosas, entre os 1.600 e os 2.500 mm anuais, co conseguinte risco xeotécnico que isto implica, engadido ás voaduras previstas no proxecto para a saca do mineiral e o tamén probable risco de taludes.

A empresa non aporta estudos xeotécnicos nin hidroxeolóxicos. Tampouco presenta un estudo detallado da hidrografía da zona.

4º.- O proxecto afecta indirectamente a espazos incluidos na Rede Natura 2000. A ZEC e LIC serra do Cando sitúase a uns 1,87 km do seu límite máis achegado segundo a promotora, se ben podería ser inferior esta distancia, entre os 500 e os 1000 metros segundo fontes do órgano ambiental. A uns 8,2 km ao nordés da área de execución do proxecto está a ZEC e LIC serra do Candán.

A área incluida na zona ZEC correpondente á serra do Cando, esténdese por varios municipios como os de Cerdedo, Cotobade, Forcarei, A Lama (Pontevedra) e Beariz, en Ourense.

A carballeira de Porto Espiño, unha reserva de biodiversidade caducifolia, verase gravemente afectada polo proxecto, a pesar da protección de hábitat de interese comunitario (carballeiras e urceiras secas atlánticas) e de hábitat de interese prioritario (brañeiras e bosque de ribeira).

Existen vivendas e núcleos habitados a escasos metros da área da explotación mineira proxectada, como Acevedo e Doade e outros (Framia, Correa, Abeleira, Alén…).

5º.- O deseño do proceso de aproveitamento do mineral constaría das seguintes fases:

– Trituración e moenda.

– Deslamado.

– Flotación

– Separación magnética.

– Decantación, filtrado e secado.

As principais áreas do establecemento de beneficio serían:

– Zona de trituración.

– Zona de moenda e deslamado.

– Zona de flotación.

– Zona de almacenamento, preparación e dosificación de axentes de flotación.

A promotora non indica a natureza dos axentes que empregará no tratamento do material nas balsas de flotación, o que sin dúbida é unha cuestión moi relevante a efectos ambientais, pola posible natureza química da súa composición.

– Zona de desaugado de concentrados.

– Zona de almacenamiento e tratamiento de aguas.

– Planta de pasta (estéril para recheo de mina) e provisión de entullo.

– Zona de instalacións auxiliares (oficinas, laboratorio, aparcamentos, etcétera).

O conxunto das  instalacións localizaríanse sobre una plataforma dunhas 5,9 ha de extensión, ubicadas na parte baixa dunha pequena ladeira próxima á entrada da mina de interior, coñecida como “Lombo do Vido», que ademais atópase á beira do Rego de Porto de Anta (a uns 100 metros, segundo a promotora).

6º.- Provisións de entullo nas entulleiras

A promotora prevé unha entulleira exterior “nunha ubicación adecuada”, xa que o total de entullo que será necesario extraer para acceder aos diques de pegmativa rondará, segundo a promotora, os 225.000 m3.

plan monte comunal beariz
Detalle da parcela 902 do polígono 40 que xestiona a Comunidade de montes de Doade, monte en man común de Lama Cega e Bisticobo, área seleccionada pola mercantil promotora para a localización da entulleira

A área seleccionada para a entulleira acadaría unha superficie en torno a 1 ha de extensión sobre os terreos correspondentes á parcela 902 do polígono 42, pertencentes ao monte en man común de LAMA CEGA E BISTICOBO da comunidade de montes de Doade (nº identificador 1316).

Respecto ao consumo de agua nas instalacións de aproveitamento, o proxecto de establecemento de beneficio indica que serán necesarios unos 106.000 m3 de agua iniciais.

plano mina Beariz
Lombo do Vido, onde se ubicaría o establecemento de beneficio do proxecto mineiro Coto Tocayo, a escasos metros do rego do Porto da Anta.  Fonte: IGN.

A acumulación de material nas entulleiras pode resultar tóxico e chegar a ser un residuo perigoso, xa que en principio, os lixiviados xerados polo entullo coa auga da chuvia e escorrentía poden producir unha problemática severa sobre o medioambiente, os recursos hídricos que abastecen aos núcleos de poboación próximos e aos organismos vivos.

7º.- Chama a atención a elevada concentración de arsénico que se reflicte no parágrafo do proxecto referido aos resultados do ensaio UNE‐EN 12457‐4, que amosa unha concentración de arsénico disolto nas mostras de 20,06 μg/l. A Organización Mundial da Saúde (OMS) permite unha concentración máxima de arsénico en aguas destinadas para o consumo humano de 10 µg/L., ainda que recomenda no superar los 0,05 mg/L na agua potable.

Unha maneira de inxerir arsénico é a través da agua e dos acuíferos onde hai captacións que abastecen ás comunidades locais próximas, onde existe a pirita ou arsenopirita (combinación de ferro, azufre e arsénico).

Por outra banda, a presenza de arsénico no aire pode incidir na prevalecencia do cancro de pulmón.

Segundo a caracterización química dos entullos realizados pola mercantil promotora, a solubilidade dos elementos químicos presentes podería ser:

  • Arsénico disolto μg/l 20,06
  • Bicarbonatos mg/l CO3H‐ 22,05
  • Cadmio disolto μg/l < 0,5
  • Calcio disolto mg/L 35,75
  • Carbonatos mg/l CO3 52,36
  • Carbono Orgánico Total mg/l 1,97
  • Cloruros mg/l 21,58
  • Cobalto disolto μg/l < 2,50
  • Cobre disolto μg/l < 2,50
  • Conductividade eléctrica μS/cm a 25ºC 411,51
  • Cromo disolto μg/l 45,08
  • Ferro disolto μg/l < 50,0
  • Magnesio disolto mg/L < 0,2
  • Mercurio disolto μg/l < 1,00
  • Molibdeno disolto μg/l 22,46
  • Níquel disuelto μg/l < 5,00
  • pH ‐ 10,9
  • Plomo disuelto μg/l < 2,50
  • Potasio disuelto mg/l 18,03
  • Sodio disuelto mg/l 22,84

O arsénico preséntase como As3+ (arsenito) e As5+ (arseniato, abundante). O arsenito é más tóxico para o ser  humano e é  máis difícil de remover dos corpos de agua. A inxesta de pequeñas cantidades de arsénico pode causar efectos crónicos por bioacumulación no organismo.

Por outra banda, é probable a formación de augas ácedas de minas que poderían ter consecuencias negativas para a poboación dos núcleos próximos a explotación.

Un cóctel de elementos químicos e radioactivos con posibles repercusións na saúde humana e dos ecosistemas

As entulleiras e as augas procedentes das labores de achique do interior das galerías poderían constituír un verdadeiro cóctel químico de indudables repercusións sobre a saúde das poboacións e dos ecosistemas próximos á área de explotación mineira.

A isto hai que engadir que a Sociedade Galega de Historia Natural advertiu da necesidade de realizar un estudo ambiental serio e rigoroso, posto que as pegmatitas adoitan incluír Cesio, Uranio, Rubidio e Radio.

Tanto o Cesio como o Rubidio son materiais radioactivos que hai que engadir aos sulfuros presentes nas pegmatitas que xeran as drenaxes ácedas de mina.

minerais radioactivos

 

2 comentarios sobre “A ousadía dos predadores ou como distraer as normas ambientais para salvar un proxecto mineiro en Beariz (Ourense)

Deja un comentario