- Petón do Lobo insta á Xunta de Galicia á paralización inmediata das prospeccións, en tanto que non someta a exposición pública o proxecto dos permisos de investigación mineira e o plan de restauración das catas, que a mercantil realiza na exploración de níquel, cobalto, cobre e terras raras
- O dereito mineiro Carmen sobre o que traballa a empresa, caducado dende hai anos, de máis de 2.500 hectáreas de superficie en Santa Comba e Coristanco, abrangue núcleos habitados como o de Castriz, San Salvador, Vilartide, Vilardante de Arriba, Boaña de Abaixo, Boaña de Arriba, Boimente, A Choupana, Esternande, Estévez, Frieiro, O Hospital, A Mostaza, O Outeiro, Padreiro, Traba, Vento, Xallas, O Xesto, Castro, Choupana, Codeseira…etc, masas de auga, fontes, mananciais, granxas e terras da concentración parcelaria de gran aptitude agrícola
- A asociación insta ao alcalde de Santa Comba a á corporación municipal a esixille á Dirección Xeral de Planificación enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia a paralización inmediata das prospeccións mineiras e o cumprimento estricto da normativa. Tamén insta á cidadanía afectada das parroquias de Castriz e de San Salvador de Padreiro a organizarse para a defensa das súas casas e as súas terras.
Carmen é o nome do dereito mineiro sobre o que Eurobattery Minerals realiza as prospeccións mineiras na parroquia de Castriz para a busca de níquel, cobre o cobalto.
Este dereito mineiro solicitado no ano 1942 e inscrito no censo catastral mineiro no ano 1944 como concesión directa de explotación abrangue 2.559.9400 hectáreas nos municipio de Santa Comba e Coristanco, na provincia da Coruña. Non obstante, a falla de explotación da concesión ao longo do tempo finiquitou o mesmo por caducidade, se ben a Xunta non declarou formalmente a mesma cando debera facelo.
A parroquia de Castriz forma parte do proxecto “Corcel”, que en teoría abarcaría outros dereitos mineiros colindantes con Carmen, como é Santa María de 117.8560 hectáreas, Santa Bárbara de 695.0650 hectáreas e Carballeira de 482.3300 hectáreas, todos eles adquiridos por Eurobattery Minerals no ano 2019 a Galicia Tin & Tungsten, S.L, outra compañía creada para especular con este tipo de dereitos mineiros.
Para a Xunta de Galicia “Galicia é unha mina” e prácticamente boa parte de Santa Comba está enriba dos dereitos mineiros de Eurobattery Minerals. De resultar exitosas as prospeccións é probable que a veciñanza dos núcleos de Boaña de Abaixo, Boaña de Arriba, Boimente, Castriz, A Choupana, Escanande, Estévez, Frieiro, O Hospital, A Mostaza, O Outeiro, Padreiro, Traba, Vento, Xallas, O Xesto non poidan convivir á beira dun proxecto industrial de mina a ceo aberto que empregará explosivos tipo A e que lles obrigaría ao éxodo poboacional.
Por tanto é imprescindible que a veciñanza se organice e demande información tanto ao concello como á Xefatura territorial de Minas da Coruña, xa que logo, o flagrante incumprimento da normativa mineira, a opacidade e falla de transparencia institucional ao redor do proxecto “Corcel”, evidencia que a postura da Xunta de Galicia é estar á beira da empresa e favorecela en todo o que poida, ata o punto de non someter a exposición pública nin os proxectos dos permisos de investigación mineira nin os plans de restauración das catas e prospeccións, nunha tramitación espúrea máis propia de Administracións corruptas e neocoloniais do pasado, que de democracias avanzadas do século XXI.