A liña de evacuación de 132 kV do proxecto eólico de Cordal –Ousá proxéctase nos termos municipais de Begonte, Outeiro de Rei e Friol (Lugo) ten a súa orixe na subestación asociada ao parque eólico de Cordal –Ousá, en Friol e remata na subestación de Frigranor, no municipio de Begonte. Presenta un desarrollo lonxitudinal total de 8.484,50 metros, con 24 apoios proxectados e unha lonxitude de 8.019 km. A cota máis alta estaría a 626 metros e a máis baixa a 404 metros. A mercantil promotora é Eólica de Cordales.
A vexetación da superfice afectada está formada por Quercus robur, Castanea sativa, Betula celtiberica Ulex europaeus, Ulex minor e outras, segundo o mapa Forestal editado polo Ministerio de Medio Ambiente no ano 2000.
A superficie forestal caracterízase pola presenza na súa maior superficie de espazos de vexetación arbustiva e/ou herbácea (landas e matogueiras), zonas agrícolas heteroxéneas (mosaico de cultivos anuais con praderías e/ou pasteiros), un mosaico de caducifolias (Quercus robur, Castanea sativa, Betula celtibérica, Quercus pirenaica…) e unha pequena superficie ocupada por unha repoboación de pináceas.
Paisaxísticamente, a liña localízase na denominada Chairas e Fosas Luguesas, pertencendo á comarca paisaxística da Terra Chá. Chairas e Fosas Luguesas está conformada maioritariamente por dous grandes tipos de paisaxe: chairas e vales interiores, sendo estas condicións óptimas para a gandería.
Dentro das clases de usos de chan, o agrosistema extensivo é o máis abundante dentro da citada Gran Área Paisaxística seguida dun agrosistema intensivo-mosaico forestal, que coincide coa máis representada na superficie de afección do presente proxecto.
En canto a Espazos Naturais, a alternativa da LAT escollida pola mercantil promotora, atravesa 151,7 metros da Zona ZEC denominada Parga-Ladra- Támora con código ES1120003.

Segundo a ficha da ZEC, as características principais deste espazo é que se trata dunha Zona con importantes bosques de folla ancha, brezais e praderías melloradas. A calidade e importancia do ZEC derívase dunha extensa rede fluvial asociada a pasteiros, áreas agrícolas e terreos encharcables que forman un característico complexo húmido.
A actuación prevista atópase localizada dentro dos límites doutra figura: a Reserva da Biosfera Terras do Miño. A Reserva organízase ao redor da comarca de Terra Chá e a cabeceira do río Miño. No interior hai tres áreas con figuras de protección específica, dúas delas Lugares de Importancia Comunitaria: o complexo fluvial Parga-Ladra- Támoga e a Serra do Xistral, esta última singular por conter unha importante representación de hábitats de turbeira. Estes dous espazos, xunto coa Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Miño-Neira, conforman a Zona Núcleo da Reserva.
Na zona de trazado localízase o hábitat con código 91E0 entre os apoios 21 e 22 ao seu paso polo río Ladra.
Que pasa coa corta de 1.392 carballos maduros de dúas fragas de quercus robur de 2,5312 hectáreas. É viable desde o punto ambiental, social, paisaxístico e normativo?
Como moi ben di Ecoloxistas en Acción Lugo en Twitter (@EcologistasLugo): “Hoxe estivemos a visitar unha carballeira excepcional, con árbores senlleiras, que se vé ameazada por unha liña de alta tensión dun parque eólico. Non debemos seguir permitindo estas desfeitas a unha Galiza cada vez mais ferida. #AsFragasNonSeTocan”.

En canto á masa arbórea de carballos, que constitúe un bosque antigo de extraordinario valor ambiental, ecolóxico, paisaxístico e que presta grandes servizos ecosistémicos, indicar o seguinte en canto á súa protección:
1.- Correspóndese con hábitats de interese comunitario (Anexo I da Directiva 92/43/CEE e da Lei 42/2007) e que cumpren os criterios esixidos para os designados como “bosques antigos”.
Trátase de hábitats comunitarios non prioritarios (pero tamén sometidos a normas de protección que eviten a súa “deterioración”) que, segundo o Manual de Interpretación de los Hábitats de la Unión Europea (EUR-27 2007 e EUR-28 2013) e pola información técnica do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (2012), serían definidos como carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica (9230) así como Bosques de Castanea sativa (9260).
En relación cos tipos de hábitats de interese comunitario (non prioritarios) de carácter arbóreo sería pois de aplicación todos os supostos que atendan a protexelos da súa “deterioración” (artigo 46 da Lei 42/2007).
2.- Neste sentido, a afección de calquer proxecto industrial ou construtivo, impulsado por promotores particulares ou públicos, sobre os hábitats de carballeiras (9230) e soutos (9260) dá orixe a unha afección moi grave sobre o estado de conservación destas masas, ao provocar a súa redución superficial, a súa fragmentación, alterando a estrutura e as funcións ecolóxicas dun bosque nativo.
Esta redución superficial dos hábitats vese cada día no territorio galego e é motivo de omisións frecuentes das avaliacións ambientais, como é o caso que nos ocupa.
3.- Entre as omisións máis notorias da avaliación ambiental atópase a relativa a dous tipos de hábitats de interese comunitario: carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Q. pyrenaica (9230), e bosques de Castanea sativa (9260). Hábitats que son doadamente recoñecibles e que a súa identificación non mostra ningún problema en relación cos criterios establecidos no Manual de Interpretación de los Hábitats de la Unión Europea e nos documentos técnicos do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia. Os mencionados hábitats constitúen un exemplo singular dun bosque antigo galego e que forman un ecosistema forestal de grande interese tanto cultural como natural.
Por desgraza as deficiencias derivadas das fases de diagnóstico ambiental acrecéntanse na fase de avaliación, onde non se puideron ter en conta as repercusións dos proxectos sobre determinados tipos de compoñentes (hábitats 9230 e 9260), ao non ser estes correctamente identificados. Isto determina unhas perdas de obxectividade e fiabilidade de todos os procedementos de avaliación de impacto ambiental e en especial das Declaracións de impacto ambiental e dos documentos ambientais.

Polo tanto, instamos ao órgano substantivo da Xunta de Galicia á revisión detallada do documento ambiental para evitar o deterioro destes tipos de hábitats e a súa conservación nun estado favorable.
En relación cos tipos de hábitats de interese comunitario (non prioritarios) de carácter arbóreo sería pois de aplicación todos os supostos que atendan a protexelos da súa “deterioración” (artigo 46 da Lei 42/2007).
Así pois, ao abeiro do artigo 45 da Constitución española, da Directiva de Hábitats da Unión europea e o Plan Director da Rede Natura 2000, os carballos deben ser obxecto dunha protección específica, e por tanto, de conservación, en condicións tales que se evite a súa deterioración.
4.- Polo tanto, o órgano substantivo deberá adoptar coa debida dilixencia as medidas necesarias para evitar o dano a especies, que se ben son hábitats comunitarios non prioritarios; sen embargo, a normativa vixente esixe a dilixencia debida por parte das Administracións Públicas competentes, para evitar o risco da súa deterioración e garantir a súa conservación nun estado favorable.
Así o artigo 2.2 dá Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, indica expresamente:
“As medidas que se adopten en virtude da presente Directiva terán como finalidade o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres da fauna e da flora de interese comunitario”
Posto que existen moitas parcelas con masas homoxéneas dos hábitats citados, instamos a regular a súa protección e a conservación nun estado de conservación favorable de xeito que se evite a súa deterioración, desviando por tanto a liña da LAT como ÚNICA ALTERNATIVA VIABLE , de xeito que non afecte en absoluto ao bo estado de conservación favorable deste tipo de especies.
5.- En canto á ZEC Parga – Ladra – Támora (ES1120003), cómpre indicar que estes espazos son obxecto dunha protección ambiental reforzada. Cando se fala dá Rede Natura, non só trátase de realizar unha avaliación ambiental ordinaria ou simplificada do proxecto, senón que hai que engadir a avaliación adecuada dás repercusións de proxectos sobre a Rede Natura 2000.
A aplicación do principio de precaución aconsella que cando se aprecie que existe obxectivamente algunha “posibilidade” de afección sobre algún espazo RN2000, entón a avaliación de impacto ambiental ha de considerar e incluír a avaliación de repercusións sobre Rede Natura 2000, e coa información que se xere os órganos ambientais competentes poderán apreciar se os efectos avaliados son significativos ou non.

O proceso para realizar unha avaliación adecuada de repercusións sobre a Rede Natura 2000 é basicamente común para a elaboración de Documentos Ambientais e de Estudos de Impacto Ambiental, sempre que se teñan en conta as diferenzas esenciais no alcance entre unha avaliación simplificada (determinar se o proxecto terá ou non impactos ambientais significativos para decidir se se somete ou non a un procedemento ordinario) e unha avaliación ordinaria (determinar a admisibilidad dos impactos, as condicións en que se pode autorizar o proxecto e o seu seguimento). A información resultante integrarase nun apartado de Avaliación de repercusións sobre Rede Natura 2000 do Documento ambiental ou do Estudo de impacto ambiental, segundo proceda.
En espazos Natura 2000 que carecen de Plan de Xestión aprobado, e en cuxas normas de declaración tampouco se determinaron obxectivos de conservación máis específicos, cabe considerar extrapolables e directamente aplicables os obxectivos xerais de conservación da Rede Natura 2000, que de acordo coas Directivas 92/43/CEE e 2009/147/CE poden reformularse como:
Nun LIC /ZEC o único obxectivo posible é: o manter nun estado de conservación favorable os hábitats do Anexo I e as especies do Anexo II da Directiva 92/43/CEE.
Para que a avaliación de repercusións sobre Rede Natura 2000 resulte adecuada, necesariamente debe alcanzar certo grao de desagregación e detalle.
Debe realizarse unha avaliación para cada alternativa do proxecto. E dentro da análise de cada alternativa sobre cada espazo, debe darse unha consideración diferenciada ás repercusións do proxecto sobre cada hábitat ou especie obxecto de conservación ou sobre calquera outro tipo de obxectivo de conservación formulado polo plan de xestión que poidan verse afectados (visión de espazo). Así mesmo, en caso de coñecerse a existencia, ao exterior dos espazos Rede Natura 2000, de determinados elementos da paisaxe ecoloxicamente relacionados cos devanditos espazos que posúan primordial importancia para a biodiversidade e a coherencia da Rede (corredores ecolóxicos e refuxios de paso (stepping stones) sinalados no artigo 10 da Directiva 92/43/CEE), para que a avaliación de repercusións sexa adecuada é igualmente necesario telos en conta e incluír neste paso a identificación preliminar dos impactos previsibles do proxecto sobre os devanditos elementos (visión de Rede).
Polo tanto hai que proceder ao desvío da liña LAT 132 KV PE CORDAL DE OUSÁ-SET FIBRANOR das masas arbóreas protexidas pola Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, en tanto en canto, as mesmas deben manterse nun estado de conservación favorable, que evite a súa deterioración.
Evitar todo tipo de talas e desbroces das masas citadas ou dalgún dos seus exemplares, en tanto que especies de interese comunitario protexidas, os carballos e os castiñeiros deben ser obxecto dunha protección específica, e por tanto, de conservación, en condicións tales que se evite a súa deterioración.
No tocante á ZEC Parga – Ladra – Támora (ES1120003), indicar que estes espazos son obxecto dunha protección ambiental reforzada. Cando se fala dá Rede Natura, non só trátase de realizar unha avaliación ambiental ordinaria do proxecto, senón que hai que engadir a avaliación adecuada dás repercusións de proxectos sobre a Rede Natura 2000. Polo tanto, a mercantil promotora da LAT debe realizar unha nova avaliación ambiental do proxecto por estar esta documentación incompleta, xa que logo ao abeiro do Convenio de Aarhus, a cidadanía ten o dereito de acceso á información pública na súa totalidade e de xeito completo, e non como a presentada a través da Resolución do 24 de febreiro de 2020, na que se expón ao público un estudo de impacto ambiental moi incompleto, sen o grao de detalle preciso e con graves lagoas e insuficiencia de datos en canto á identificación de hábitats e ademais, sen a avaliación adecuada dás repercusións de proxectos sobre a Rede Natura 2000.

Casa de A Barreira (Santiago de Gaioso), patrimonio esquecido pola LAT Cordal -Ousá. Algún outro elemento patrimonial esquecido e que tamén resulte directamente afectado?
Orixinaria do ano 1575, cando Ares Conde de Monterroso doou o seu fillo, con motivo do seu matrimonio, a cuarta parte do couto de Donalbai e 40 fanegas de centeo, produto da renda de varios lugares e entre eles, Santiago de Gaioso. Xa en 1608, Pedro Ares, fillo do citado Ares Conde de Monterroso, incrementou as herdades coa adquisición da cuarta parte do lugar de A Barreira, converténdose en único dono do mesmo en 1629.
