Galería

O parque eólico de Salgueiras peta nos Cantís do Canteiro, nas Brañas de Gondomil, no Esteiro do Anllóns, no Monte Branco e na Praia de Balarés

Por que é ilegal o proxecto do parque eólico das Salgueiras? por insuficiencia ambiental e paisaxística

É aquí un repaso á historia deste proxecto para comprender a súa ilegalidade.

Primeiro.- A Resolución do 19 de abril de 2012 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, somete a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e do estudio de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico de Salgueiras no concello de Ponteceso na provincia da Coruña (Expte. IN661A 2010/14). (DOG Núm. 99 Venres, 25 de maio de 2012 Número de expediente: IN661A 2012/14. Parque eólico Salgueiras 18 MW. Ponteceso (A Coruña) Información pública).

Plantexamento do proxecto eólico e delimitación poligonal

Obxecto da información pública:

– A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública das instalacións.

Esta declaración de utilidade pública levará implícita, de acordo co art. 54 da Lei 54/2007, a necesidade da urxente ocupación para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados necesarios para o establecemento destas instalacións.

– O estudo de impacto ambiental

– O proxecto sectorial de incidencia supramunicipal

Relación de propietarios, bens e dereitos afectados: a relación concreta e individualizada dos propietarios, bens e dereitos afectados figura no anexo que se insire con esta Resolución.

Os aeroxeneradores distribuiranse sobre elevacións do terreo e cumios que conforman o monte As Salgueiras e outros das súas inmediacións.

Os afloramentos rochosos de maior tamaño localízanse na zona de emprazamento dos aeroxeneradores SL01 e SL04.

Segundo.- O 23 de xullo de 2012 o Instituto de Estudos do Territorio emite informe sobre o proxecto e indica literalmente:

“O proxecto consiste na instalación dun parque eólico de 18 MW de potencia total instalada no concello de Ponteceso (A Coruña), composto por 6 aeroxeneradores e a súa infraestrutura asociada: vieiros de acceso e servizo, gabias do cableado, subestación transformadora 20/132 Kv e edificio de control. A instalación encádrase na zona eólica 8, dentro da ADE G3/G16. O parque situarase a menos de 2 quilómetros do parque eólico Corme G-3 en funcionamento na actualidade.

Actualmente a zona non ostenta figuras autonómicas ou estatais de protección dos espazos naturais. As infraestruturas do parque eólico están incluídas no ámbito de aplicación da normativa do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL), nas unidades de paisaxe Monte Branco (05.02.182), Praia de Balarés (05.02.181), Brañas de Gondomil (05.02.179), Esteiro do Anllóns (05.02.183) e Cantís do Canteiro (05.02.180). Parte das infraestruturas inciden sobre un espazo de interés, espazo de interese paisaxístico (Cantís do Canteiro) e espazo de protección de ladeira”.

Concluía o Instituto de Estudos do Territorio que:

“Dado que non existen alternativas de localización na que non se produza incidencia visual do proxecto sobre os núcleos de identidade do litoral O Porto de Corme, Ponteceso, Laxe, O Couto e Taboído, e sobre os lugares de interese Praia de Balarés, Praia da Ermida, Miradoiro do Monte Branco, Miradoiro do Galiñeiro, e ante a imposibilidade de establecer medidas correctoras de apantallamento nestes lugares para a mitigación do impacto visual, sen prexuízo dos demais informes ou autorizacións legalmente esixibles, e tendo presentes as cuestións anteriormente expostas, consideramos que o estudo de impacto e integración paisaxísstica presentado, axústase formalmente aos contidos establecidos no artigo 11.2 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia”.

Afloramientos rochosos de gran tamaño nas  inmediacións do emprazamento do aeroxenerador SL04

Terceiro.-  Espazos Naturais Protexidos.

Desde a parte máis ao Norte da poligonal do parque eólico ata o sur da mesma, linda cos límites definidos para o LIC da Costa da Morte. Nesta ría desemboca ademais o río Anllóns, tamén clasificado como LIC.

A área de observación de aves da Costa da Morte é a máis próxima e está cualificada entre as dez máis importantes de Galicia, desde o punto de vista ornitolóxico.

O estuario do río Anllóns está recoñecido como Monumento Natural dentro da Rede Galega de Espazos Protexidos.

O informe de 13 de setembro de 2012 da Secretaría Xeral para o Turismo concluía literalmente:

“A zona ten moita importancia turística desde o punto de vista do turismo costeiro e pode verse afectada pola proximidade da instalación. Prodúcese unha incidencia sobre os valores paisaxísticos e visuais do entorno polo que o impacto da actuación é tamén de competencia medioambiental. Conclúsese que posúe unha influencia DESTACABLE no turismo específico da zona. Dada a situación dos establecementos e elementos turísticos referidos é precisa a realización dun estudo de impacto turístico, que propoña medidas compensatorias relativas á afección a estes puntos”.

Cuarto.-  Concello de Ponteceso – Plan Urbanístico municipal (PXOM).

Segundo o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ponteceso (aprobado definitivamente polo Pleno do concello en data 26/08/2002, publicado no DOG número 181 de data 19/09/2002 e no BOP número 221 de data 25/09/2002), os terreos afectados polo proxecto eólico Salgueiras están afectados pola tipoloxía urbanística seguinte:

  • Solo rústico de especial protección ambiental paisaxístico.

Na documentación do Plan Xeral de Ordenación municipal aprobado inicialmente o 25 de xuño de 2012 e redactado pola empresa Monteoliva Arquitectura, S.L., a citada parcela de terreo está clasificada como:

  • Solo rústico de protección de espazos naturais.

Quinto.- O Informe do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña previña sobre o potencial impacto que o proxecto eólico podería causar sobre a avifauna dada a súa proximidade a 3 zonas húmidas que podían presentar concentracións importantes de aves. Tamén alertaban sobre a posibilidade que os impactos sobre a fauna teñan un efecto sinérxico co parque eólico de Corme G-3. Recollen que no estudo de impacto ambiental proxéctase completar o estudo de aves e quirópteros antes de iniciar as obras para caracterizar a situación preoperacional.

O promotor completou o inventario de avifauna e quirópteros achegando os documentos denominados “Plan de vigilancia y seguimiento ambiental. Informe preoperacional avifauna. Parque eólico Salgueiras. Septiembre 2015” e “Plan de vigilancia y seguimiento ambiental. Informe preoperacional quirópteros. Parque eólico Salgueiras. Septiembre 2015”. Nun segundo informe, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza considera adecuada a dita documentación e estima que o impacto do proxecto sobre as poboacións de aves e quirópteros non é significativo.

Segundo os datos do P.V.S.A. INFORME PREOPERACIONAL AVIFAUNA “PARQUE EÓLICO SALGUEIRAS”. Setembro de 2015 a relación de especies de Falconiformes observadas son:

Pernis apivorus

Falco peregrinus

Buteo buteo

Accipiter gentilis

Sexto.- O 28 de outubro de 2016 formulábase a Declaración de impacto ambiental pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, relativa ao proxecto do parque eólico Salgueiras, no municipio de Ponteceso, promovido por Norvento, S.L. (Clave: 2011/0063).

O 27 de febreiro de 2020 publicábase no DOG número 39 a Resolución do 24 de novembro de de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se dá publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental o 28 de outubro de 2016, relativa ao proxecto do parque eólico Salguieras, no concello de Ponteceso, promovido por Norvento, S.L.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental recoñece expresamente no texto da Declaración a proximidade do proxecto á zona especial de conservación (ZEC) Costa da Morte (espazo que con distintas delimitacións posúe tamén as categorías de zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e zona de especial protección para as aves (ZEPA).

Sétimo.- En relación ao POL, o Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia indica literalmente:

Artigo 2º.-Funcións.

1. O Plan de Ordenación do Litoral de Galicia persegue as seguintes funcións integradas nos seus propios obxectivos:

a. A concreción do ámbito litoral da Comunidade de Galicia, obxecto de ordenación, considerando no seu conxunto o litoral como unha entidade continua e única, dotada dun alto valor, que debe ser debidamente protexido desde unha perspectiva integral, dentro dunha política de desenvolvemento sostible.

b. A protección e conservación dos recursos naturais do litoral, a través do establecemento de criterios para o mantemento e custodia dos elementos naturais, das praias e, en xeral, da paisaxe litoral.

c. Sinalar aqueles ecosistemas litorais e as unidades  geomorfológicas e paisaxísticas, cuxas características naturais, actuais ou potenciais, xustifiquen a súa conservación e protección.

d. A protección e conservación do patrimonio natural e cultural do litoral a través do establecemento de criterios para a protección de todos os elementos que configuran a paisaxe litoral.

Oitavo.- En canto á normativa sobre da Paisaxe en Galicia:

* O Convenio Europeo da Paisaxe entrou en vigor o 1 de marzo de 2004. España ratificou o citado Convenio o 26 de novembro de 2007 (BOE de 5/02/2008). Está en vigor no noso país desde o 1º de marzo de 2008.

* Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia

* Decreto 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia.

 * Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

En canto ao Decreto 96/2020, de 29 de maio, este indica literalmente:

Artigo 5. Integración das políticas de paisaxe nas políticas territoriais e sectoriais

Todo plan, programa ou proxecto derivado das políticas públicas de ordenación territorial e urbanística, ambiental, do patrimonio cultural, agrícola, forestal, social, turística, industrial ou económica, ou de calquera outra política de carácter sectorial, deberá tomar en consideración na súa elaboración e execución os valores paisaxísticos e o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas e dos diferentes tipos de paisaxes, identificados e analizados nos catálogos da paisaxe, sempre que poida producir un impacto directo ou indirecto sobre a paisaxe no ámbito de aplicación deste regulamento definido no artigo 2.

Artigo 30. Medidas preventivas e correctoras para acadar a integración paisaxística do proxecto

1. As medidas preventivas e correctoras que se deban adoptar para acadar a integración paisaxística do proxecto a que se refire a alínea e) do artigo 27 terán como finalidade evitar ou reducir o impacto estimado daquel sobre os elementos que configuran a paisaxe.

2. Considéranse medidas preventivas de integración paisaxística aquelas que, durante o proceso de deseño dun proxecto, evitan ou minimizan o seu impacto sobre os elementos que configuran a paisaxe. Estas medidas basearanse na análise detallada do lugar onde vai situarse o proxecto e incluirán a elección da localización que máis favoreza o cumprimento dos criterios de integración que expresa este regulamento e os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.

3. Considéranse medidas correctoras de integración paisaxística as que teñen por obxecto mitigar o impacto inevitable do proxecto sobre os elementos que configuran a paisaxe, tales como:

a) A recuperación topográfica de escavacións e a naturalización de noiros.

b) A naturalización de canles abertas de derivación de cursos de auga.

c) A reposición da vexetación afectada e a restauración das coberturas de solo.

d) A integración, conservación, restauración ou traslado, segundo o caso, de elementos naturais ou culturais de valor paisaxístico, tales como árbores ou masas de interese, formacións rochosas e construcións, muros ou valados de carácter tradicional.

e) A ocultación ou apantallamento visual de construcións ou instalacións.

f) A redución de efectos acústicos, de contaminación luminosa ou olfactivos.

O proxecto definirá e incluirá na súa memoria planos e orzamento das medidas correctoras determinadas no estudo de impacto e integración paisaxística.

A definición das medidas correctoras previstas pode resolverse mediante unha referencia aos correspondentes documentos do proxecto.

Artigo 31. Documentación

1. Os estudos de impacto e integración paisaxística incluirán os documentos escritos e gráficos precisos para recoller os contidos a que fan referencia os artigos anteriores, así como os seguintes:

a) Un plano da contorna do proxecto en que se representen os valores e elementos paisaxísticos de referencia, tales como áreas de especial interese paisaxístico, elementos naturais ou culturais de singular valor, miradoiros, sendas panorámicas e puntos singulares de observación.

b) Un plano en que se representen as zonas visibles, de acordo coas cuncas visuais calculadas.

c) Fotografías do estado actual da paisaxe.

d) Montaxes fotográficas ou imaxes virtuais que simulen a inserción das obras ou construcións na paisaxe.

Artigo 32. Informes de impacto e integración paisaxística de proxectos

1. Nos supostos en que se deba incorporar a un proxecto un estudo de impacto e integración paisaxística, o órgano substantivo ou o órgano ambiental, ou a persoa promotora, de ser o caso, de acordo coa normativa sobre avaliación de impacto ambiental de proxectos, solicitará ao Instituto de Estudos do Territorio a emisión do informe de impacto e integración paisaxística.

2. O prazo para a emisión dos informes de impacto e integración paisaxística é de trinta (30) días hábiles, contados desde a data de recepción da solicitude.

3. Os informes de impacto e integración paisaxística teñen carácter vinculante, e así o expresarán, naqueles aspectos en que o informe poña expresamente de manifesto que o proxecto vulnera, de ser o caso, determinacións normativas de carácter vinculante establecidas pola lexislación de protección da paisaxe ou polos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.

Artigo 33. Alcance dos informes nos procedementos de avaliación de impacto ambiental de proxectos

1. Os informes que o Instituto de Estudos do Territorio emita no trámite de consulta ás administracións públicas afectadas nos procedementos de avaliación de impacto ambiental de proxectos consonte a normativa sobre avaliación ambiental de aplicación, comprobarán os seguintes aspectos:

a) A incorporación ao proxecto dun estudo de impacto e integración paisaxística co contido e documentación prevista nesta sección, no suposto de que este sexa preciso segundo o indicado no artigo anterior.

b) A xustificación metodolóxica e adecuación de cada un dos contidos do estudo de impacto e integración paisaxística, no suposto de que este estudo sexa preciso.

c) A adecuación e cumprimento do proxecto coas determinacións dos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.

d) O grao de impacto que o proxecto pode producir sobre a paisaxe, sinalando, de ser o caso, aqueles impactos que poidan resultar críticos.

e) A idoneidade e eficacia das medidas preventivas, correctoras e de integración propostas para evitar ou mitigar os impactos que o proxecto pode producir sobre a paisaxe.

De concluírse que as devanditas medidas resultan insuficientes, o informe indicará aqueloutras que poidan mellorar a integración paisaxística do proxecto.

2. O órgano ambiental integrará os informes emitidos en contestación ás consultas a que se refire este artigo na declaración de impacto ambiental ou no informe de impacto ambiental.

Artigo 43. Disposicións xerais

1. Será preceptivo obter o informe favorable do Instituto de Estudos do Territorio con carácter previo ao título habilitante de natureza urbanística ou á autorización autonómica prevista na lexislación do solo de Galicia nos seguintes casos:

a) Usos e actividades en solo rústico de especial protección paisaxística, agás as obras menores.

Artigo 44. Contido

1. Os informes sobre usos e actividades en solo rústico de especial protección paisaxística comprobarán os seguintes aspectos:

a) A compatibilidade do uso ou actuación cos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.

b) A idoneidade da localización en que se pretende desenvolver o uso ou actuación, no que atinxe aos efectos desta sobre os elementos e valores da paisaxe.

c) A adecuada integración paisaxística das obras, construcións ou instalacións que se pretendan realizar, de acordo cos criterios que recolle este regulamento e os que establecen os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, en particular as directrices de paisaxe.

d) O efecto acumulativo que pode ter sobre a paisaxe a implantación de sucesivas construcións ou instalacións nunha mesma zona.

2. Os informes sobre usos e actividades cualificadas como compatibles polo Plan de ordenación do litoral de Galicia comprobarán os seguintes aspectos:

a) Que ningunha das actuacións que comporte o proxecto estean cualificadas como incompatibles nalgunha das áreas continuas ou descontinuas do Plan de ordenación do litoral.

b) As circunstancias que xustifiquen a realización da actuación, coas cautelas que procedan en atención ás particularidades de cada área do Plan de ordenación do litoral.

c) A adecuada integración paisaxística das obras, construcións ou instalacións que se pretendan realizar, de acordo cos principios e criterios que establece o Plan de ordenación do litoral para cada unha das súas áreas, así como os que recolle este regulamento e os que establecen os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, en particular as directrices de paisaxe.

d) O efecto acumulativo que pode ter sobre a paisaxe a implantación de sucesivas construcións ou instalacións nunha mesma zona.

3. Se os informes a que se refire este artigo estimasen que a actuación pode provocar impactos negativos sobre a paisaxe, sinalarán as medidas ou solucións de deseño que poidan reducilos e mellorar a integración paisaxística.

Artigo 45. Alcance

1. Os informes sobre usos e actividades regulados nesta sección teñen carácter vinculante e así o expresarán, nos aspectos en que a actuación vulnere, de ser o caso, determinacións normativas de carácter vinculante establecidas pola lexislación de protección da paisaxe, polos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe ou polo Plan de ordenación do litoral de Galicia.

2. En virtude do seu carácter vinculante, os informes poderán considerar inviable unha determinada actuación, se non se aprecian alternativas de localización ou de deseño que permitan asegurar a adecuación daquela á lexislación de protección da paisaxe, aos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe e ao Plan de ordenación do litoral.

Disposición transitoria segunda. Avaliación paisaxística de usos e actividades en áreas de especial interese paisaxístico en municipios con planeamento non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia

Nos municipios con instrumentos de planeamento urbanístico xeral non adaptados á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, será preceptivo obter o informe favorable do Instituto de Estudos do Territorio regulado na sección 3ª do capítulo IV, con carácter previo ao título habilitante de natureza urbanística ou á autorización autonómica prevista na devandita lei, para os usos e actividades que se localicen en áreas de especial interese paisaxístico delimitadas polo Catálogo das paisaxes de Galicia ou en espazos de interese paisaxístico delimitados polo Plan de ordenación do litoral de Galicia.

Noveno.- A continuación están as unidades da paisaxe delimitadas no POL e que afectan ao parque eólico Salgueiras:

  • Sector Costa de San Hadrián e Roncudo (tipo litoral):

Enseada de Niñóns

Santa Mariña e Niño do Corvo

A Arbosa

Enseada da Barda

O Roncudo

  • Sector Ría de Corme e Laxe (tipo litoral):

O Aguillón

Corme

Brañas de Gondomil

Cantís do Canteiro

Praia de Balarés

Monte Branco

Unidades paisaxísticas incluidas no POL

Tanto a Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección de paisaxe de Galicia, como o Convenio Europeo da Paisaxe (CEP, 2000) definen a paisaxe como “calquera parte do territorio tal e como a percibe a poboación, cuxo carácter sexa o resultado da acción e da interacción de factores naturais e humanos”, tamén define política de paisaxe como “a expresión por parte das autoridades públicas competentes dos principios xerais e as estratexias e directrices que permiten a adopción de medidas específicas orientadas á protección, xestión e planificación das paisaxes” e por último define os obxectivos de calidade paisaxística como “a formulación por parte das autoridades públicas competentes, para unha paisaxe concreta, das aspiracións da colectividade en relación ás características paisaxísticas da súa contorna”. Para chegar a unha correcta protección, xestión e ordenación das paisaxes galegas, a citada Lei establece, no capítulo III. Existen unha serie de instrumentos para a protección, xestión e Ordenación da Paisaxe e para o seu desenvolvemento que se expoñen brevemente a continuación:

– Os Catálogos da paisaxe de Galicia, son uns documentos de referencia sobre o territorio galego nos que se deberá delimitar as grandes áreas paisaxísticas onde se identificarán cada tipo de paisaxe e as súas características. Tamén identificarán en cada caso as Áreas de Interese Paisaxístico atendendo aos valores naturais e culturais do lugar.

– As Directrices de paisaxe, que están baseadas nos Catálogos de Paisaxe definen e precisan os obxectivos de calidade paisaxística de cada unidade, estes deben reflectir as aspiracións da cidadanía ademais de propoñer medidas e accións específicas para aquelas áreas que se atopen degradadas, así como unha serie de normas que unha vez aprobadas terán carácter vinculante para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística.

– Os Estudos de impacto e integración paisaxística, que son documentos específicos nos que se avaliarán os efectos e impactos que o proxecto poida provocar na paisaxe e as medidas de integración paisaxística propostas polas entidades promotoras, deberán conter unha diagnose do estado actual; as características principais do proxecto; unha valoración do impacto previsto sobre a paisaxe; unha xustificación de como se incorporaron ao proxecto as directrices establecidas en cada unidade de paisaxe e os criterios e medidas a adoptar para alcanzar a súa integración.

Galicia é a comunidade española coa fachada litoral máis extensa, a esta dimensión hai que engadir a singularidade dunha costa marcada por profundas rías, marismas e estuarios, cabos, areais e cantís, que lle confiren un enorme valor ambiental e paisaxístico, convertendo en paisaxe un activo económico de primeira orde. Este patrimonio ofrece innumerables oportunidades para o desenvolvemento de diversas actividades froito da súa enorme capacidade de atracción.

A destrución de elementos ambientais e paisaxísticos que ocupan un espazo valioso, escaso e  irreproducible polos usos que nel xéranse supoñería un enorme fracaso para a sociedade galega.

Ata a data, dado o carácter recente dos instrumentos contemplados por esta nova lexislación, non se levaron a cabo nin o catálogo de paisaxe litoral nin as súas consecuentes directrices de paisaxe. Con todo, a análise realizada para identificar o ámbito de estudo e a súa división nas súas unidades de paisaxe é froito da intención do Plan de ordenación do litoral de asumir a concepción global e holística da paisaxe. Esta mirada integradora da paisaxe xorde como unha ferramenta para o análise pero tamén como un instrumento de reflexión para a valoración.

Décimo.- Que ocorre no caso do proxecto eólico de Salgueiras? Por que é ilegal?

1.- O informe do Instituto de Estudos do Territorio sobre o Estudo de Impacto e Integración Paisaxística de data de 23/07/2012 indica que o estudo de impacto e integración paisaxística presentado por Norvento, axústase formalmente (que non nos aspectos materiais ou de fondo)  aos contidos establecidos no artigo 11.2 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

“En calquer caso, recomendase ter especial coidado na aplicación das medidas protectoras e correctoras, ademais das de resturación que se sinalan na documentación achegada, as cales evitarán moitos dos posibles impactos diagnosticados e garantirán a axeitada integración paisaxística dunha infraestrutura desta natureza”.

Sen embargo, o IET non se pronuncia sobre a compatibilidade ou incompatibilidade do proxecto desde o punto de vista paisaxístico, é dicir, non se pronuncia sobre os aspectos materiais ou de fondo do estudo. Tampouco se pronuncia sobre a adecuada integración paisaxística das obras, construcións ou instalacións que se pretendan realizar, de acordo cos principios e criterios que establece o Plan de ordenación do litoral para cada unha das súas áreas, así como os que recolle a normativa da Paisaxe e os que establecen os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, en particular as directrices de paisaxe, nin o efecto acumulativo que pode ter sobre a paisaxe a implantación de sucesivas construcións ou instalacións nunha mesma zona, tendo en conta que a menos de 2 quilómetros está o parque eólico de Corme G-3.

Véxase o informe emitido polo IET:

Hai que ter en conta que as infraestruturas do parque eólico están incluídas no ámbito de aplicación da normativa do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL), nas unidades de paisaxe Monte Branco (05.02.182), Praia de Balarés (05.02.181), Brañas de Gondomil (05.02.179), Esterio do Anllóns (05.02.183) e Cantís do Canteiro (05.02.180). Parte das infraestruturas inciden sobre un espazo de interés, espazo de interese paisaxístico (Cantís do Canteiro) e espazo de protección de ladeira”.

Se o informe estimase que a actuación pode provocar impactos negativos sobre a paisaxe, sinalará as medidas ou solucións de deseño que poidan reducilos e mellorar a integración paisaxística.

Vulnérase por tanto o artigo 44.2 do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, o resto da normativa das Paisaxes e o Plan de Ordenación do Litoral.

2.- A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental recoñece expresamente no texto da Declaración de Impacto Ambiental a proximidade do proxecto á zona especial de conservación (ZEC) Costa da Morte (espazo que con distintas delimitacións posúe tamén as categorías de zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e zona de especial protección para as aves (ZEPA).

Segundo o artigo 2 e o artigo 6 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, debera existir unha Avaliación das Repercusións sobre a Rede Natura 2000, aspecto que non existe na documentación do expediente administrativo.

A aplicación do principio de precaución aconsella que cando se aprecie que existe obxectivamente algunha “posibilidade” de afección sobre algún espazo RN2000, entón a avaliación de impacto ambiental ha de considerar e incluír a avaliación de repercusións sobre Rede Natura 2000, e coa información que se xere os órganos ambientais competentes poderán apreciar se os efectos avaliados son significativos ou non.

En proxectos do Anexo II da Lei 21/2013, para determinar se existe algunha “posibilidade” de afección sobre algún espazo RN2000 que requira abordar dita avaliación, o promotor pode solicitar opinión ao órgano de xestión da Rede Natura 2000, ou ben exporse unha serie de preguntas como:

  • Hai espazos RN2000 xeograficamente solapados con algunha das accións ou elementos do proxecto nalgunha das súas fases? Hai espazos RN2000 na contorna do proxecto que se poden ver afectados indirectamente a distancia por algunha das súas actuacións ou elementos, incluído o uso que fai de recursos naturais (auga) e os seus diversos tipos de residuos, verteduras ou emisións de materia ou enerxía?
  • Hai espazos RN2000 na súa contorna nos que habita fauna obxecto de conservación que pode desprazarse á zona do proxecto e sufrir entón mortalidade ou outro tipo de impactos (p. ex. perda de zonas de alimentación,  campeo, etc)?
  • Hai espazos RN2000 na súa contorna cuxa conectividade ou continuidade ecolóxica (ou o seu inverso, o grao de illamento) pode verse afectada polo proxecto?

Se a resposta a algunha destas preguntas é Sí, ou existen dúbidas, entón débese realizar a avaliación de repercusións sobre natura 2000, e incluíla dentro dos documentos de avaliación de impacto ambiental (simplificada ou ordinaria) do proxecto.

Porción da ría de Corme -Laxe, fronte á praia da ría Covo. Panorámica tomada desde o aeroxenerador número 3 en dirección oeste

No caso de proxectos que non estean nos Anexos I e II da Lei 21/2013, corresponde, en primeiro lugar ao promotor do proxecto, e en segundo lugar ao órgano substantivo, o realizar un filtrado elemental para apreciar se existe ou non algunha “posibilidade” de afección que determine a avaliación de repercusións  RN2000 e a realización dunha avaliación de impacto ambiental simplificada do proxecto.

Recoméndase abordar a avaliación de repercusións sobre RN2000 en calquera caso en que se aprecie obxectivamente algunha “posibilidade” de afección, á marxe de que esta acabe ou non cualificándose como “apreciable” ou “significativa” cando a avaliación iniciada proporcione información suficiente.

No presente caso non se realizou a avaliación de repercusións sobre natura 2000 nin consta nos documentos de estudo de impacto ambiental nin de avaliación ambiental, a pesar da clara afección a esta.

Aplicación normativa:

  • Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres
  • Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. ZEC COSTA DA MORTE (ES1110005), ES1110015 Río Anllóns.

Afeccións á Paisaxe e á Rede Natura

No documento presentado pola promotora do parque eólico Salgueiras denominado “Anexo 5. Estudio de impacto paisajístico e incidencia visual. Estudio de impacto ambiental “Parque Eólico Salgueiras”. Ref: I1108-06-AN-05-ME 01”, páxinas 35, 36, 37, 38, 39, 40, 41 e seguintes, a mercantil indica literalmente:

“Una vez comprobada la cartografía del POL, es de señalar que el Parque Eólico Salgueiras se localiza dentro de las unidades de paisaje definidas en el ámbito del POL como “Brañas de Gondomil”, “Esteiro de Anllóns”, “Praia de Balarés”, “Cantís de Canteiro” y “Monte Branco”.

A continuación se describen de forma detallada las tres unidades de paisaje afectadas por el proyecto por el proyecto: “Brañas de Gondomil”, “Esteiro de Anllóns”, “Praia de Balarés”.

Se descarta de la descripción y del análisis de calidad y fragilidad la unidad de paisaje “Cantís de Canteiro” pues se ve afectada en muy pequeña superficie por las infraestructuras de proyecto (únicamente por parte de una pequeña superficie de la plataforma de una antena meteorológica y por unos 250 metros del acceso a esta instalación). Esta unidad de paisaje destaca por su paisaje de acantilado con ensenadas y salientes redondeados de cantiles convexos y potentes, en los que una pared rocosa de inclinación variable da paso a vertientes bajas de pendientes notables. Las vertientes inferiores y los cantiles están incluidos en el LIC Costa da Morte y en la IBA Costa da Morte.

Se descarta así mismo el análisis de la unidad “Monte Branco” pues únicamente se emplazan sobre la misma los primeros 200 metros de acceso al parque que, en todo caso, discurren sobre un vial existente. En todo caso, la incidencia visual sobre las mismas y la valoración de los posibles efectos derivados de la construcción y funcionamiento del parque eólico sí se tienen en cuenta en el presente estudio”

A promotora vai descartando unidades da paisaxe, pese a resultar afectadas polo proxecto eólico.

“Brañas de Gondomil

En esta unidad paisajística, definida por el Plan de Ordenación Litoral de Galicia, cae parte del LIC Costa da Morte, concretamente la faja litoral de las brañas de Gondomil hasta la Playa de Ermida. La unidad incluye la vertiente noroeste del Monte Calvelo y el valle del rego de Guxín. Se caracteriza por pendientes de llanas a moderadas en las zonas de valle y de media ladera y de moderadas a fuertes en cotas más altas.

La vegetación predominante es la repoblación forestal a pino y eucalipto y matorral en las laderas y un mosaico de cultivos y pastizales en las zonas de valle donde se asienta la mayoría de los núcleos de población: Froxán, Guxín, A Aldea. Las zonas de mayor altitud del Monte Calvelo están clasificadas por el POL como Espacio de Interés Paisajístico y de Protección de Ladera. Estos ámbitos, en atención a sus características naturales singulares, son merecedores de un especial tratamiento.

En esta unidad paisajística cae la Playa de Ermida, de grandes complejos sedimentarios, desde la que es posible divisar la Illa de la Estrella. La Playa, con su sistema de dunas y marisma, forma parte de la zona húmeda “Brañas de Gondomil”, incluida en el inventario de zonas húmedas de Galicia.

En esta unidad paisajística se emplaza el aerogenerador nº 6 y parte de los viales de acceso a las máquinas. Cabe destacar que ninguna de las infraestructuras del parque se emplaza en el LIC Costa da Morte o en otro espacio protegido estatal o gallego, ni en las áreas estrategias de conservación y corredores ecológicos establecidos según las directrices de ordenación del territorio (Decreto 19/2011, de 10 de febrero).

Esteiro de Anllóns

La unidad paisajística del Esteiro de Anllóns se caracteriza por altitudes moderadas, siendo las cumbres más elevadas As Fontaíñas (192 m) y Monte da Costa de Carballido (196 m). Aquí cae la vertiente sureste del Monte Calveo, que presenta fuertes pendientes que llevan bruscamente hacia el valle donde discurre el río Anllóns y sus afluentes costeros.

En esta zona se encuentran parte de los viales de acceso a las instalaciones del parque, la subestación y centro de control, y los aerogeneradores nº 1 y 5, además de la antena nº2.

En el valle se asientan los núcleos de población como Ponteceso, A Trabe, Carballido y O Briallo, rodeados de un mosaico de cultivos, prados y pastizales. En las zonas de mayor cota la vegetación dominante es la repoblación forestal a pino y eucalipto, donde se pueden distinguir algunas manchas de matorral. A lo largo del río destacan área de bosque de ribera, mientras hacia las zonas de marisma se encuentra vegetación típica de humedales.

Esta unidad se sitúa en la cuenca del Río Anllóns, que aquí encuentra su desembocadura en el Océano Atlántico. El sistema formado por el estuario, las playas y el río forma un Espacio de Interés Geomorfológico definido por el POL y también parte del LIC (y ZEPA) Costa da Morte. En esta unidad paisajística además, se encuentran algunos Espacios de Interés Paisajístico y Protección de Ladera, como la vertiente este del Monte Calvelo, el Monte da Serra, el Monte Ardal y el Monte de Arxameá.

Praia de Balarés

Esta unidad paisajística presenta dimensiones muy reducidas, incluyendo la playa de Balarés y las laderas que la rodean por los tres lados costeros. Forma parte del LIC Costa da Morte, y del Espacio de Interés Paisajístico y Geomorfológico del estuario del Río Anllóns. En esta unidad se encuentran también los Espacios de Protección de Ladera de Monte Calvelo y del Monte Branco.

Las laderas son caracterizadas por pendiente de fuerte a abrupta, con ocasionales escarpadas, características de esta costa, y la vegetación predominante es la repoblación forestal a pino y eucalipto y el matorral. Hacia zonas de menor cota el único núcleo de población presente (Balarés) se encuentra rodeado por un área de cultivos y prados, mientras la franja más bien litoral presenta típica vegetación costera desarrollada sobre un importante sistema de dunas.

La playa de Balarés, al igual que las otras playa del entorno, está afectada por una intensa explotación turística durante los meses veraniegos, como testimonia la presencia de un restaurante frente a la playa y de un área recreativa equipada con mesas y bancos de piedra y parillas, situada en el pinar próximo.

En las zonas de mayor altitud de esta se localizan las infraestructuras del parque. Concretamente los aerogeneradores nº 2, 3 y 4 y la antena nº 1”

Ao fondo o proxecto eólico de Corme, G-3, a menos de 2 quilómetros

“Al analizar los factores de fragilidad visual esta presenta una valoración medio-alta: dominancia de planos verticales y ondulados; vistas parcialmente cerradas por el entorno; vegetación herbácea o arbórea con ciertos contrastes; dominancia de agua en movimiento y presencia de zonas pertenecientes al LIC y ZEPA Costa da Morte, de un Espacios de Interés Geomorfológico y de dos Espacios de Interés Paisajístico y de Protección de Ladera.

Calidade e fraxilidade visual das unidades paisaxísticas estudadas pola mercantil promotora

De todo o anterior dedúcese que o proxecto eólico das Salgueiras é nulo de pleno dereito, e por tanto non pode ser aprobado, por insuficiencia ambiental e paisaxística.

Que di o artigo 6 da Directiva 92/43/CEE del Consejo, de 21 de mayo de 1992, relativa a la conservación de los hábitats naturales y de la fauna y flora silvestres?

“1. Con respecto ás zonas especiais de conservación, os Estados membros fixarán as medidas de conservación necesarias que implicarán, no seu caso, adecuados plans de xestión, específicos aos  lugres ou integrados noutros plans de desenvolvemento, e as apropiadas medidas regulamentarias, administrativas ou contractuais, que respondan as esixencias ecolóxicas dos tipos de hábitats naturais do Anexo I e das especies do Anexo II presentes nos lugares.

2. Os Estados membros adoptarán as medidas apropiadas para evitar, nas zonas especiais de conservación, a deterioración dos hábitats naturais e dos hábitats de especies, así como as alteracións que repercutan nas especies que motivasen a designación das zonas, na medida en que ditas alteracións poidan ter un efecto apreciable no que respecta a os obxectivos da presente Directiva.

3. Calquera plan ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para a mesma, poida afectar de forma apreciable aos citados lugares, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans e proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar, tendo en cuenta os obxectivos de conservación do devandito lugar. Á vista das conclusións da avaliación das repercusións no lugar e supeditado ao disposto no apartado 4, as autoridades nacionais  competentes só se declararán de acordo con devandito plan ou proxecto tras asegurarse de que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión e, se procede, tras sometelo a información pública”.

Téñase en conta que conforme establece a Sentenza  TJUE (Sala Cuarta) de 16 febreiro 2012, o artigo 6, apartado 3, debe interpretarse no sentido de que non permite que unha autoridade nacional, aínda se é lexislativa, autorice un plan ou un proxecto sen asegurarse de que non prexudicará a integridade do lugar afectado.

Téñase en conta que conforme establece a Sentenza  TJUE (Sala Terceira) de 11 abril 2013, o artigo 6, apartado 3 debe interpretarse no sentido de que un plan ou un proxecto sen relación directa coa xestión dun lugar ou que non sexa necesario para esta causará prexuízo á integridade do devandito lugar se pode impedir o mantemento sostible das características constitutivas do lugar en cuestión relativas á existencia dun hábitat natural prioritario cuxa conservación xustificase a inclusión do devandito lugar na lista de lugares de importancia comunitaria, no sentido desta Directiva. Para os efectos desta apreciación procede aplicar o principio de cautela.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s